Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{tribuna libre}

Alén dos homes

    Alén dos homes forma parte do título co que o catedrático da Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel, rotulou a que, en palabras de Manuel Rivas, constitúe unha das máis extraordinarias historias de amor de todos os tempos. A historia de amor e o matrimonio entre Elisa Sánchez e Marcela Gracia, que tivo lugar na igrexa coruñesa de San Jorge. Foi, sen dúbida, o primeiro precedente de matrimonio homosexual en Europa do que se ten constancia. E non aconteceu nos tempos actuais, senón en 1901. Elas foron as pioneiras en casar, más de cen anos antes de que a lei o permitise, para se adaptaren á normalidade daqueles tempos. O seu caso deu a volta ao mundo, aínda que xurdiu a polémica verbo se a prensa debía informar sobre este tipo de sucesos. A máis conservadora optou polo silencio, pero os grandes xornais informaron cumpridamente e rivalizaron por reproducir a fotografía de Sellier que retratou a parella trala voda. O caso prestábase a grandes titulares: noivos de contrabando, voda sáfica, matrimonio sen home. Ata Emilia Pardo Bazán interveu na polémica, eloxiando a personalidade de Elisa e recoñecendo que nunca tería sido capaz de imaxinar unha novela semellante.

    A historia ten aparencias de novela, pero non o foi. Marcela e Elisa coñecéranse mentres estudaban maxisterio na Coruña. A súa amizade deu paso a unha relación máis íntima, ata que decidiron vivir xuntas na aldea de Calo e despois en Dumbría, onde Marcela exercía como mestra superior. No ano 1901, Elisa, sen dúbida hermafrodita, adoptou un aspecto masculino e inventou un pasado ateo en Inglaterra. O párroco de San Jorge, preocupado pola difusión do protestantismo na Coruña, bautizouna co nome de Mario e posteriormente casou a parella. A investigación de Narciso de Gabriel demostra que o casamento tivo lugar para darlle un pai a un neno, pois, como froito da vida marital en común, Marcela estaba embarazada. Descuberto o engano, a parella foxe primeiro a Portugal e posteriormente a Bos Aires. A partir de 1904, a prensa deixou de ocuparse do caso e pérdeselles a pista.

    Foi a raíz da aprobación dos matrimonios homosexuais en España cando Marcela e Elisa comezan a ser reivindicadas como as grandes precursoras das unións matrimoniais entre lesbianas. Precursora, porén, dunha historia non tanto de sexo como de xénero. Narciso de Gabriel deu coa historia sen buscala, e froito de longos anos de investigación é este libro, publicado orixinalmente en galego e hai uns meses en castelán por Libros del Silencio, a editora barcelonesa que amosa unha especial querenza por Galicia e as súas letras.

    21 may 2011 / 01:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito