Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

An Alfaya gaña o Premio Raíña Lupa que promove a Deputación da Coruña

A obra 'Revolución detrito' de Xosé García Rodríguez, finalista do certame de literatura infantil e xuvenil

Santiago. A escritora An Alfaya coa novela O grupo é a gañadora do XII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O escritor e xornalista Xosé García Rodríguez é o finalista do certame coa obra Revolución detrito.

Un xurado composto polas escritoras Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Eva Mexuto e Ánxela Gracián, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, como presidenta e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria elixiu, por unanimidade, a novela O grupo, presentada co lema Vulnerables, como gañadora do XII Premio Raína Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Aberta a plica a autora resultou ser a escritora An Alfaya que ten como premio 6.500 € e a publicación da obra.

Pola alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu nomear como finalista a obra Revolución detrito do escritor e xornalista Xosé García Rodríguez. O xurado estima que a novela de An Alfaya é "unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados".

A obra é, segundo o fallo do premio, "moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida".

A novela O grupo parte, como explica o xurado, "dunha situación pouco usual de cinco rapaces que se reúnen nun centro cívico para ser tratados por unha traballadora social a través da posta en común das súas experiencias traumáticas".

24 oct 2018 / 21:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito