Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
MARISA CASTRO CERCEDA / Socia e directora científica de MycoGalicia Plantae

“Ser docente implica dar unhas horas de clase, pero despois hai que ser decente”

Un centímetro de solo destruído pode tardar
ata quinientos anos
en restaurarse

Naceu no barrio da Ponte de Lugo. Licenciouse e doutorouse en Ciencias Biolóxicas na USC. Foi profesora titular na área de Botánica da Facultade de Bioloxía e Ciencias do Mar daUVigo.

Os seus colegas de profesión nomeárona “Bióloga do Ano”, polo seus máis de 30 anos de traballo na investigación e divulgación no eido da micoloxía. Que sentiu?

Para calquera persoa un premio é algo entrañable; pero se ven da mán dos teus compañeiros de profesión, creo que é máis emotivo, como dice o meu amigo Ramón Núñez, «unha homenaxe é unha sobredose de cariño». A verdade é que resultan difíciles de explicar os sentimentos ante unha situación como esta. Sei que hai máis biólogos merecedores que premios se poden dar, así que é de agradecer a toda a directiva do COB que pensara en min. Eu sempre me sentín unha nena labrega que, con fracos padriños e moito esforzo, de feito desde os 15 anos impartindo clases particulares e con algunha beca, conseguín chegar á universidade, licenciarse e doutorarse. Iso é xa de por si un premio na vida, este é só o culmen, o broche de ouro, diso.

Acaban de entregarlle o premio Á Galeguidade polo seu labor na defensa da nosa lingua, que sensación tivo?

Síntome galega polos catro costados, penso e vivo en galego, así que nun país como este onde a lingua galega, como dicía Castelao, é a nosa mellor identidade, o falala, defendela e espallala é un dereito, pero tamén, para un funcionario que cobra dos impostos de todos os galegos, creo que é unha obrigación. E prémianme por isto? Increible, pero emocionante.

Eu fun unha nena que na década dos 50 pensaba e se expresaba en galego e á que o castellano lle supoñía un esforzo, da que se burlaban na escola porque falaba mal a lingua fidalga... Este recoñecemento vén compensar de todos os sinsabores da infancia.

Ademais, considero o galego unha lingua viva, é dicir, atual e universal, porque os alumnos Erasmus que tiven procedentes de diversos puntos europeos e de norteamérica nunca deixaron de asistir ás miñas clases por usalo. Así que falar de ciencia nela é unha simple consecuencia da súa viveza e universalidade, de axudar a que teña unha vida longa e sen complexos. É cuestión de respecto e boa vontade!

Xubilouse recentemente na Ude Vigo, a que proxectos se vai dedicar?

A xubilación, a «reforma» que din os portugueses, é iso, unha mudanza. A pesar de ser docente vocacional recoñezo que a docencia é moi dura e non sempre ben valorada. Ademais, nós vamos gañando anos e os alumnos teñen sempre a mesma idade e co tempo xa te tratan de vostede e non é tan doado empatizar con eles. Ser docente implica dar unhas horas físicas de clase, pero despois hai que ser tamén decente, é dicir, actualizar os coñecementos continuamente, preparar as clases e os cuestionarios de avaliación, corrixilos e cualificalos... Son moitas máis horas que aquilo que nos contabilizan, e con grupos de 60-80 alumnos non é fácil ter unha calidade docente como a que unha quere. Iso fíxome reflexionar e quería ter algún tempo, antes de deixar esta vida, para min, para a parella, para os fillos e para aqueles proxectos que me gustaría desenvolver.

A investigación nunca se deixa. Cando se comeza nese mundo interiorízase, como se di agora, forma parte do noso ADN e xa vai con nós para a terra. Se a docencia é fascinante, a investigación non o é menos. E, o principal proxecto novo que quero desenvolver é dedicarme a escribir outras cousas: contos, novela, historias de vida... Tiven unha vida moi chea e quero dalgunha maneira transmitila, especialmente a experiencia da adopción de dúas persoas que estaban a comezar coa súa adolescencia. Traen unha mochila moi cargada e veñen sen libro de instruccións... Esa experiencia pode axudar a outros/as.

Coa su marcha pechou o laboratorio de Micoloxía, logo de 31 anos de investigación, non é un despropósito?

Ao principio foi difícil facer que funcionara, pero si o Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo foi un referente en Galicia desde hai algo máis de 25 anos. E agora mesmo non queda ningunha persoa contratada para que o conserve en activo, só, e de momento, a empresa de innovación MycoGalicia Plantae, da que son socia e directora científica, asociada ao grupo de investigación de Bioloxía Ambiental, e tres teses de doutoramento comezadas, codirixidas por algun/ha compañeiro/a. Cando iso acabe quen sabe o que vai pasar.

Esta política universitaria, sen pensar nas necesidades do país, é un despropósito, e supoño que a iso se refiren as persoas cando din que a investigación non sempre responde ás necesidades da xente e da contorna», que os investigadores viven alleos ao resto do mundo. «A realidade é que os gobernos viven alleos a este e a ese mundo».

Vostede defende á xestión sostible dos bosques, facémolo? Potenciamos esa riqueza na nosa terra?

É importante diferenciar bosques (autóctonos) e plantacións forestais. En Galicia os bosques están moi mal coidados, deixaron de aproveitarse os seus recursos, como a leña ou o pastoreo, e cada vez hai máis biomasa descontrolada que pouco axuda na súa conservación.

Nas plantacións ocorre algo semellante, por un lado, úsanse esencialmente especies pirófilas de crecemento rápido que axudan a expandir os lumes, e por outro, as árbores plántanse e, salvo honrosas excepcións, espérase a que medren e, senón arderon antes, córtanse e véndese para rentabilizar algo a terra a corto prazo. No futuro non se pensa: «un centímetro de solo destruído pode tardar ata 500 anos en restaurarse».

A palabra máis descoñecida polos propietarios dos montes galegos é «silvicultura» e sen ela pouco aproveitamento se pode facer. De feito, os cogumelos, un produto interesantisimo desde o punto de vista económico, en montes sen limpar non pode ser aproveitado.

Lumes, solos, microbioloxía e fauna, defendemos o medio ambiente?

A prova de que o medio ambiente non se defende é que a mudanza climática a nivel global é cada día mais clara e vai, anormalmente, demasiado rápida. Xa o dixo o químico Lovelock en Gaia, a terra funciona como un todo e se alteramos algunha das partes, toda ela se desequilibra e ocorre o desastre.

Cando deixamos que o monte arda ou cando contaminamos os solos e as augas está claro que matamos a microbiota, os microorganismos que forman parte deles, como os fungos. As plantas sen fungos non poden desenvolverse e sen plantas non hai animais, incluídos nós os humanos... Como non se poña remedio pronto, este Planeta será destruido.

Aproveitamos ben os cogumelos? Coñecemos a súa repercusión no rural? Valoramos o produto?

Evidentemente, en Galicia, non se aproveitan ben os cogumelos, por un lado, a maior parte dos que os recollen e utilizan son aficionados que non pagan por apañalos, non se respeta a lei e continúase a apañar indiscriminadamente, sen pensar que estamos a matar «a galiña dos ovos de ouro».

Por outro lado, o rural cada vez está mais envellecido e as persoas que viven nel non teñen capacidade para aproveitar outros produtos forestais, como cogumelos, froitos silvestres, plantas aromáticas... E, os propietarios máis novos descoñecen, ou non lles importa, o valor que están botando a perder, monetario e ecolóxico.

Como promover a súa riqueza? Poderíamos ser unha potencia micolóxica? Que fan noutros países?

Galicia podería ser unha potencia micolóxica se as plantacións forestais foran con especies adecuadas para iso, como o castiñeiro, con marcos de plantación axeitados, con tratamentos silvícolas que coñezan a micobiota e con empresas que manufacturen o produto, que o preparen no país para distribuílo. Non se pode apañar e envialo a outras zonas para manufacturalo e comercializalo, os postos de traballo vanse e cos intermediarios o precio do recurso aumenta un 100 % ou máis, diñeiro que queda fora deste país.

Para ver exemplos de aproveitamento coherente non hai que sair da Península Ibérica. Se nos desprazamos á comarca de Aliste (Zamora) vemos máis empresas manufacturadoras de cogumelos que en toda Galicia. E non me irán a convencer que Zamora é micoloxicamente máis rica que a nosa Comunidade, simplemente compran aquí, alá e en Portugal a prezos ridículos e logo distribúen con pingües beneficios.

A súa “Guía micolóxica dos ecosistemas galegos” recolle as 556 especies máis habituais de Galicia. Con que fin a publicou?

Cando se publica unha guía, e sabendo como está o mercado editorial, o obxectivo máis importante dos autores é dar a coñecer aquelo do que saben un pouco máis, de compartir e de axudar a mellorar o coñecemento, neste caso a cultura micolóxica.

Esa guía da editorial Baía, como a de Xerais, caracterízanse por divulgar micoloxía dun xeito serio, científico, pero cunha linguaxe fácil de entender por todo o mundo para formar persoas cunha base seria e obxectiva, por iso, en ambos casos a identificación das especies faise mediante claves dicotómicas e non só por debuxos ou fotografías. Non se pretende que as persoas coleccionen especies raras e distintas, senón que aprendan algo de ciencia.

Por outro lado, con esta guía de Baía Edicións quixemos marcar as diferencias da diversidade que hai entre os diversos ecosistemas e ver que algúns cogumelos están unicamente relacionados con certo tipo de árbores ou de sustrato e que non aparecen por todos os lados e en calquera parte.

Por que a botánica é una ciencia feminina? E a micoloxía? Como a promocionaría entre os universitarios?

A botánica, como a micoloxía, non son ciencias estrictamente femeninas, porque ambas existen desde a antigüidade e a muller ata agora estivo bastante relegada no mundo do coñecemento, da investigación, do traballo e da vida, con todo, son frecuentes as mulleres nestas áreas de coñecemento porque a taxonomía, a identificación de especies e a súa clasificación, son traballos árduos, que esixen meticulosidade e constancia e iso, non son palabras miñas senón doutra investigadora, Creu Casas, son cualidades constantes na muller.

Agora está de moda que os biólogos se dediquen a temas moi profundos relacionados coa saúde, coa ecoloxía... pero quérenme explicar como van traballar con organismos se non saben identificalos, se non son capaces de darlles un nome correcto?

Os taxónomos, botánicos, micólogos, microbiólogos e zoólogos, teñen futuro no mundo da investigación e, agora que as técnicas moleculares xenéticas e bioquímicas se manifestan como imprescindibles para dar o nome correcto a unha especie, cada vez vanse necesitar persoas máis cualificadas, investigadoras mellor preparadas, doutoras, para traballar en micoloxía, porque non esquezamos que «o que come cogomelos non é micólogo, como moito é un experto nos comestibles», nin máis, nin menos. A micoloxía é unha ciencia!

11 jul 2022 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito