Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Volve a polémica ao campo galego: o prezo do leite segue sen subir

Os gandeiros denuncian que as tarifas situadas de media en 32,7 céntimos por litro non chegan a cubrir os custos de produción// Cada vez son máis altos pola subida da enerxía e dos pensos

No campo galego volve a resoar un eco que parece que xa é familiar: o do clamor polos baixos prezos que a industria paga aos gandeiros pola súa materia prima.

A subida dos pensos e abonos xunto coa alza das facturas da luz e do gasoil fan cada vez más inasumibles os costes de produción, que rondan os 36 céntimos, xa que o prezo que perciben os gandeiros por cada litro de leite que sae das súas explotacións quédase por debaixo dos gastos que deben afrontar cada mes.

Estamos a falar dunha media de 32,7 céntimos por litro de leite, que sitúa á comunidade galega na cola do país, onde a media española se sitúa nos 33,8 céntimos.

EL CORREO contactou con Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) para coñecer cal é a situación que afrontan hoxe os gandeiros galegos e as posibles negociacións coa industria láctea e as grandes distribuidoras.

Unións Agrarias: “nin a Xunta nin o ministerio actúan” A primeira das circunstancias que pon de manifesto Unións Agrarias con respecto ao tema é que en Galicia está preto do 55% dos gandeiros e aquí se produce o 40% do leite, e pola contra hai un diferencial de prezo con respecto do resto de comunidades do Estado de dous ou tres céntimos. “Nestas inclúense autonomías veciñas como Asturias, o que pon en evidencia que non é un problema de que teñamos un prezo máis baixo por distancia aos centros de consumo”, afirma Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias.

Estamos ante unha dependencia do leite líquido ao que non se lle pon valor engadido. “Xoga un papel que se volve en contra noso no senso de que a distribución utiliza ese leite non para gañar cartos, senón para conseguir clientes, e esa banalización do produto retorno por parte do leite leva a que en Galicia cobremos sempre menos que no resto do Estado”, declara.

En Europa seguiuse incrementando o prezo ao gandeiro mentras que en España, pese a considerarse un país deficitario a diferencia de países como Francia ou Alemania onde sobra o leite, non se chegan a cubrir as necesidades de consumo. “Apenas producimos o 75% do que consumimos”, destaca.

Tamén chama a atención que pese ás modificacións lexislativas do Goberno que obriga a que ninguén cobre menos do que lle costa producir, non haxa actuacións en contra. Así ponse de manifesto que non se cumple a Lei de Cadea Alimentaria. “Nin a Xunta nin o Ministerio están actuando para facer cumprir a norma que se aprobou no Parlamento hai meses”, di.

Ante esta situación, mantiveron reunións coas distintas cadeas de distribución para que apliquen unha suba no precio e que ésta repercuta nos contratos que a industria ten cos gandeiros e que se poida materializar a partir de xa”, sinala García.

Nos altos costes de produción, a partida máis grande é a alimentación (preto do 60 %). “Aínda que hai explotacións que teñen unha base territorial de forraxe, a maioría depende do penso e o seu incremento de case tres céntimos na produción dun litro de leite dificulta poder cubrir costes”, sinala.

Unións Agrarias espera que co respaldo da lei, a actuación da Administración posicionándose do lado do gandeiro e a constatación por parte da distribución que ante o incremento de costes hai que subir o precio do leite teña resultado e nas próximas semanas se produzca unha modificación dos contratos pola inmensa maioría das industrias.

Sindicato Labrego Galego: “de seguir así os mozos non collerán o relevo”. Nos últimos anos a tendencia en Galicia é estar cobrando sempre prezos por debaixo da media do Estado e da media Europea.

“Atopámonos con que a veces a mesma empresa paga por un leite das mesmas calidades diferenciales de catro céntimos entre comunidades, sempre estando Galicia por baixo”, apunta Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.

Deste xeito, denuncian a anomalía de como se conforma o precio do leite. “O razoable sería saber canto costa producir o produto e cal sería unha rentabilidade digna para os produtores e facer o mesmo coas outras partes da cadea tendo en conta os costes do seu transformado para a partir de aí configurar o prezo”, afirma.

Ademais, atopámonos con que as cadenas de supermercados fan as súas estratexias comerciais e en moitas ocasións utilizan o leite como produto reclamo e poñen un prezo que arrastra a baixa a todas as outras partes. Por outra banda, “a industria sempre ten a capacidade de sacar a súa marxe”.

Dende o sindicato pensan que sería preciso ter un foro de traballo tendo en conta as dificultades no sector. “No seu día había unha Mesa do Leite que hai moitos anos que non se convoca. Pensamos que a administración galega tiña que ter un papel na defensa do sector produtor moito máis activo, ademais de poder abrir expedientes sancionadores cando detecta situacións ilegais nos puntos de venta”, di.

A pesar de que hai cadeas de supermecados que manifestan a súa vontade por correxir a problemática dos prezos, dende a organización ven que haberá outras que seguirán facendo as prácticas abusivas. “Ese incremento do prezo ten que conlevar a que as industrias proveedoras se comprometan a subir en orixe. Só faltaría que lle suban ao consumidor e os produtores sigan cobrando prezos tan baixos. Trátase de buscar unha marxe para cada parte da cadea de valor, para que sexa sostible”, explica.

Coa suba da electricidade e o custe dos cereais, principalmente, sería preciso unha solución inmediata que non poña en risco a continuidade da actividade gandeira. “De seguir así, a xente moza non collerá o relevo de moitas granxas que por idade ou outras circunstancias están pechando”, manifesta.

Asaga: “ o modelo galego é tan válido como calquera outro” Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia, pon de manifesto que Galicia é a comunidade máis periférica de Europa na produción de leite, situándose a uns 500 km como mínimo dos seus mercados principais como pode ser Madrid ou Levante. Esa simetría entre o que é a produción e o consumo é un dos aspectos negativos que a industria pon como desculpa para os prezos diferenciais”, sinala.

A maiores hai outros problemas de fondo. A distribución está moi concentrada, é dicir, hai poucas cadeas, e pola contra, compradores, industrias e cooperativas están moi fragmentadas, cunha gran cantidade de primeiros compradores. “Danse todas as características para que a parte máis débil da cadea, que lóxicamente é o productor, teña que soportar todos os costes e non pode repercutilos”, engade.

Cada explotación ten os seus custes que varían en función do tipo de explotación, sistema de manexo, gando... “Ninguén segue nun sector onde continuamente perde cartos. O que se deixa de gañar sácase do soldo propio dos titulares da explotación”, confirma.

Os costes son fixos, similares para todos. O que cambia son as amortizacións, xa que cada un ten unhas débedas e un inversitimento en maquinaria. “En todo caso, o modelo galego é tan válido como calquera outro. Está demostrado que leva funcionando durante moitos anos porque a pesar de todo seguen producindo cada vez más leite sendo menos gandeiros e con máis eficiencia a nivel profesional e xenético, mentras que en outras partes desaparecen gandeiros a un ritmo moito máis rápido”, di.

Dende a Asaga apostan por concienciar máis ao consumidor no sentido de que a suba duns céntimos no litro de leite na cesta da compra ao final de ano non repercutirá polo alto. “Queda situar o leite no rango de prezos que merece como producto de calidade que é”.

censo vacún leiteiro (xuño 2021)
Galicia: comunidade con máis vacas leiteiras

··· No mes de xuño do 2021, segundo os datos ofrecidos polo Ministerio de Agricultura, o censo de vacún leiteiro foi de 824.451 vacas para muxir, o que supón un descenso do 1,6% con respecto ao mesmo mes no ano anterior cuando eran 838.816, e con respecto ao pasado mes de maio supón unha diminución do 0,2%, baixando desde as 826.672 ata as actuais.

En canto á distribución do censo por comunidades autónomas, a que alberga maior censo de vacas leiteiras maiores de 24 meses é Galicia que contaba en xuño con 327.271 animais que representa o 40% do total, seguida de Castilla e León con 94.545 animais (11%) e Cataluña en tercer lugar con 79.741 vacas (10%).

“Temos as esperanzas de que esto mellore”
Gandeiros // Suso e Mónica moxen a diario unhas 60 vacas // Os costes de produción ponos en apuros // TEXTO Lorena Rey

No ano 2000 Mónica Landeira e Suso Pena quedaron a cargo da explotación gandeira que tiñan os pais de Mónica e que deixaban por xubilación. Daquela tiñan 25 vacas para muxir e agora teñen entre 50 e 60. Trátase dunha explotación de orixe familiar situada en Portomeiro, parroquia do concello de Val do Dubra. Teñen unha persoa contratada que lles axuda co traballo diario na granxa e ademais contan coa colaboración dos anteriores donos. “Cando comezamos non sabiamos como era o traballo na explotación, pero vimos que era un modo de vida que nos podía permitir vivir e por iso decidimos quedarnos aí e aprender, ata chegar ao día de hoxe”, conta Suso.

Como principal inconveniente comenta que se trata dun traballo os 365 días do ano, do que hai que estar pendente as 24 horas do día. Como aspecto positivo para o matrimonio está o poder traballar ao lado da casa, evitando desprazamentos. “O que máis valoro é que teño tempo para a familia. Vin nacer e medrar aos meus fillos”, apunta.

Na actualidade están producindo sobre 600.000 litros ao ano, 50.000 litros ao mes. Dende o primeiro momento, o leite véndenllo a Feiraco que pertenece a CLUN (Cooperativa Lácteas Unidas). Agora están involucrados na Cooperativa xa que Suso é membro do Consello Reitor de CLUN.

En referencia ao prezo do leite Suso di que a explicación que dan as industrias se basa en que a diferenza do prezo co resto de España se debe aos centros de consumo. “Galicia afróntase a un custe engadido para enviar o leite aos centro de consumo”, di.

Que opinan do baixo prezo do leite? Ao traballar cunha cooperativa non soe haber contratos de leite. Teñen un compromiso de ter un prezo de referencia basado no Observatario lácteo de Galicia, e ten que estar ao mesmo nivel do precio medio do Observatorio. “Ultimamente está estable. Non hai curvas moi pronunciadas como nos últimos anos”, destaca.

Aparte dos precios referenciados hai primas por calidades, cantidades e no seu caso estase primando a cooperatización, ao ter productos para vender. Suso apunta que ao final de mes os prezos van ir a nivel doutras industrias. “Fai uns meses coa tema de subida de costes de produción, especialmente da enerxía (gasoil e abonos que van en función do prezo do petróleo) e do valor dos pensos comezou a haber máis revolución pero levabamos unha temporada tranquila. Volve así a crispación entre a xente do campo”, engade.

Os seus costes de produción do ano pasado estiveron sobre os 35 céntimos por litro de leite. “É o que estamos cobrando aproximadamente”, di. Mellora o prezo coas subvencións da PAC ou o que poidan conseguir por venta de vacas. Neste sentido comenta que intentamos diversificar a actividade estando metidos no mundo do turismo con alguna propiedade inmobiliaria, como unha casa rural, que manteñen alquilada. “Iso proporciona un diñeiro que estamos utilizando para complementar a renta que nos pode deixar o tema do leite”, afirma.

En canto á información de que cadeas de supermercados están a subir o prezo do leite Suso ve que hai que ir un paso máis alá. “Os anuncios das subidas de distribucións son moi escasos ou nulos. Case é unha forma de facer publicidade de algo que non se está facendo. Hai que petar na mesa porque non é suficiente”, conta.

Para sacar marxe de beneficio o que tratan é de facer todo o traballo coa maior efectividade e “maximizar as producións co terreo que teñen para ter a máxima alimentación sen ter que depender de comprar”.

O matrimonio considera que a granxa é o seu medio de vida. “Estamos contentos aínda que a cousa vai xusta. Temos as esperanzas de que esto mellore. A ver se o tempo nos da a razón”, conclúe el.

la cifra
32,7

céntimos por litro de leite de media reciben os produtores galegos cada mes, según os últimos datos publicados polo Ministerio de Agricultura. Así, Galicia é a comunidade peninsular con menor prezo.

04 sep 2021 / 17:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.