Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Actuacións de limpeza e conservación no río de San Xusto e o rego de Vilaboa

Augas de Galicia realiza estes traballos de mantemento nos leitos ó seu paso por Noia // Consiste no desbroce de maleza

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executará actuacións de limpeza e conservación no río de San Xusto e o rego de Vilaboa, ao seu paso polo Concello de Noia. Estes traballos de mantemento levaranse a cabo nos treitos interurbanos deste curso fluvial ao seu paso polas parroquias de Noia, Barro, Obre e Argalo.

A actuación comezará pola zona de San Xusto e estenderase ao longo dun treito de case 1,5 quilómetros, mentres que no rego de Vilaboa intervirase nun tramo de máis de mil metros de lonxitude. As obras centraranse no desbroce de maleza das marxes e que invade o leito, na retirada das árbores e pólas caídas e da madeira morta existente no terreo. Unha vez finalizadas estas intervencións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

O alcalde de Noia, Santiago Freire, amosou a súa satisfacción ante o que considera "unha boa noticia". Sinalou que "todas as actuacións que supoñan a limpeza nas marxes fluviais son importantes ante as posibles crecidas dos ríos e os desbordamentos", e porque tamén melloran "a transitabilidade nas zonas contiguas aos cauces, permitindo o acceso tranquilo dos usuarios ata os marxes dos ríos". O mandatario local avanzou que teñen previsto "recuperar unha senda peonil dende a ponte de Traba ata a aldea de Xei e unha serie de muíños, paulatinamente".

Estas accións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade enmárcanse no programa de mantemento de Augas de Galicia, de conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia- Costa, no ámbito territorial da zona Galicia centro e as áreas de acceso e protección. Con este tipo de intervencións permítese a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos galegos.

17 jun 2019 / 21:04
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito