Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
25X

Universidades galegas: fundamentais para o progreso do país

Académica da RAGC

Gustaríame comezar por agradecer a El Correo Gallego esta nova invitación para participar no suplemento especial do Día de Galicia. Vou aproveitar esta oportunidade para destacar o importante papel que a día de hoxe ten a Universidade galega en relación coa mellora da nosa sociedade.

Hoxe podemos dicir con satisfacción que o Sistema Universitario Galego, malia ter que seguir a mellorar, goza de boa saúde. É un sistema consolidado e forte. Un sistema no que até a data predominan as universidades públicas, que prestan un servizo fundamental á Comunidade Galega facilitando o dereito universal á educación superior a toda a súa poboación. As tres universidades galegas alcanzaron un bo nivel en relación ás titulacións que se imparten nelas, na investigación que desenvolven e na transferencia que realizan ao sector empresarial, así como na xeración de novas empresas.

Mais non podemos quedarnos na auto compracencia, xa que nos últimos anos, as tres universidades públicas de Galicia perdemos posicións a nivel internacional, mentres que outras universidades moi próximas do noso querido país veciño, Portugal, incrementaron considerablemente o seu posicionamento. Xa sei que moitos non cren nos rankings (eu tamén son bastante escéptica neste tema), pero cando a tendencia se mantén ao longo dos últimos anos, creo que debemos preocuparnos e facer unha profunda reflexión.

Que esta pasando? Aínda que non é fácil responder a esta pregunta porque as causas poden ser moi diversas, gustaríame expor algunhas posibilidades.

En primeiro lugar, o problema do financiamento que se recibe, na actualidade claramente insuficiente se queremos estar no primeiro nivel. A modo de exemplo e a nivel nacional, mentres que en Galicia só se inviste o 0,94% do PIB en I+D, no País Vasco alcánzase un 1,96%. Isto é, máis do dobre. Isto é un claro factor limitativo, aínda que non o único. Nin moito menos.

Outro aspecto a destacar é o modelo que se utiliza, que na miña opinión debe adaptarse aos novos tempos e ser moito máis flexible e rápido para poder facer os cambios que a sociedade nos demanda. Non pode ser que, para poñer enriba da mesa un novo título universitario, se tarde case catro anos desde que se ten a idea e se ve a súa necesidade. O mundo actual móvese moito máis rápido e non podemos perder ese tren.

E o terceiro aspecto que me gustaría destacar é o factor humano. Por unha banda, a idade media do profesorado é moi alta. Cómpre tomar medidas urxentes para ir formado aos futuros profesores. Debido ás limitacións orzamentarias dos anos pasados non houbo reposición de vacantes e nalgúns casos estanse presentando problemas importantes.

Por outra banda, débese salientar as dificultades de reincorporación dos investigadores que se atopan fóra, debido aos actuais problemas de estabilización de profesorado. En moitos casos non se consegue un posto digno antes dos 40-45 anos, por iso medra a desafección dos mozos polo seu futuro na Universidade. Estes problemas relacionados coas persoas deben ser abordados con urxencia.

Porén, a pesar destes problemas comentados anteriormente, as universidades galegas facemos ben o noso traballo. Os nosos egresados son ben valorados e somos capaces de responder á demanda da sociedade galega. Ademais, como consecuencia do coñecemento que achegamos, xéranse novas demandas que poden mellorar notablemente o noso sector produtivo en ámbitos estratéxicos neste momento. Pénsese, por exemplo, na intelixencia artificial, na robótica, nos novos materiais de gran importancia en temas como a enerxía, na saúde, no medio ambiente ou na dixitalización entre outros.

A modo de exemplo, podemos citar a evolución das empresas tecnolóxicas en Galicia, moitas delas xeradas a partir das universidades. No ano 2020 as tecnolóxicas galegas supoñían o 30% do total de empresas españolas, e na actualidade Galicia é a segunda comunidade a nivel nacional que máis empresas biotecnolóxicas crea. As universidades galegas tamén somos relevantes noutros ámbitos das Humanidades e das Ciencias Sociais.

Pregúntome até onde poderiamos chegar se tivésemos os medios materiais e humanos axeitados.∎

25 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito