Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
remuda

Alfonso G. Sanmartín, á fronte da Asociación Galega de Editores

Xerais, Galaxia e Kalandraka completan unha xunta directiva caracterizada polo continuismo coa anterior

    Alfonso García Sanmartín converteuse onte no sucesor de Miguel Anxo Fernán-Vello como presidente da Asociación Galega de Editores, que renova ao completo a súa xunta directiva. Nunha asemblea xeral celebrada no Instituto Galego da Información, en Compostela, os editores déronlle un apoio case unánime a unha candidatura única que puxera por diante a súa intención de manter o espírito de consenso dos últimos tempos.

    García Sanmartín, responsable da editorial Rodeira-Edebé, estará á fronte dun equipo do que forman parte tamén Francisco Alonso Villaverde (Xerais) como vicepresidente; Pilar Sampil (Galaxia) como secretaria, e Xosé Ballesteros (Kalandraka) como tesoureiro. Ademais, Rosario Portela (O Castro), Telmo Eiriz (Galinova), Ana Guerra (Obradoiro) e Mónica Nin (Hércules) son os vogais. Trátase, como subliñou o novo presidente, dunha xunta directiva "representativa de todas as pólas do sector da edición en Galicia", que mantén viva "a liña de transversalidade" aberta polos anteriores responsables. Anunciou García Sanmartín que o vindeiro xoves manterán unha xuntanza coa xunta directiva saínte para facer efectivo o traspaso de poderes e "poñerse a traballar canto antes". A súa intención xeral é continuar o camiño encauzado en diversas mesas de traballo e resolver os que considera os "tres problemas máis urxentes da Asociación de Editores". Trátase da necesidade de dotar dunha sede ao colectivo, de contratar a un secretario ou secretaria técnica e organizar o funcionamento da Feira do Libro e da Indsutria Cultural que se celebrará en Pontevedra a finais de decembro.

    García Sanmartín, un dos profesionais máis veteranos da edición galega, especializado na publicación educativa e ata agora vogal na asociación, falou tamén da necesidade de paliar os efectos negativos que para o sector carrexa o modelo de gratuidade de libros de texto escollido pola Consellería de Educación. "Existe unha mesa de traballo que está a intentar atopar unha solución a este problema, e que vai seguir esforzándose" por chegar a un acordo coa Xunta e arranxar este extremo.

    20 jun 2006 / 01:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito