Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Estudante de cuarto curso de Enxeñería Informática

Ángel Prado Montes: “Cambiei o soño de ser astronauta polo de traballar en Microsoft”

O mozo lugués foi fichado, aos 21 anos entre miles de candidatos, para desenvolver sistemas informáticos de seguridade na sede central do imperio de Bill Gates, en Redmond ·· “A clave é a persistencia e marcarse obxetivos aos poucos”, asegura

Aínda que cre que "nos estamos volvendo demasiado dependentes das máquinas", o certo é que os ordenadores e os sistemas informáticos son o presente e o futuro de Ángel Prado Montes, o mozo lugués fichado por Bill Gates entre miles de candidatos para traballar na sede central de Microsoft. Cando non está diante dun computador, Ángel Prado, de 21 anos de idade, aproveita para xogar ao xadrez, ler libros, falar coa familia e cos amigos e durmir as horas que lles rouban os seus estudos na Universidade de Illinois, desde onde responde estas preguntas.

_ Foi seleccionado entre miles de aspirantes e desputou un duelo final con sete enxeñeiros, ¿Como se sente un cando lle comunican que é o elixido para traballar en Redmond, no corazón do imperio informático Microsoft?

– Ao principio resúltache surrealista. Chegaches hai uns meses a un país novo, sen coñecer a ninguén e xa che fixeron unha oferta de traballo. Quédaste perplexo e desde logo gratamente sorprendido porque na miña opinión valoran o que podes achegarlles, a paixón que tes e o que podes facer. Non simplemente quen es ou de onde vés. Iso contrasta moitas veces coa imaxe que temos de América… eu creo que está un pouco distorsionada. As entrevistas foron complicadas e esíxenche un amplo coñecemento de estruturas de datos, complexidade e algoritmia, lóxica, redes, sistemas operativos e bases de datos… O primeiro que fas ao coñecer os resultados é agradecerlle a todo o mundo que che axudou a cumprir o teu soño (amigos, familia..), ter os pés na terra e ser consciente de que todos os días hai algo novo que aprender.

– Con 21 anos hai rapaces que aínda nin se preguntaron polo seu futuro laboral, ¿non pensou algunha vez que as cousas lle van moi rápido?

– Demasiado rápido!! Aos 7 anos xa me dedicaba a argallar cun dos primeiros 286 que saían ao mercado antes de que Windows se popularizara. Un deses computadores con 8 mb de disco duro que substituíron os Amiga, cuns poucos KiloBytes de memoria RAM. Aos 13 anos, xa programaba algúns xogos simples en C. Daquela percorríame a xeografía española para ir a encontros informáticos como Campus Party en Valencia, Euskal en San Sebastián ou a Xuventude Galicia Net en Santiago. Con só 13 anos (aínda non se sabe como me aceptaron) estaba eu alí no medio de toda aquela xente que discutía sobre Linux, e Windows e cousas que me apaixonaban, máis aló dos videoxogos. Fascinábame asistir a conferencias de xente de Microsoft. O certo é que estaba abrumado polo coñecemento que transmitían. Quizais me deixei impresionar facilmente, pero entón decidín que o meu soño non era ser astronauta, senón traballar en Microsoft. Aos 16 xa competira con algún acerto en competición de robótica. Logo, na Universidade tentei sempre que podía ler pola miña conta informes e papers de seguridade informática, aprender cousas novas que me resultaban sorprendentes, interactuar en foros e canles especializadas en Internet. Buscaba satisfacer a miña paixón e curiosidade pola informática e en particular polo campo da seguridade…

– Primeiro Madrid, logo Illinois e agora Redmond ¿Como se chega desde Lugo á elite da informática mundial? ¿de onde saca tanta determinación un rapaz tan novo?

– Eu creo que a clave é un pouco a persistencia e marcarse obxectivos aos poucos. Non é sinxelo entrevistarte con tantas compañías, coller 16 avións dun lado a outro neste país macroxigante milimetrando e cadrando as entrevistas na túa axenda como podes no medio da temporada de exames e proxectos. Eu creo que moitas persoas en Galicia están capacitadas para acadar calquera meta que se propoñan. Simplemente necesitan motivación, enerxía e paixón: un porqué.

– ¿En que área desenvolverá ou seu traballo en Microsoft e que buscaba Bill Gates cando o escolleu?

– Aceptei unha oferta como Software Developer Engineer in Test para o equipo de Directory Services e autentificación. En trazos xerais trátase de asegurar un limiar de calidade nos produtos de servidores que máis tarde serán usados por miles de corporacións e interactuarán con millóns de usuarios. Digamos que nós debemos atopar os fallos de seguridade, as vulnerabilidades e os puntos onde os crackers do lado escuro poden arruinar a credibilidade das aplicacións corporativas. E isto, antes de que eles o fagan, claro. Facerlles a vida aos malos un pouco máis difícil. A idea básica detrás deste rol é a de asegurar que un produto deseñado polos arquitectos de software e desenvolvido polos programadores se comporta como debe comportarse. Para iso necesítase creatividade e u­nha serie de habilidades que non sempre se aprenden nas aulas e ás veces nin sequera nos libros. Digamos que a idea é adiantarse aos hackers/crackers que logo pasarán noites tentando volatilizar e romper a seguridade do produto en cuestión mediante enxeñería inversa: motívalles a repercusión eo impacto que obteñen ao facer isto.

– Os sistemas operativos de Microsoft sempre se caracterizaron por certos fallos e furados de seguridade, que son emendados en cada nova versión ou logo do exame do mercado. ¿Vai ter que poñer moitos parches?

– O feito de que arredor de 9 de cada 10 computadores persoais no mundo utilicen algún sistema operativo de Microsoft evidentemente fai de Windows unha plataforma máis suculenta para os hackers que intentan romper calquera barreira de seguridade. Na miña humilde opinión Windows Vista é unha evolución respecto diso, xa que o núcleo do sistema está reescrito en gran parte e incorporou novos elementos de seguridade, como protección antispyware, control de usuarios (para que non todas as accións que fagamos teñan efecto de administrador), permisos parentais, tecnoloxía anti-phishing (para detectar as páxinas web que intentan suplantar a bancos, etc) … En calquera caso só lle levou tres semanas á comunidade hacker atopar unha forma de saltarse o proceso de activación de Vista para poder empregado sen pagar unha licenza. Sempre haberá alguén con moito tempo libre e recursos para intentar forzar a maquinaria.

Desde a distancia

O “incrible potencial” galego

– ¿Que faría posíbel o regreso do seu ‘cerebro fugado’?

– Agora mesmo a situación en España para os novos enxeñeiros ten moitas saídas. Hai moitísima demanda no campo da consultoría informática. Con todo hai certas áreas do I+D+i que aínda non acaban de callar. A todos os estranxeiros que estamos en EEUU nos gustaría volver, pero por circunstancias da vida e por evolución tecnolóxica non poderiamos facer o que nos gusta, teriamos que traballar nalgo diferente. En Galicia hai un incrible potencial. O que falta para o despegue tecnolóxico é que se cren empresas capaces de mirar máis aló do balance anual e innoven. Estamos moi centrados no sector servizos e na construción, o seguro...

– ¿Que bota de menos en Illinois?

– Home, a verdade é que me tratan moi ben por aquí, ás veces te sentes como na casa. Aínda así é inevitable botar de menos os teus compañeiros, familia e amigos... Desde logo en España e particularmente en Galicia a calidade de vida é moi boa. A gastronomía, o estilo de vida e o balance traballo/vida social é menos estresante, por non falar das xélidas temperaturas do Mid-West. Non é trivial tomar a decisión de emigrar, pero desde logo nun mundo global como o que vivimos hoxe en día, onde se pode chamar gratuitamente a case todos os recunchos do planeta e os emails chegan en segundos, as barreiras e distancias son as que un queira poñer.

– Ten asegurado que as oportunidades non veñen senón que hai que crealas. Se segue creando oportunidades a este ritmo a vez próxima que falemos será do Nobel...

– Home, o certo é que tampouco me teño tan considerado, pero en calquera caso non existen premios Nobel para informática ou ciencias da computación. En verdade eu só aspiro a contribuír co que estea ao alcance das miñas habilidades e coñecementos. Seguir aprendendo día a día, porque o coñecemento é ilimitado e se duplica cando non te dás conta, e definitivamente no campo da tecnoloxía se quedas parado os teus coñecementos se converte en historia.

25 abr 2007 / 00:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito