Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Un camiño de coidados

Profesora e doutora en Didáctica

Hai palabras que quedan gravadas na cabeza e rexorden continuamente como o coro dunha canción apegadiza. Iso pasoume cando me invitaron a escribir un artigo sobre o Camiño de Santiago coa palabra “coidadanía”.

Aprendino de Nélida Zaitegui, nun encontro organizado polo Foro Europeo de Administradores Educativos de Galicia e, como todo o que aprendín dela e con ela, foi un revulsivo na miña práctica docente.

Nun momento de crise como o que estamos a vivir, o cambio climático e a pandemia da COVID-19 son sinais que nos alertan da imperiosa necesidade dunha educación que vaia máis aló da lóxica do mercado e que busque formar persoas capaces de pensar noutro mundo por construír.

O paradigma do éxito puxo en perigo o planeta e as especies humanas que o habitamos e, ao tempo que a globalización nos permitiu conectarnos como especie máis ca nunca para acadar un estado de humanización superior, deixou en evidencia como lle afecta á pobreza, á desigualdade para a poboación que se atopa en condicións de vulnerabilidade. Neste paradoxo, o coidado xorde como un novo paradigma na educación.

O termo “ética do coidado” aparece en 1982 cando Carol Gilligan publica a obra “In a Different Voice” onde plasma a «voz diferente» das mulleres, no seu rol histórico do coidar. Así no papel de coidadoras, as mulleres temos desenvolvido valores como paciencia, empatía, escoita ou a ternura, valores que son necesarios para educar nunha cultura de paz e que desde a escola debemos “desxenerizar” .

Este novo paradigma educativo convídanos a ensinar a través dunha ensinanza solidaria, xerando un clima de confianza na aula onde o coidado sexa o centro da educación. Pártese do coidado que lle afecta a un mesmo, do que lle afecta ao outro e do que lle afecta ao planeta, e ten en conta cinco dimensións: corporal, intelectual, emocional, social e espiritual.

En resumo, educar na cidadanía non só dende a visión dos dereitos senón tamén das responsabilidades, da nosa posición ante os demais e da nosa contorna, cuestións que se abordan dende hai tempo dende enfoques ecofeministas da educación.

Parece claro que non abonda con lles ensinar aos estudantes a navegar polo mundo con confianza e a asimilar información, hai que formar persoas conscientes, competentes, comprometidas e compasivas que poidan desenvolver un temón ético e cívico que os guíe cara ao respecto á dignidade humana, ao aprecio da ambiente e cara á empatía como medio para construír relacións.

El Correo Gallego dános a oportunidade nesta publicación de elevar a nosa voz como mulleres cuxa función coidadora fundou a ética do coidado e relacionala co Camiño de Santiago, intimamente ligado ao termo “coidadanía”:

• Porque o Camiño está inspirado na ética do coidado, da responsabilidade uns cos outros e co medio.

• Porque o Camiño é un claro expoñente dunha globalización humanizadora.

• Porque a hospitalidade é unha característica diferenciadora do Camiño e da ética do coidado.

• Porque o Camiño enche de sentido a práctica deste coidado, porque nos conecta coa vida e coas súas claves esenciais.

• Porque no Camiño a interculturalidade vai da man da multiculturalidade, valorando o global e revalorizando o propio.

• Porque o camiño nos ensina que podemos vivir con menos e amar a Natureza.

• Porque a cidadanía é cooperativa e compartidora, como o son os peregrinos.

• E porque o camiño ten un obxectivo común e está cheo de optimismo.

Introducir a “coidadanía” na escola é tamén un camiño. Un camiño de exploración cara a un novo e necesario cambio de paradigma. Como na historia de Anthony de Mello na que un vello explorador volve do Amazonas e mostra o mapa das súas aventuras e os entusiastas seguidores fan copias para sentirse expertos na Amazonía. Entón o explorador dilles: “Ide e informádevos por vós mesmos. Ninguén pode substituír o risco persoal e a experiencia”.

Celebremos este 25 de xullo, animándonos a camiñar na educación polo camiño da ética dos coidados.

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito