Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
25X

Un Ano Santo que dura dous anos

Investigadora en Micoloxía e divulgadora científica

Ata a década dos 80 non existía o Xacobeo, era simplemente o Ano Santo Compostelá e duraba iso, un ano, pero neste momento tan atípico pasou a ser un ano de 24 meses. Este ano tamén foi en acontecementos un ano dobre, por un lado a pandemia da COVID-19 que tanto dura e, por outro, a pandemia das guerras, que tamén dura demasiado e que este ano se fixo máis visible porque abriu vellas feridas ás portas de Europa. Está máis perto da casa e os países «amigos» máis diretamente implicados. Todos pensabamos que o «telón de aceiro» se derretera e de repente, a punto de acabarse o primeiro cuarto do século XXI, volveu a solidificar.

É evidente que todas as guerras non son iguais aos ollos das persoas. Isto traeme á memoria unha viñeta que vin este ano e me impresionou moito: dous nenos do Iemen, un deles ten posta unha máscara, polo que o outro preguntalle: «e ti para que pos unha máscara de europeo?», ao que lle responde o mascarado: «é para ver se pensan que son ucraino e así se fixan en nós e se dan conta do que estamos pasando».

En calquera caso, son loitas desiguais entre a humanidade e os elementos, como diría Felipe II ao perder a «Armada Invencible». Unhas por culpa de non se sabe que microorganismo/s e outras, tamén polo ismo, pero neste caso egoismo, acompañado de megalomanía, ambición, ansias de poder a calquera custo dalgúns seres humáns. Uns moi visibilizados e outros semiocultos por unha patina de democracia e liberdade. Demasiado parecidos para diferencialos!

Aínda ben, que no medio atópase a paz, a tranquilidade, o percorrer, cun mesmo ou cos amigos, o longo Camiño Xacobeo que, a semellanza da vida, ten costas abaixo e costas arriba.

Unha peregrinación, por chamarlle dalgunha maneira, curiosa. A outros santuarios van persoas creentes, relixiosas, e moitas veces rodeadas dun misticismo sacrílego, mentres que a Compostela vai xente de todo tipo, que busca a paz, a tranquilidade, o coñecer outras persoas, admirar as paisaxes. Da o mesmo que no Obradoiro se atopen cos restos do Apóstolo Santiago ou cos de Prisciliano de Ávila. O importante é superarse a si mesmo. É cansarse fisicamente, pero cheo de enerxía vital para soportar a dura vida que se aveciña.

Todos ouvimos falar de Prisciliano, pero quen foi ese señor e porque as súas actuacións se intentaron ignorar e cubrir por parte da igrexa?

Ao parecer naceu a mediados do século IV (ano 340) no N.O. da Península Ibérica, pero non se sabe con certeza onde. Pénsase que era fillo dunha familia nobre, o que lle permitiu formarse noutras rexións do Imperio, antes de retornar a Gallaecia convertido ao cristianismo.

Era un lider que participaba en reunións relixiosas singulares, nas que ensinaba a interpretar os textos cristiáns, tanto a homes como mulleres (eses seres ignorados por todos os gobernantes), predicaba contra a unión da Igrexa e o Estado e contra a corrupción e o enriquecemento das xerarquías. Dicía o que pensaba e iso, en palabras Platón, non gustaba aos privilexiados.

Era partidario dunha vida austera e do contacto íntimo coa natureza, polo que tiña centenas, millares de seguidores entre a poboación empobrecida polos impostos. Había que eliminalo, era perigoso para os poderosos!

Ingenuamente intentou pedir axuda ao Papa Dámaso I, pero non deu chegado. En Tréveris (Alemaña) o emperador Máximo detivo e acusouno de practicar bruxería e rituais máxicos, como danzas nocturnas, usar enteóxenos e herbas abortivas, así como de usar a astroloxía cabalística. Mediante tortura obtivo a súa confesión. Foi condenado a morte (ano 385) e, para que os priscilianistas non interferiran, celebrou un xuizo rápido. Foi decapitado antes de que ninguén puidera reaccionar e só tres anos despois os discípulos puideron exhumar os seus restos para enterralos na Gallaecia. Onde? É un misterio.

Dous séculos despois, o anacoreta Pelagio, descubriu os restos do Apóstolo, que tamén tiña sido decapitado e, segundo a tradición, traído a enterrar a Galicia polos seus discípulos nunha «barca de pedra». Curiosa coincidencia: decapitación e Galicia; pero, ao igoal que na vida, o importante non é o final, é o camiño, como e con quen se faga.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito