Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Reportaxe

All The Cream, viva Vigo

Catro rapaces de Vigo márcanse un fresco debut como fillos de Blink-182

All The Cream fórmanse en Vigo no ano 2004, ou sexa, son hoxe adolescentes con frescuara e ganas de botar a ritmo de rock con sol de California, pero rock da escola de xente como Blink 182, ese punk de zapatillas, de acordo, punk moi lonxe dos tempos de The Clash e demais, porque hoxe o pop enche case todo ata esa opción punk onde a letra perde forza reivindicativa aínda que resiste a actitude vitalista... Pode que o máis importante sexa que xente como esta axude a renovar o mapa musical galego. Iñigo Martínez Sapiña Kazama S (voz, guitarra e compositor das letras), Diego Garabal (baixo e coros). Juancho Barea (guitarra e coros) e Alex Sueiro (batería) compoñen All The Cream.

"Somos simplemente catro amigos moi afortunados facendo aquilo que máis nos gusta nesta vida que é tocar música", dese xeito tan clariño falan os membros de All The Cream na páxina web da súa discográfica, un selo catalán chamado Flor y Nata Records que edita tamén a formacións como... Hondonero, The Shake o Los Gloshters. No inicio do verán do pasado 2005 gravaron en sete horas a súa carta de presentación, unha maqueta, tres temas gravados na sempre eficaz compaña dun produtor como Eladio Santos (onte en Medusa e hoxe sacando o disco de debut do seu proxecto como Elodio y los Seres Queridos).

Logo dese traballo, All The Cream empeza a facer os seus primeiros bolos en locais e salas como La Iguana Club, La Fábrica de Chocolate, Sete Mares, Anoeta e outros ata que fan a súa primeira excursión fóra da terra, indo a tocar ata Euscadi.

Dese xeito, ese modesto Ep chamado Let us play convertese nunha boa carta para ir mellorando.

"O mellor de todo foi a resposta da xente nun concerto, descubrir a alguén que non coñeces tararexando temas teus, algo impagable", din probando a vitalidade que fai deles unha esperanza para o rock feito en Galicia.

Grupos como Blink 182, Green Day, The Ataris e outros dese estilo son os que máis admiran, os que máis escoitan aínda que sendo unha banda noviña, beben de case calquera parte como parte desas leccións que hai que ir aprendendo ó tempo que medran os acordes. "Aínda que sempre seremos xente fiel os sons dese estilo chamado punk-pop".

No 2006 incluíron dúas cancións dentro dun disco chamado U), ­reunión de formacións novas que foi a zancada anterior á edición deste Ep titulado... Never told you this before... gravado nos Océano Estudios coa produción de Javier Abreu (que traballou con Piratas, Boicot, Sugarless, etc.). Estes cinco temas son cortes breves, tensos e intensos, sen medo a sonar a metal en vinte segundos e a ter aire pop un minuto despois. é unha receita comercial, pero tampouco hai que ter medo deles, porque comercial son hoxe os discos de Fito e Fitipaldis e non pasa nada.
"Na hora de compoñer non pechamos ningunha porta, estamos creando cancións con influencias tan dispares como o metal, o pop máis comercial, o indie rock alternativo, conservando sempre a nosa esencia melódica distintiva, ou sexa, ter un estribillo pegadizo marca da casa", din sen medo.
Temas en inglés e un corte en castelán compoñen este interesante disco de presentación.

Agora queda esperar que vaian crecendo como banda e sumando datas na axenda de directo.
Máis info: www.myspace.com/allthecream.

26 jul 2007 / 19:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito