Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
os outros días

Ah, cómo cambiou a vida!

    Hai uns días acordei que xa estaba ben, que xa era abondo coa vida na que me sumira de vagar e marchei ás instalacións deportivas de Santa Isabel pra ver de coller outro ritmo distinto do que habitualmente levo. Non sei se poderei dicir xa, que levaba. Sabereino dentro duns meses, ou acaso antes.

    De volta prá miña casa, ó pasar por Bertamiráns, decateime de que tamén alí hai unhas fermosas instalacións municipais e dende entón aforro a viaxe a Santiago. Preguntaranse algúns pra que lles conto isto, qué raios lles importa a eles, pero xa se verá por qué o fago, se é que realmente o fago por algo máis que non sexa o lles escribir estoutro día máis? e van...

    Pra entrar nesas instalacións de Bertamiráns tes que facer uso dunha cifra en clave e logo pousar a xema no teu dedo furabolos enriba dun lector de pegadas dactilares, como se fose a entrada na central da NASA. Está moi ben, afórraste andar con unha tarxetiña de plástico máis no peto. Eu así o fago, como tódolos demáis, poisque un élles ben mandado e apúntase a todo canto poida axudar á simplificar o existir. Ah, cómo cambiou a vida!

    O segundo día de entrar alí, unha vez xa nos vestuarios, un rapaz, chegado o tempo de se reincorpar ás actividades cotias; é dicir, de se vestir pra saír á rúa, embutíuse dentro duns calzoncillos que moito me chamaron á atención. Eran coma unha faixa desas que anuncian na tele pra que as mozas luzan unha atraínte figura. Digo, que era como, pero non que fose de muller. Era de home. Tan pouco de muller era que tiña a correspondente abertura que nos permite, ós varóns, o uso do aparatiño práctico do que estamos doutados pra que, cando non se trata dunha enurese, poidamos dirixir onde nos pete o resultado da micción. Non se queixarán do finamente que o expreso. As ciencias adiantan que é unha barbaridade. Hai anos, saín da casa escoitando na radio do coche a intervención dun parlamentario viciño meu que describía a situación galega a conta do recorrido que eu iniciaba. Mentres el falaba eu miraba ó meu redor. O que el describía non tiña nada que ver co que eu ía observando. Reproducir hoxe aquela intervención e contemplar a realidade sería pouco menos que parangonar os arados de madeira, co aparatiño ese no que pousar o dedo índice que, ó te identificar, che consinte o acceso a unhas instalacións deportivas acordes co artiluxio e o tempos que corren. Este é outro país. Ten lectores de pegadas, calzoncillos que enfaixan as redondeces masculinas e vellos xubilados que aprenden a nadar sabendo que teñen ben gardada a roupa. Agora só falta que adiemos tamén as nosas mentes cos tempos que habitamos.

    13 may 2009 / 22:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito