Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Ser para estar

e Parlamentaria autonómica

Lugar, unha palabra que na idiosincrasia galega gozou de grande importancia noutras épocas. Aquelas épocas nas que o termo trascendía a máis literal denotación para tomar sentido asociando o parámetro máis físico a condicionantes afectivos, laborais e familiares, referíndose ás raíces máis fondas da nosa existencia. Lugar como elemento chave na identificación, na formación de referentes, no desenvolvemento socioemocional, nas interaccións con iguais, na formación de vínculos e no fortalecemento da personalidade.

Os lugares ocupan espazos físicos pero, lonxe de reducirse a isto, os lugares ocupan, tamén, un tempo e non só un tempo real senón un tempo na memoria e, aínda máis, un tempo no imaxinario persoal e colectivo.

Os lugares contan historias, dos que veñen, dos que van, dos que quedan. Os lugares son escenarios de evolución, de cambios e de mudanzas. Os lugares marcan, pesan, ilusionan e transforman. Os lugares forman parte das nosas vidas se somos quen de darlles entrada, se somos quen de recrearnos neles, mais quedan alleos cando non os recoñecemos, cando borramos deles a nosa pegada, cando fuximos non só co corpo senón co espírito.

Hoxe, no día do Apóstolo, no día de Galicia, permíntanme que poña en valor o meu lugar, Compostela. Cidade única, referente e universal, cidade que está pero que non sempre é. Reflexiono, a raíz do meu afán de asociar acontecementos que se sobrepoñen cronoloxicamente e que, máis a miúdo do que pensamos, se relacionan entre si, reflexiono, dicía, sobre a diferenza entre o ser e o estar; accións, estas, que semellan complementarias pero que non sempre coinciden. Pode parecer inverosímil a posibilidade do ser sen o estar, pero o que cada día resulta máis frecuente é o risco de estar sen ser. Pois ben, como nativa, veciña e admiradora de Santiago, trato, cando podo, de pasear polas súas rúas, deixarme levar polos seus sons, desfrutar co recender dos seus parques e sentir a maxestuosidade inerte das súas pedras.

Levándome todo isto, cada día con máis inquedanza pero nunca con resignación, a contemplar como, pouco a pouco, se lle arrebata a súa condición de ser para que, simplemente, estea, cal espectadora ou actriz de reparto que ansía a súa oportunidade de converterse en protagonista do guión.

Certo é que ao visitante, peregrino, viaxeiro, camiñante, turista, a chegada resúltalle plena de satisfacción, chea de gozo e de enerxía, ante as expectativas colmadas, ante os logros obtidos, ante as metas acadadas, despertando nel, incluso, ansias por voltar axiña. Pero, pregúntome, que pasaría se esa persoa de fóra, allea á vida cotiá desta cidade, da súa rutina, das súas dinámicas, ficase nela por meses, por anos, por décadas e puidese contemplar a súa deterioración, a súa conversión nunha sorte de parque temático, o seu permanente disfrace abufonado tras a máscara do entretemento superficial.

Reivindico, desde estas páxinas, unha cidade que sexa, o desexo dunha cidade que non se alimente, exclusivamente, do pasado, que aproveite o presente e que constrúa un futuro, para os que vivimos hoxe nela e para os que vivirán nela mañá. Unha cidade que fusione con orde, unha cidade que potencie os seus recursos, sen medo pero con respecto, sen mediocridade pero con prudencia, sen conformismo pero con memoria, sen estridencias pero con ambición.

Santiago merece máis, meréceo todo, Santiago precisa coidado e atención desde dentro, desde o sentimento, desde a reflexión, desde a proxección centrífuga, desde a análise serea. Santiago debe abrir horizontes, nunca pechalos, porque Santiago ofrecerá máis canto máis teña, de dentro cara fóra, non só de fóra cara a dentro.

Apelo, desde esta ventá aberta ao mundo, a novos aires para Compostela, aires frescos, aires descontaminados, aires de cambio que confirmen, desde o noso lugar, que hai cidade e, polo tanto, que hai esperanza para volver ao ser.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito