Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ames proxecta 50 curtas no único festival infantil galego

Desenvolverase entre o 11 e o 15 deste mes e haberá filmes de todo o mundo nos auditorios das dúas urbes // Inclúe mesas redondas, obradoiros, certames de fotos e propostas para que a rapazada do Concello máis novo participe

O salón de plenos de Ames foi ocupado onte por uns munícipes de excepción: vinte alumnos de 5º curso do CEIP Agro do Muíño que acudiron á presentación do fito audiovisual da Maía: a convocatoria da terceira edición do Festival Internacional de Cine para nenos de Ames, o único certame galego da 7ª arte dirixido a público infantil e familiar. Organizado polo Concello de Ames co apoio da Deputación da Coruña, desenvolverase do 11 ao 15 de decembro, alternando nos auditorios das dúas urbes, onde se proxectarán máis de 50 curtametraxes de todo o mundo, realizarase un taller de stop motion, unha festa de videoclips, mesas redondas e poderanse ver curtas do FIC Bueu.

E foi David Santomil, primeiro tenente de alcalde, o encargado de explicar que "conxugando d­ous factores como que Ames é o concello máis novo de Galicia e a intención de impulsar o sector audiovisual, obtívose como resultado a creación deste festival. Nel proxectaranse curtas de todo o mundo. Isto vainos permitir aprender moito de diferente lugares do mundo", gabando a colaboración económica da Deputación da Coruña, que tamén estivo representada no acto. Así, o deputado provincial de Cultura, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, afondaba en que "este é un evento moi importante porque o que se está facendo é crear o gusto polo cinema do público máis novo e iso tamén vai influír na paixón pola lectura e pola cultura en xeral. Estamos encantados de que proxectos como este se leven a cabo, e que se organicen en concellos como Ames, con gran cantidades de nenos e mozos", afondaba onte.

Pola súa banda, a edil de Cultura, Natividade González, dixo "sentirse moi orgullosa da posta en marcha da terceira edición do festival de cine infantil porque é algo máis que cine. É unha ferramenta educativa na que se van abordar distintos valores como a diversidade, sustentabilidade medioambiental ou compromiso coa lingua", apuntou.

Igual que en pasadas edicións, a oferta está composta por unha selección de curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete. Ademais desta selección oficial a concurso, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo audiovisual nos cativos ao tempo que se quere incentivar a creación de cine para a infancia. Nesta liña, contarase con sesións específicas para escolares, unha mesa redonda, obradoiros, música e proxeccións complementarias.

Diego Ruíz, responsable da empresa Patio de Luces Producciones SC, divulgou algunhas das novidades deste ano no festival, como a "selección de curtas dun festival amigo como é o FicBueu. Ademais, o público seguirá sendo partícipe do evento porque terá que votar polas mellores curtametraxes". A este respecto, destacou os dous certames previstos (fotos e propostas de ideas), con premio de 30 camisetas. E o director de produción do Festival, Juan de Castro, avanzou que Fernando Cortiz ensinará como facer un filme con plastilina.

05 dic 2019 / 21:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito