Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
patrimonio da humanidade

A antiga Biblos

A Unesco, no ano 1984, aprobou que na Lista do Patrimonio Mundial se incluíse Biblos, unha das máis vellas poboacións do Líbano, e aínda do mundo, que foi habitada de xeito case ininterrompido desde hai sete mil anos. Así, esta cidade de mil nomes viu recoñecida a súa categoría, avalada por unha axitada historia que rememoran para nós as súas vellas ruínas

Uns trinta quilómetros ó norte de Beirut, a capital do país do Líbano, na antiga Fenicia, atópase o primitivo asentamento de Biblos, no alto dun outeiro.

Precisamente de aí lle veu tamén o seu primeiro nome: nos vellos textos cuneiformes, esta cidade aparece mencionada como Gubla, que significaría montaña, ó igual que o nome que se lle daba na lingua hebrea ou o que aparece na mesma Biblia, Gablu e Gebal, respectivamente.

O nome que recibe hoxe, en árabe, é Djubayl, que, aínda que non o pareza, ten a mesma raíz léxica, e ata poderiamos establecer unha relación etimolóxica con Xibraltar, pois o Peñón recibiu o nome do seu conquistador mouro, Tariq, e de aí, Yabal-tariq, "a montaña de Tariq".

A razón de todas estas coincidencias é que tanto a lingua dos fenicios, como o hebreo e o árabe son linguas semitas, pero os mariñeiros gregos, que falaban unha lingua indoeuropea, déronlle outro novo nome á cidade, e tamén ó territorio: Biblos e Femcla, e que segundo a teoría máis aceptada facían referencia a un dos produtos que distribuíron os comerciantes locais por toda a cunca do Mediterráneo, isto é, o papiro exipcio, algo que ten a súa importancia e sobre o cal volveremos no seu debido momento.

Mais antes diremos que a orixe do asentamento de Biblos é unha pequena poboación de pescadores, que para establecerse escolleu aquela localización hai uns sete mil anos, no período Neolítico. Desta época apenas se conservan ruínas de pequenas casoupas, vivendas monocelulares, construídas sobre un terreo calcario que co tempo iría afundindo.

Contra o ano 2800 antes de Cristo, a comezos da Idade de Bronce, a cidade quedou rodeada por unha muralla, e iso daría orixe á lenda segundo a cal Biblos fora fundada polo deus El, o mesmo que a cercaría co muro.

Uns séculos despois, a cidade xa era un dos máis importantes portos da rexión, exportando a prezada madeira de cedro libanés a Exipto, onde se usaba na construción naval e para os templos e palacios encargados polo faraón.

A riqueza da cidade empregouse para construír o famoso templo de Baalat Gebal, a "Dama de Biblos", deusa da cidade. Pero aquela opulencia atraeu a atención dun pobo veciño, o dos amoritas ou amorreos, que saquearon e incendiaron a cidade.

Non obstante, a cidade renacería de entre as cinzas, e coñecería unha nova prosperidade, tendo lugar nesta época a invención dun sistema de escritura con base fonética, o cal facilitaba as transcricións e promocionou a cultura: desde ese momento multiplicouse a demanda no negocio do papiro, e os gregos, que coñeceron o sistema, adaptárono, creando así o alfabeto, un dos máis importantes inventos de toda a historia.

Máis tarde chegaría á zona o misterioso "pobo do mar", quizais os filisteos citados na Biblia, que lles ensinaron as súas técnicas mariñeiras ós fenicios, dedicándose estes desde ese momento á navegación de altura por todo o Mediterráneo, difundindo a súa cultura e alcanzando o seu apoxeo.

Logo Biblos coñecería a dominación babilonia, persa, grega, romana, bizantina, árabe, e a dos Embriaci xenoveses, que controlaron a cidade na época das Cruzadas.

Retomada polos musulmáns, logo pasaría a formar parte do imperio otomán, entrando nunha etapa de decadencia da que saíu no pasado século, e, malia que as guerras rexionais limitaron en boa medida o seu desenvolvemento, Biblos permanece e lembra a súa vella historia.

06 jun 2006 / 18:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito