Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Unha peme cordobesa vai furar o Macizo Central na Veiga para unha hidroeléctrica

O grupo ecoloxista Adega denuncia o proxecto dunha nova central hidroeléctrica no concello ourensán da Veiga. Adega detalla que está promovido por Santa Eulalia Energía S.L., empresa constituída en setembro de 2020 con 3.000 euros de capital. Indica que “é parte dun profuso novelo empresarial con sé nun polígono industrial de Córdoba, propiedade da familia López Magdaleno, con actividade no sector da consultoría enerxética, participación e xestión de capitais, mesmo “offshore”. O grupo ecoloxista cre que “este tipo de empresas constituídas ad hoc e sen capacidade para desenvolver un proxecto desta magnitude, teñen por obxecto especular coa revenda das concesións, ofrecendo aos seus investidores un rápido beneficio. Estamos ante unha nova febre do megawatio e a nosa terra ofrece, coa aquiescencia e a colaboración necesaria da Xunta, enormes posibilidades de beneficio para este tipo de ‘emprendedores”.

Adega puntualiza que o Ministerio vén de someter a consultas previas para a elaboración do documento de alcance unha solicitude da empresa “Santa Eulalia Energía S.L.” para construir unha central de bombeo en caverna de 160MW no concello da Veiga, en pleno Macizo Central. Non é o único proxecto de central de bombeo en tramitación: tanto Iberdrola como Naturgy teñen presentado varios megaproxectos neste macizo e na Limia para “aproveitar excedentes de produción de renovables non xestionables”, isto é, “acumular a enerxía dos eólicos non colocada no mercado, mais tamén das nucleares”. Adega láiase de que se apele á excusa da transición enerxética para seguir lucrándose a costa do ambiente

A central hidroeléctrica promovida por Santa Eulalia Energía S.L. pretende, segundo Adega, conectar os encoros de Portas e Santa Eulalia, na bacía do Xares mediante túneles e a excavación dunha central soterrada baixo o Macizo Central. As obras precisarán tamén da apertura de quilómetros de pistas, canteiras e vertedoiros, alén da correspondente liña de evacuación eléctrica. Dase a circunstancia de que as obras da proxectada central atinxen a un territorio incluído na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 que comezou a tramitar a Xunta no ano 2008, concretamente ao alongamento da ZEC Macizo Central. Esta ampliación pretendía aumentar a representatividade dos bosques aluviais mediterráneos (hábitat 91E0*, prioritario) na bacía do río Xares (concellos da Veiga e O Bolo) e dar así resposta ás eivas e apontadas pola Comisión Europea na Decisión 2006/613/CE pola que se adoptaba a listaxe de espazos da Rexión Bioxeográfica Mediterránea. Precisa Adega que “o incumprimento reiterado por parte das Administracións autonómica e estatal dos requerimentos da Comisión Europea para ampliar a Rede Natura 2000 en Galicia, deu lugar á apertura dun procedemento formal de infracción que podería rematar en fortes multas”.

21 oct 2021 / 13:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.