Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Alcalde de Rianxo

Adolfo Muíños Sánchez: "O polígono e o asentamento de familias marcará o futuro"

{ Santiago, 1966 } Esta vila mariñeira da Ría de Arousa, berce de importantes intelectuais na súa historia, goza dun pouso especial. Na actualidade, co mandato do edil do BNG durante os últimos oito anos, destaca no eido cultural, pero sobre todo pola súa débeda cero, a cal lle permite afrontar grandes retos vindeiros.

Como se presentan as próximas eleccións do 26 de maio?

Todos intentaremos mellorar os resultados que obtivemos. Desde o BNG e o grupo de goberno pretendemos agrandar o número de concelleiros. Con ese fin, presentámonos co aval do realizado nestes catro anos, e nos catro anteriores. O que podemos comprometer é a constancia, o esforzo, o diálogo, sendo capaces de chegar a acordos de lexislatura ou puntuais, e o compromiso de facer do interese de Rianxo a súa bandeira. Iso non é so mérito noso, senón tamén da oposición, ao antepoñer os intereses municipais á hora de sacar propostas, que ten moito mérito.

Posuír unhas contas saneadas é algo que poucos poden dicir. Cal é a forma de conseguilo?

Conséguese, ás veces, con traballo, apertándonos o cinto nalgúns temas, por dicilo dalgunha maneira, facendo os deberes económicos e tamén coa complicidade da cidadanía, vital coa súa paciencia en necesidades que quizais non se cobren no primeiro ano, pero si no segundo ou o terceiro. A débeda cero non é por presentar un currículo do logro. Basicamente, permítenos dispoñer da capacidade de concertar novamente créditos, a dez anos aproximadamente, para poder encarar proxectos novos, é dicir, ser autónomos nos retos de futuro, esa é a realidade.

A pesca é unha das súas principais fontes de ingreso. Cal é a súa situación actual?

Rianxo vive da pesca, con varias modalidades. Conta con dúas industrias conserveiras, onde están contratadas maioritariamente mulleres que realizan un gran labor, sintonía de que cumpren uns obxectivos interesantes. Despois, o sector do mexillón viviu unhas últimas campañas moi frutíferas, ao esquivar as mareas vermellas. Pola contra, existen bastantes problemas no marisqueo a pé e a flote, por culpa do furtivismo, das dificultades de produción en zonas outrora ricas, das cotas e pola falta de diferenciación das autoridades europeas e nacionais na comprensión desta práctica artesanal.

Que apoio se lle presta desde o goberno municipal?

Intentamos estar sempre detrás de calquera tipo de reivindicación, xa que tratamos de familias e non de grandes barcos. Temos ido a Bruxelas a explicar que é sustentable. Un exemplo claro é o feito de que nun só lance dunha embarcación que vai ao cerco, practicamente recolle tanto como toda a flota da xouba ou da sardiña.

Cambiando de terzo, construíuse un polígono industrial, que está vivindo a fase de ocupación. Hai algún proxecto interesante en marcha?

Non somos os donos do terreo, pero botamos unha man porque cremos que é o futuro. Neste momento, compráronse o 33 % das parcelas, e delas están ocupadas o 20 %. Con esta meta, abrazámonos á iniciativa autonómica de Concellos Emprendedores, aplicando unha serie de actuacións sobre fiscalidade, o que supón unha rebaixa de impostos de até o 95% nas entidades que se queiran implantar. Ademais, apoiamos cambiar a luz a LED, traer a vídeo-vixilancia e instalar unha rede separativa conectada á municipal até que sexa rendible. Por último, desenvolvemos campañas de publicidade coas que impulsar a compravenda, malia que é un cometido de anos.

En canto as infraestruturas, cando estará en funcionamento o Pazo de Rianxiño co centro de día e a unidade de alzhéimer?

Estamos na fase de compra e nos vindeiros días tomaremos o diñeiro necesario dun crédito. Esta cantidade implicará a compra en quince ou vinte xornadas. Logo virá outra etapa difícil, a da decisión de que a que o dedicamos, polo que levaremos a cabo un bo estudo de viabilidade. E a continuación chegará a axuda da Deputación e da Xunta.

Respecto á unidade de Alzhéimer, estabamos buscando un lugar e cremos que incluílo neste proxecto cun uso simultáneo no centro era bo, polo que se designaron fondos públicos cos que afrontar a recuperación.

O club de xubilados debe deixar o seu lugar na lonxa. Como o resolverán? Empregarán con ese uso o antigo Liceo?

O edificio Liceo estaba en desuso e foino adquirindo o Concello para montar o Centro Social de Rianxo. Comprámolo, foise reparando e agora presenciamos a construción dun ascensor exterior e a accesibilidade á primeira planta directamente desde a rúa. Os xubilados terán un espazo onde instalarse, cunha pequena cafetería, que tamén dará servizo aos veciños en xeral. Con todo, isto non quita o noso desgusto e a incomprensión polo proceso de botalos da área na que estaban con cláusulas abusivas. Fomos quen de resolvelo, pero con dificultades.

En que punto se atopa a reconversión das antigas casas dos mestres en vivendas sociais?

Nestes instantes están coa restauración interior e exterior, colocando mobiliario e ventás, de catro delas, que estarán listas ao final de ano, e agardamos que as outras catro se rematen en dous. Representa un proxecto moi bonito que sae ao paso dunha necesidade que hai, a dunha vivenda de baixo alugueiro en Rianxo. Non existía, polo que intentamos acollernos ao programa da Xunta de vivendas baleiras, co que se reconverten edificios vellos, en desuso e céntricos, que poderían ser demolidos, e ponos á disposición de oito familias desfavorecidas, as cales non contan cos cartos suficientes cos que afrontar unha gran renda, pero si con capacidade dun mínimo. Por iso, gústame especialmente esa relevancia de cubrir un problema.

Que outras bondades destacaría do seu municipio?

Moitas responden a unha xente acolledora, orgullosa da terra e que se ofrece, sendo tremendamente amistosos nese senso. Ademais, hai moitas cousas que ver e facer. Pola nosa banda, intentamos ao longo deste tempo ser dinámicos no eido cultural, con oferta case todas as fins de semana no Auditorio, sobre todo no verán. Ás veces ata apareceron elementos que se descoñecían, como un paseo fluvial precioso no río Té, de oito quilómetros, desde que nace até morrer, por un bosque de ribeira. A nivel patrimonial, tamén é moi xeneroso, cun importante legado de megálitos e un antigo castelo, que fora derrubado nas loitas Irmandiñas, e que xa poder ser ensinado.

Xa por último, cal é a senda que seguirá Rianxo no futuro?

O noso futuro pasa por buscar unha maior ocupación do parque empresarial, que creo que supón un efecto chamada, e un novo porto deportivo, chamado a ocupar un papel importante grazas a unha ría moi rica que ofrece 300 días navegables. Despois, hai unha potencialidade coa proximidade de Santiago, a cal favorece que sexa un lugar de segunda residencia, pero tamén onde vivir con tranquilidade se traballan na contorna, contando con elementos destinados ás familias, como por exemplo unhas instalacións educativas practicamente novas. E por último é un concello que cae ben, que lle sona ás persoas e que ten unha historia e un pouso que o converten nun pouco distinto aos demais.

CARREIRA. Licenciado en Pedagoxía e diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a traballar en 1995 como educador do Concello de Santiago e despois como director de actividades de tempo libre. Ao mesmo tempo, é membro activo de diferentes colectivos culturais da zona. No plano político, chegou á alcaldía de Rianxo o 11 de xuño de 2011.

"Abrazándonos á iniciativa de Concellos Emprendedores da Xunta, aplicamos unha serie de actuacións con rebaixa de até o 95% nos impostos para as entidades que se implanten no novo parque empresarial" //"A restauración de oito edificios en desuso para familias desfavorecidas representa un proxecto moi bonito que sae ao paso dunha necesidade, unha vivenda de baixo alugueiro na nosa vila"

16 abr 2019 / 21:36
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito