Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Abren os roteiros teatralizados de Lalín no Camiño do Inverno

Escolares da capital dezana poñen en marcha o proxecto amparado no programa O Teu Xacobeo // Tras os CEIP, hoxe tócalle o turno aos institutos e mañá xoves á asociación Aspadeza // A fin de semana é para o público en xeral

Con dúas andainas teatralizadas protagonizadas polo alumnado dos centros educativos de Infantil e Primaria da capital do Deza estreouse este luns o proxecto L­alín, cruce de Camiños, que conta co apoio do programa O teu Xacobeo, posta en marchapola Xunta de Galicia.

Así, dentro do programa de roteiros teatralizados polas dúas rutas xacobeas que discorren polo municipio pontevedrés, o luns tiveron lugar as dúas primeiras andainas polo Camiño de Inverno dirixidos aos centros educativos. Concretamente foi a quenda do colexio Manuel Rivero e Vicente Arias de la Maza, da parroquia de Vilatuxe.

Onte martes, 22 de outubro, o turno foi para o CEIP Varela Buxán da parroquia de Cercio e ás 11.45 horas para o CEIP Xesús Golmar. Xa hoxe mércores ás 9.30 fará o seu roteiro o colexio Xoaquín Loriga e ás 11.45 horas o Sagrado Corazón.

Finalmente, o venres 25 ás 9.30 horas será o alumnado dos IES Laxeiro e Ramón Mª Aller os que percorran o tramo da ruta. O xoves 24 desenvolverase outra ruta teatralizada polo Camiño de Inverno dirixido á asociación Aspadeza ás 11.00 horas e a fin de semana terán lugar sendos roteiros dirixidos ao público en xeral, un pola mesma ruta e outro pola Vía da Prata.

Para tomar parte en calquera destes dous roteiros da fin de semana, desde o Concello informan de que é necesaria inscrición previa chamando ao 604062506 ou enviando un correo electrónico a concellodelalinxacobeo21@gmail.com.

O domingo, tras completar a ruta pola Vía da Prata, terá lugar a partir das 13.00 horas un concerto do Grupo Mayalde nunha carpa que estará instalada na Praza da Igrexa. Tamén haberá un espazo gastronómico con degustación de produtos no mesmo lugar. Ademais crearase unha audioguía baseada no roteiro teatralizado sobre o Camiño de Inverno, que recollerá a información empregada para elaborar o guión das dúas rutas.

Según explican os seus promotores, con este proxecto Lalín, cruce de Camiños trátase de potenciar o Camiño de Inverno e a Vía da Prata ao seu paso polo municipio dezano a través dun conxunto amplo de actividades, dirixidas ao público, tanto escolar como xeral, coas que se lle achega a riqueza do patrimonio natural, cultural e inmaterial do Camiño.


LAXEIRO As actividades programadas ao abeiro desta iniciativa rescatan a figura de Laxeiro peregrino nunha ruta teatralizada que se celebrará ata o venres, 25, para escolares; e o sábado, 26 de outubro, para o público xeral. É un percorrido duns dous quilómetros dentro do itinerario do Camiño de Inverno baixo o título Laxeiro peregrino na Romea, e que discorre pola ruta que facía o artista cada vez que visitaba Lalín.

Segundo explicou no seu día o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a iniciativa consegue "xuntar o Camiño de Santiago, Laxeiro, como pintor universal, e Novoneyra. Laxeiro porque vive e nace ao pé do Camiño e Novoneyra porque é o gran cantor dos camiños de Santiago, incluído o de Inverno".

22 oct 2019 / 20:52
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito