Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Universidade: entre cumprir requisitos ou responder a un propósito

    hai días preguntáronme cantas universidades había en España. Preto de 80, dixen, facendo memoria de cando eu rexía unha delas. Pero a memoria non é boa conselleira en tempos de carreiras –non me refiro aos estudos senón a andar ás presas-. Se as miñas contas non están equivocadas, xa imos polas 90. Só na comunidade de Madrid hai 19, das que 13 son privadas. A última destas aprobouse o pasado febreiro e témome que non quedará aí a cousa; como é ben sabido, mal número é o trece se non crece ou decrece, así que seguro que aumentará, xa que o de eliminar universidades, mesmo cando non cómpren cuns criterios de calidade suficientes, vino noutros países, pero non no noso.

    Sendo extraordinario o número de universidades privadas en Madrid, son moitas máis as que hai no conxunto de España. A principios dos 90 eran catro, ben coñecidas e recoñecidas, pero agora son 40, e dalgunhas delas non estou seguro de que se saiban o nome todos os seus alumnos. En varios casos creáronse universidades, e algunha máis está a piques de facelo, con informes desfavorables, aínda que non vinculantes, é certo, dos órganos de coordinación universitaria ou das axencias de calidade universitaria das súas comunidades. En canto ás universidades públicas, que son medio centenar, a de creación máis recente é a Politécnica de Cartaxena, fundada en 1998, fai case un cuarto de século, por tanto.

    Crear unha universidade non debería ser igual que poñer unha farmacia ou unha gasolineira, aínda que ás veces parece máis difícil isto que aquilo. Non se trata, ou non debería, de cumprir uns requisitos máis ou menos estritos (ou máis ou menos laxos, dependendo de como o miremos) senón de responder a un propósito, a un obxectivo a conseguir. Un obxectivo académico e social, claro, non de negocio, nin tampouco espurio. Pero bastante de negocio debe haber nalgúns casos, cando a pesar da continua redución no número de alumnos por razóns demográficas, seguen creándose universidades a esgalla. Máis aínda, cando xa asistimos á compra e venda de universidades coma se fosen bancos ou barcos.

    A Universidade ten a misión de mellorar permanentemente a sociedade a través do coñecemento. E esa mellora pode e debe facerse de múltiples formas: creando novo coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico, transferíndoo ao tecido produtivo e social, transmitindo o saber a través da formación e a divulgación... Se se obvia isto ao crear unha universidade, cometeremos unha fraude social, máis aínda se é público o diñeiro utilizado, claro. Por iso a creación dunha nova universidade nunca debería responder aos meros intereses dalgunhas persoas, sexan estes políticos, económicos ou de buscar certo protagonismo social.

    Que necesidade social e académica vai cubrir unha nova universidade e con que calidade científica e docente? Isto é o que debería quedar moi claro antes de darlle o si a unha universidade máis. E se non nos facemos esta pregunta antes de creala ou dá igual a resposta que se lle dea, quen estea pensando en matricularse nela si debería telo moi presente. Pero aviados imos, xa que o interese que verán uns para creala é o que verán outros para usala.

    15 may 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.