Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Alumnos de Ames estudan a forma de vida no pasado do municipio

As primeiras enquisas amosan un gran cambio nos hábitos de alimentación locais

    Durante o curso 2019-2020 o CEIP Barouta e a Aula da Natureza do Concello de Ames desenvolveron un amplo traballo de recuperación do xeito de vida no municipio no pasado recente. Así, aos cativos de Educación Infantil asignáronlles cancións e refráns, e á rapazada de primeiro e segundo de Primaria a tarefa de investigar sobre os alimentos (que se comía, que cousas había na casa e que se mercaba, cando e onde se facía a compra...). Asemade, os rapaces de terceiro e cuarto de Primaria investigaron sobre a distribución da terra, os labores na horta e no monte, os animais, as árbores e os seus usos e a organización das aldeas. Mentres, o alumnado de quinto e sexto de Primaria realizou unha investigación para tentar de ver o fenotipo predominante (pecas, forma das orellas ou das mans...).

    Xa se remataron as enquisas do estudantado de 1 e 2º de Primaria e os resultados ofrecen “moi boa mostra do cambio nos hábitos de alimentación, na maneira de facer as compras, ou que alimentos eran considerados naquel momento como un luxo”, explican fontes municipais. Dos resultados sácase en claro que anos atrás nas casas tomábanse moitas patacas, verduras e millo. En canto á maneira de facer a compra, eran habituais as tendas de ultramarinos que se atopaban nas tabernas e cociñaban sempre nas casas as mulleres. Os pratos de luxo nos fogares da época eran os callos, o arroz ou os fideos con polo ou con carne de tenreira.

    08 abr 2020 / 23:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito