Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Soben as notas de corte e na USC catro titulacións sitúanse xa por riba do 13

En todo o sistema universitario galego hai en torno a unha quincena de graos que superan a nota de corte de 12 puntos

A excepcional situación vivida este ano afectou ao curso académico: semella que a docencia online beneficiou ao alumnado, pois aumentou o número de matrículas para a realización das probas ABAU (Avaliación do Bacharalato para o Acceso á Universidade). Agardábase que o aumento de aspirantes e número de aprobados na selectividade trouxese un incremento nas notas de corte das titulacións. E así foi.

Según o primeiro listado publicado pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), a maior cualificación para entrar este ano na universidade galega será, cun 13.691, a do dobre grao de Matemáticas e Física, que o pasado rexistraba un 13.552. Sígueo a tamén dobre titulación en Enxeñaría Informática e Matemáticas, que cun 13.479 aumenta máis de tres décimas con respecto ao pasado ano. As dúas son da USC.

Ao contrario que no curso 2019-2020, o terceiro posto deste podio é ocupado polo dobre grao de Química e Física, que cun 13,125 supera non só a súa propia anterior cualificación (11,960) senón tamén á típica terceira posición deste ranquin: a dobre titulación de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que este ano se mantén nun 12,96. Estas dúas tamén son da USC.

Medicina volve aumentar, pasando a barreira do 13 e rexistrando un 13,031 como nota do último alumno admitido na primeira quenda de matriculación. Finalmente son catro as titulacións –dobles graos incluídos– que sitúan provisionalmente a nota de corte en máis de 13, todas no campus de Santiago.

Aproximadamente outras 15 obrigan a ter unha puntuación superior ao 12, entre as que destacan, na institución compostelá, o dobre grao de Xornalismo e Comunicación Audiovisual (cun 12,960), Biotecnoloxía (un 12,952), Odontoloxía (12,696), Enfermaría (12,671 cando o curso pasado pechou cun 11,04), Matemáticas (12,563) e Física (12,50).

No Campus de Santiago rexistráronse subidas de ata un punto ou máis na maior parte de carreiras, como ADE, que pasa dun 7,022 a un 8,548; ou Bioloxía que rexistra un 11,5 fronte ao anterior 9,854. O maior ascenso experiméntao Química, con case 3 puntos de diferencia co pasado ano e acadando un 10,890. Pola súa banda, o Campus de Lugo conta cun destacable aumento nas carreiras de ciencias da saúde e de educación. Deste xeito, as máis altas son de Bioquímica (12,240), Veterinaria (11,670), a simultaneidade de Mestre en Educación Infantil e Primaria (11, 580) e Enfermaría (11.413).

Na Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, a maior parte das notas elévanse un punto; ata chegar ás, parece, favoritas e máis demandadas: Enxeñaría Aeroespacial, que pasa dun 10,262 a un 12,070; o dobre grao de ADE e Enxeñaría Informática, dun 7.910 sube a un 10.856; e Enfermaría, que supera ao anterior 9.560 cun actual 11.650.

Da mesma universidade pero no Campus de Pontevedra, os maiores cambios danse en Belas Artes, que viu case 3 puntos aumentada a nota provisional de corte, cun 8,347; xunto con Enfermaría (11,690), Fisioterapia (11,550) e Ciencias da Actividade Física e do Deporte (10,249), que, cunha subida de case 2 puntos, se levan o podio.

No Campus de Vigo a palma lévana Enxeñaría Biomédica (12,440); o dobre grao de Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica (12,122); e o tamén dobre de Enxeñaría Biomédica e Electrónica, Industrial e Automática (12,058). Destacables son os aumentos das Enfermaría tanto no Meixoeiro como en Povisa que aumentaron máis de punto e medio, alcanzando 11,800 e un 10,907 respectivamente.

Na Universidade da Coruña, na mesma cidade, as cualificacións máis altas repártense entre dous estudos sanitarios: Enfermaría (12,198) e Fisioterapia (11,871); ademais da dobre de ADE e Dereito (11,734). Outras como Bioloxía (10,550) ou Educación Infantil (9,140), viron alteradas as súas notas ata máis dun punto e medio. No Campus de Ferrol, Enfermaría tamén semella ser a favorita, pois rexistra a maior puntuación, un 11,324; seguida de Xestión Industrial de Moda, cun 10,610; e rematando coa Enxeñaría Industrial e Desenvolvemento de Producto, cun 9,644. Estas últimas, ademais, sufriron un aumento maior de 4 puntos con respecto ao pasado curso.

desde onte
aberto o prazo de matrícula

A apertura do primeiro prazo de matrícula en titulacións con límite de prazas nas tres universidades de Galicia é para os alumnos e alumnas das probas da ABAU, titulados de FP, titulados universitarios e maiores de 25 e 45 anos, estranxeiros de países non membros da Unión Europea, deportistas de alto nivel e estudantes con discapacidades preinscritos en xullo.

Soamente poderán matricularse aqueles que posúan unha cualificación igual ou superior á do último convocado en cada titulación, información que se facilitou dende onte día 11 pola mañá vía internet a través da plataforma do programa Nerta.

As persoas xa convocadas neste primeiro prazo puideron comezar o proceso de matrícula a partir das 00.01 horas de hoxe ata as 23.59 horas de mañá. Mentres, quen se atope en lista de espera, deberá confirmar o seu interese de continuar nela a partir das 23.59 h do mesmo día de mañá na plataforma Nerta.

12 ago 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito