Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 17 septiembre 2021
03:26
h
ÉXITO UNIVERSITARIO. A titulación que coordina Francisco Omil e que ten quince anos de percorrido xa vén de recibir a mención de calidade que por primeira vez outorga a Xunta. O seu espíritu innovador, clave no recoñecemento TEXTO Lorena Rey

Selo de excelencia para o Máster en Enxeñaría Ambiental da USC

O máster en Enxeñaría Industrial da USC xunto ao de Bioloxía Molecular, Celular e Xenética (UDC) e o de Enxeñería Informática (UDC) foron as titulacións universitarias que veñen de recibir as Mencións de Máster Universitario Excelente. Trátase dos primeiros estudos do Sistema Universitario de Galicia en acadar este selo de calidade, que é pioneiro no conxunto do Estado. Este recoñecemento ten unha vixencia de cinco cursos académicos, ao final dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

A mención de Máster Universitario Excelente da Xunta de Galicia, impulsada pola Consellería de Educación, acredita, por unha banda, o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que acadan este recoñecemento; e, doutra banda, tamén supón unha garantía de futuro para os estudantes.

O máster premiado da USC ten xa quince anos de percorrido, aínda que se podería falar no seu conxunto de vinte anualidades. A súa concepción herdouna dunha iniciativa previa posta en marcha na USC no ano 2000: o Graduado Superior en Enxeñaría Ambiental, un posgrado liderado polos profesores Juan Manuel Lema e Gumersindo Feijoo que reuniu a un grupo de profesores pioneiros nos ámbitos da Ciencia e Enxeñaría Ambiental desde os anos 80. “Manuel Bao, Felipe Macías, Juan José Casares son algúns dos nomes que podería citar, entre outros moitos”, destaca Francisco Omil, catedrático e actual coordinador do mestrado.

espírito innovador O máster caracterízase polo seu “espíritu innovador”, segundo define Omil. Co paso dos cursos realizaron unha serie de propostas co obxectivo de ir crecendo. Así, entre os méritos destes estudios está dende ser no ano 2005 a primeira titulación con prácticas de empresa obrigatorias ata no 2008 incorporar materias impartidas en inglés, ou no ano 2013 chegar a asinar un convenio de patrocinio con Viaqua que supuxo, e supón aínda, un importante sostén económico para manter un ambicioso programa de visitas de campo e becas e premios.

Dos resultados acadados neste tempo, Francisco Omil pon en primeiro lugar o ter reunido un corpo “excepcional” de profesores, todos eles “seleccionados pola súa actividade investigadora, docente e por contactos con empresas”. Tampouco se esquece da alianza que manteñen co recén creado Instituto de Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus), organización na que participa a día de hoxe o 50 por cento do profesorado do máster, co obxectivo de seguir avanzando de forma conxunta.

A titulación conta cunha particularidade. É moi frecuente que os másteres dependan dun mercado interior –dos alumnos da propia Universidade–. En cambio, no de Enxeñaría Industrial os estudantes veñen máis doutras universidades e doutras rexións de España. “É un máster máis saudable porque capta a alumnos de máis partes e por tanto é máis sostible a longo prazo”, di Omil.

Cando se publicou no DOGA a convocatoria dos másteres de excelencia os seus responsables vírono “moi viable” e desde un primeiro momento recibieron ademais o apoio da Escola Técnica Superior de Enxeñaría. Eran conscientes ao mesmo tempo de que se trataba dunha candidatura moi competitiva. “Estamos falando dun máximo de seis mencións para toda a universidade galega, con máis de 200 másteres”, afirma o seu coordinador. En calquera caso afrontárono con moita ilusión. A memoria requerida foi presentada en xaneiro, e en marzo o covid paralizouno todo. “Pensaba que era unha iniciativa que ía quedar arquivada e sorprendeume cando a mediados de xullo se retomou sendo un dos másteres gañadores”, comenta.

Para Francisco Omil, como dirixente do máster, foi unha honra rematar deste xeito un curso tan atípico. “O máster funciona ben pero pensamos que debe renovarse e hai que aproveitar esta inxección económica para facer unha serie de accións co fin de dar un paso máis”, di. Así, teñen un programa de accións para os vindeiros cinco anos no que destaca a reforma do plan de estudos e o establecemento de contactos con universidades estratéxicas no norte de Europa ou Latinoamérica.

Así se avaliaron os mestrados

··· Para a concesión do selo tivéronse en conta os criterios de avaliación establecidos, que inclúen aspectos como a taxa de demanda, entidades públicas e privadas que colaboran directamente co mestrado, procedemento de selección do alumnado, porcentaxe de alumnos do estranxeiro, e a existencia de titorización e mentorización individuais, con ata 25 puntos. Tamén se valoraron con estes puntos os resultados do máster (resultados das enquisas de satisfacción do alumnado, o seguimento dos egresados no mercado laboral ou indicadores externos de recoñecemento (artigos, rankings...).

O profesorado do máster computou con ata 15 puntos, con aspectos como os seus méritos relevantes ou a adecuación do currículo docente e investigador cos contidos que se imparten no máster.

A estratexia do mestrado (visión, misión, plan de xestión para os próximos cinco cursos e melloras) puntou con ata 20 puntos.

Con ata 15 puntos valorouse o Plan de estudos; e con ata 10 puntos o apartado de Emprendemento, no que se ten en conta o compromiso cunha formación en emprendemento e autoemprego.

10 ago 2020 / 19:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.