Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ames conmemora o Día das Letras Galegas cun acto literario-musical na Casa da Cultura do Milladoiro

Actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames.

    O Concello de Ames ten preparado un acto literario-musical para o día anterior ao das Letras Galegas, o xoves 16 de maio. Neste acto actuará a Escola Municipal de Música de Ames e entregaranse os premios do X Certame Literario e do V Certame Intercentros Concello de Ames. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro será o epicentro da celebración deste evento que comezará a partir das 20:00 horas. Tal e como se establecen nas bases hoxe publícanse os gañadores do Certame Literario Concello de Ames. Nesta edición o xurado encargado de elixir os premiados/as estivo composto pola escritora amesá, Mariña Pérez Rei, o investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Antonio López Silva, e o escritor e crítico literario, Armando Requeixo Cuba.

    A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este xoves, 16 de maio, o acto central co que o Concello de Ames conmemora as Letras Galegas. Este acto comezará coa actuación do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. Marta Costoya cantará o tema Lela, acompañado de Oscar Suárez coa guitarra. A continuación procederase a facer entrega dos premios do V Certame Intercentros Concello de Ames.

    De seguido, entregaranse os premios do X Certame Literario. Nesta edición os premios recaeron nas seguintes persoas. Na primeira categoría de narrativa, para rapaces e rapazas de ata 13 anos, o primeiro premio recaeu na obra 'Cousas de rapaza', da amiense Ana López Martínez. O segundo premio caeu nas mans do vigués Xián Pazos González autor do traballo 'O dragón Felipe'. O terceiro premio foi para 'Carapuchiña escura', de Blanca Barros Rubines, de Cuntis .

    Na segunda categoría de narrativa, dirixida a rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos, o primeiro premio recaeu na nicrariense Sara Riveiro Capeáns coa obra 'Monstros de tinta'. O segundo premio foi para Nerea Pérez Cerquides, tamén de Negreira, coa obra 'Contos de medo ao atardecer' e o terceiro para Daniel Santos López, de Corcubión, co título 'Viaxe a ningures'.

    Na terceira e última categoría desta modalidade, dirixida ás persoas maiores de 18 anos, o primeiro posto foi para o compostelá Mario Caneiro Ameneiros coa peza 'Un bolso ?chic?'. A segunda posición acadouna a amiense Luz Cures Vázquez co traballo 'Sinestesia' e o terceiro premio foi para 'Fetichismo', da autora Rocío Leira Castro, de Cee.

    Premiados na modalidade de poesía
    Na modalidade de poesía os premios tamén se repartiron en tres categorías diferenciadas polas idades dos participantes. A primeira categoría, onde a idade máxima é de 13 anos, o primeiro posto foi para a viguesa María López Gabián coa obra 'As amigas'. O segundo premio foi para Irene Rico Gómez, de Burela, coa peza 'Dereito a soñar' e no terceiro posto quedou a nicrariense Iria Freire Agra co seu traballo 'A fada, o ruiseñor e unha canción de amor'.

    Na segunda categoría, que acolle aos rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, o primeiro premio foi para Claudia Cives Caamaño, de Noia, coa peza 'Natureza agreste'. No segundo posto quedou Marcela Porto Mato, da Estrada, co traballo 'Imaxes' e o terceiro premio acadouno Ana Souto Villanustre, de Brión, co título 'Cárcere dos pesadelos'.

    Na terceira categoría que abrangueu a todas as persoas de máis de 18 anos, o primeiro premio foi para a obra 'O teu nome é Eufrates' da ourensá Alba Cid Fernández. O segundo premio foi para Luis Rodríguez Rivera, de Ames, coa súa obra 'O anxo breve', mentres que o terceiro premio recaeu no traballo 'Fragmentos para C.' de Ismael Ramos Castelo, de Noia.

    Este ano presentáronse un total de 154 traballos. Na modalidade de narrativa presentáronse 94 textos repartidos entre as tres categorías existentes (29 na primeira; 23 na segunda; e 42 na terceira categoría). Por outra banda, na modalidade de poesía houbo 60 textos orixinais presentados (15 na primeira; 8 na segunda; e 37 na terceira categoría). A ampla participación nesta convocatoria é unha mostra da acollida que ten este certame entre os novos creadores e creadoras, un certame que, nos seus dez anos de existencia foise consolidando como referente no ámbito cultural galego.

    Antes de rematar o acto volverán a intervir os alumnos/as da Escola Municipal de Música de Ames para interpretar o Himno Galego. A orquestra de frautas estará composta por Nerea Montes, Iria Dorrego, Javier Rouco, Sara Millán, Sara Olmo, Leire Gallego, Andrea Riveiro, Manuel Anxo Cabañas, Sergio García, Antón Suárez, Ana Trespaderne, Uxía González, Celia Enríquez, Natalia Lorenzo, Andrea Cal e Xabier A. Gónzalez, mentres que da percusión encargarase Aída Raíndo.

    Teatro e cine
    Entre o luns 13 e o mércores 15 de maio, o Concello de Ames está desenvolvendo o ciclo ?Cine das Letras?, unha iniciativa que ten como obxectivo dar a coñecer producións culturais en lingua galega, nomeadamente as creacións audiovisuais e literarias, achegándolle á cidadanía producións audiovisuais en lingua galega difíciles de atopar nas salas comerciais. O nexo de unión entre todas as películas programadas é que son adaptacións de obras literarias galegas. A entrada é de balde.

    A primeira proxección deste ciclo tivo lugar este luns, 13 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns, onde se puido ver o filme 'O lapis do carpinteiro'. A seguinte película en proxectarse neste ciclo de cine é 'Romasanta, a caza da besta'. Neste caso, a proxección ten lugar o martes, 14 de maio, ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. Este filme, estreado en 2004 dirixido por Paco Plaza, está baseado nunha novela de Alfredo Conde e na historia verídica de Manuel Blanco Romasanta, tamén coñecido como o home lobo de Allariz.

    O ciclo ?Cine das Letras? continuará o mércores, 15 de maio, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección da película 'O club da calceta'. O filme, dirixido por Antón Dobao no ano 2009, é unha adaptación libre da premiada novela do mesmo nome da lucense María Reimóndez.

    A programación dedicada ás Letras Galegas rematará o venres 24 de maio, unha xornada na que a compañía de teatro Antroido presentará na Casa da Cultura do Milladoiro o seu espectáculo BailadELAS. Esta obra, que se poderá ver a partir das 21:00 horas, está dirixida por Xavier Estévez e foi escrita por Roi Vidal, sobre textos do seu pai, Roberto Vidal Bolaño. Laura Ponte é a actriz protagonista de BailadELAS, encargada de interpretar nesta montaxe as personaxes femininas inspiradas en cinco textos do dramaturgo ao que neste 2013 se lle dedica o Día das Letras Galegas.

    14 may 2013 / 17:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito