Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Ames

Ames debate o acordo para ceder a parcela do CEIP do Milladoiro

Abordarase o luns 13 na comisión informativa e o xoves 16 no pleno telemático // Tratarase a reanudación da exposición pública do orzamento municipal para 2020

O Concello de Ames continúa coa tramitación da posta a disposición da Xunta de Galicia da parcela para a construción do novo colexio público de Infantil e Primaria no Milladoiro. Esta obra está incluída no Plan de Infraestruturas 2016-2020 da Xunta e conta cun investimento estimado de catro millóns de euros. Unha vez superado o trámite de inscrición dos terreos no rexistro da propiedade, agora deberá aprobarse no pleno un convenio de colaboración coa Consellería de Educación para ceder a parcela á Administración autonómica, e que se ocupe da redacción do proxecto e da licitación das obras de construción.

Dito acordo debaterase nas comisións informativas que se realizarán o vindeiro luns, 13 de abril, e posteriormente no pleno ordinario correspondente ao mes de marzo, que se desenvolverá de xeito telemático o xoves día 16.

Dende a administración local lembran que “a posta a disposición é libre de cargas e gravames, sen reserva ningunha”. A parcela ten 13.167 metros cadrados e está inscrita no rexistro da propiedade de Negreira. “Antes do inicio da obra, o Concello de Ames comprométese a acreditar o desvío do tendido eléctrico e da condución subterránea de augas para usos domésticos que consta na inscrición rexistral”, sinalan fontes municipais.

Esta obra está incluída no Plan de Infraestruturas
2016-2020 e estímase un presuposto de catro millóns

A parcela cedida á Xunta ten 13.167 metros cadrados
e está inscrita no rexistro da propiedade de Negreira

Previamente, segundo engaden, a xunta de goberno local aprobou de xeito definitivo o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para poder executar o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións (PEID) para construír un novo CEIP na localidade do Milladoiro. O pasado día 13 de maio de 2019 iniciouse o trámite no rexistro da propiedade de Negreira para formalizar a posta a disposición da parcela, previo trámite de aprobación por parte do pleno da Corporación.

Por outra banda, nas comisións informativas do vindeiro luns, día 13, e no pleno do xoves, día 16, abordaranse outros temas, como son a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento de 2020. Esta suspendérase debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban dous días para finalizar dita exposición.

Por outra banda, dende o gobeno local informan que tamén se tratará o informe da única alegación presentada ao orzamento ata a declaración do estado de alarma e a contestación ao escrito da empresa concesionaria do complexo da piscina cuberta municipal de Ames, na que solicita a compensación económica debido á paralización da súa actividade empresarial.

areadecompostela@elcorreogallego.es

09 abr 2020 / 21:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito