Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Antonio López: "Queremos autonomía financeira para decidir a onde van os cartos"

Esta semana comezan as tres universidades a negociar con Educación os seu futuros orzamentos // O reitor da USC leva un feixe de propostas para corrixir "certas eivas"

Dixo hai unha semana en Lugo, na festa de Santo Tomás, que quería unha USC con plena autonomía. Debería selo, non?

Forma parte da súa esencia. A propia Constitución garantiza a autonomía das universidades. É unha das pezas claves para poder facer docencia e investigación con arreglo a criterios estritamente académicos e sen interferencias. Iso é o que significa autonomía, ter a capacidade de decidir sobre as nosas cuestións, sabendo que hai un ámbito de competencia, administrativo ou de goberno, sobre a universidade que lle corresponde no noso caso prioritariamente á comunidade autónoma. Dentro diso, si hai que reivindicar que nós poidamos facer as nosas propostas, ter unha política de títulos que consideremos axeitada. Para iso tamén é importante ter recursos financeiros. Queremos autonomía tamén financeira.

Tamén falou a finais de ano de que as tres universidades tiñan que empezar a negociar coa Xunta o financiamento, tendo en conta que haberá eleccións. Cando empezan a falar?

Esta semana que comeza mañá temos unha primeira reunión da comisión de seguimento do Plan de Financiamento para precisamente empezar a centrar o tema cara a como vai ser o futuro. O actual remata o 2020 e xa temos aprobado por parte da Xunta o último orzamento derivado del. Agora temos que empezar a pensar que vai pasar no 2021. Ben para negociar o seguinte ou para buscar unha solución para o ano que vén. Ao mellor sen revisar todo o plan, pero buscar algúns axustes, algunhas eivas que vimos denunciando.

Non para outros cinco anos?

Temos que conquerir, no momento que sexa, outro plan de financiamento plurianual, aí non hai dúbidas e penso que estaremos todos de acordo de que é esencial. Forma parte da autonomía, porque tes unha previsión de cal vai ser o teu escenario financeiro a medio prazo, que non todas as universidades dispoñen del. Afortunadamente en Galicia levamos xa 20 anos con plans de financiamento e é un factor que merece é unha valoración moi, moi positiva. Agora temos que pensar se é o momento de traballar nun plan para outros 5 anos ou se entendemos que nestas circunstancias -ano electoral- convén pensar nunha solución máis inmediata, para o 2021. E ao mellor darnos o 2021 como período para negociar o plurianual. Hai que ver cal é a posición da Xunta.

Que asuntos imprescindibles vai poñer enriba da mesa a USC nestas negociacións?

Desde a USC imos propoñer que o novo plan corrixa algunhas das eivas que vimos detectando no que temos agora mesmo. Por exemplo, que as decisións lexislativas ou doutro tenor que se toman fóra da universidade, por exemplo o Estado, dende subidas de soldo a aumentos de cotización á Seguridade Social, etc., teñan unha corrección inmediata no orzamento. Agora se se decide subir o salario non hai un aumento dos recursos da universidade na mesma cuantía. Se se aumentan as cotizacións á Seguridade Social non hai unha repercusión no plan de financiamento. Buscar solucións que vaian nesa liña.

Pero xa se fai en algún lugar?

En Portugal acaban de asinar un acordo de lexislatura entre as universidades e o Goberno que o garantiza. Calquera decisión lexislativa debe vir acompañada de dotación financeira para que non supoña un sacrificio por parte das universidades.

Levarán á negociación o novo Plan de Infraestruturas?

Temos que pedirlle á Xunta que faga un esforzo en infraestruturas. Durante estes anos da crise unha das medidas en casi todas as universidades foi reducir ao máximo o gasto neste ámbito. Aquí tamén temos unhas dotacións mínimas para obras de reparación, ampliación e mellora. Nós vimos de aprobar no Claustro e no Consello de Goberno un Plan de Infraestruturas a medio e longo prazo e temos que conseguir as dotacións oportunas. Ao mellor hai que deixalo ao lado, fóra do plan.

Quere dicir que non van tocar este tema?

Non, quero dicir negocialo fóra, máis especificamente, como unha cousa á parte, aínda que sexa tamén con Educación. O plan de financiamento é un sistema de reparto entre as tres universidades. Non só é canto diñeiro se pon, senón como se reparte. E hai cousas como as infraestruturas que son tan peculiares que non hai xeito de establecer criterios de reparto equitativos. Hai que buscar solucións, acordos bilaterais entre as administracións, porque pode intervir más dunha. E con carácter, evidentemente, plurianual. Falamos de cuantías moi importantes.

Acaba de utilizar o termo peculiaridade para as infraestruturas, pero a USC ten moitas máis cousas singulares...

Si. Igual que pasa coas infraestruturas, ten que haber un recoñecemento de circunstancias específicas de cada universidade. De dotación para determinados servizos moi importantes desde o punto de vista do ensino universitario. Falo claramente do de residencias ou doutros como gardería universitaria, etc. Nós temos 1.200 prazas de residencias que ofrecemos a uns custos que dependen da renda das persoas. Pero, claro, esa función social que é esencial para que se poida acceder con igualdade de oportunidades ao ensino universitario, ten un custo e non ten reflexo no orzamento. Estes servizos, na medida en que son valiosos, teñen que ter tamén unha traslación no plan de financiamento. É outra peculiaridade evidente que ten que ver coas infraestruturas é que os nosos dous campus están implantados en cidades patrimonio da humanidade. O mantemento desas infraestruturas teñen outro custo.

No seu discurso do día de Santo Tomás, tamén aludiu ao financiamento condicionado...

É outro punto esencial que enlaza co primeiro que falabamos da autonomía. Temos que conseguir que se vaia reducindo o financiamento condicionado, é dicir, que os cartos non sexan para unha actividade concreta. Que nós poidamos tomar as nosas decisións e, despois, render contas do que facemos. Explicar o que se fixo con eses cartos pero que non veñan tan condicionados. Esto afecta moi especialmente á investigación, a todo o que é I+D. Coarta a capacidad de decisión da universidade.

Por qué lle afecta especialmente á investigación?

A investigación, que empeza a ser algo, digamos, estrutural, normal, na universidade, non se pode financiar só con proxectos... con axudas concretas... Se é algo estrutural debe ter tamén un certo soporte estrutural. É outra das cousas que demandamos. Se a investigación, eu falo da nosa, se converteu nunha cuestión esencial, temos que tamén atoparlle mecanismos de financiamento basais, que non dependan dun proxecto. Permitirá atender desde infraestruturas ata persoal necesario para facer a investigación.

Non será moito pedir para 2021?

Son algunhas das cuestións que imos poñer enriba da mesa como temas a resolver de cara ao futuro. Sexa a cinco anos, inmediatamente, no acordo que se faga agora ou dentro do ano que vén...

Ou sexa, que a USC necesita máis cartos...

Si, pero non só a USC. Xa en termos globais a universidade española marca un obxectivo, para achegarnos á nosa contorna, que é que o financiamento do ensino superior ronde o 1 % do PIB. É unha referencia que non se pode acadar dun ano para outro. Andamos arredor do 0,9 e hai un camiño para percorrer. Como obxectivo a medio prazo. Se queremos converxer debemos ir tirando cara aí.

Outra cousa que reivindica é deixar de ter esa obriga de eliminar prazas para crear outras...

É outro exemplo que ten que ver coa autonomía. Nós temos que ser quen de facer unha oferta formativa, de prazas, axeitada á demanda que hai do estudantado, ás demandas de empregabilidade... Imos abrindo algunha porta por aí, incrementando ainda que sexa pouco as prazas en títulos nos que hai demanda social e empregabilidade. Onde se necesitan máis graduados. Niso estamos.

Este curso subiu o alumnado de primeiro curso e quedaron poucas prazas baleiras...

Si. Aumentaron ao redor do 9 por cento. Temos que seguir nesa liña. Confiamos en ir asentando esta tendencia coa política de implantación de novos títulos como foi o de Criminoloxía, Biotecnoloxía aquí en Compostela, Robótica en Lugo e outros novos para o curso que vén. É un tema moi importante o de ter alumnos, é o que nos xustifica socialmente e tamén é unha parte esencial do noso financiamento. Temos que esforzarnos en facer atractiva a nosa oferta.

Das galegas, a USC tamén é a que máis solicitudes ten en primeira opción...

É verdade que temos unha moi boa demanda. De feito, no campus de Compostela unicamente hai dúas titulacións nas que quedaron prazas e un número moi pequeno delas, Xeografía e Filoloxía Clásica, as chamadas singulares porque son únicas no sistema universitario galego e de referencia. De feito en Santiago temos unha porcentaxe de cobertura superior ao 100% porque hai algunhas outras nas que, polos chamamentos, ás veces entran 5 máis. Está compensado. En Lugo temos algún problema máis e aí estamos traballando.

Referiuse á importancia da investigación. Esta mesma semana presentáronse avances punteiros no eido do cancro.

Todo o que é ver que se están acadando resultados, e que teñen ademais moita visibilidade, proxección e trascendencia para a sociedade, énchenos de satisfacción. A investigación é un traballo calado e que pasa moito tempo ata que se ven cousas de relevancia, pero claro que produce satisfacción saber que o que se está investigando é trascendente. Ten moito mérito o que se está facendo dende a USC.

Sempre se di que a USC destaca en investigación...

Está claro que en investigación e transferencia estamos moi ben situados. E é o que nos dá unha posición de privilexio en moitos dos ranquins. Pero aquí tamén estamos nun momento complicado porque o feito de que esteamos asistindo a un número moi alto de xubilacións, unido a que nos anos da crise non había taxa de reposición, de remuda xeracional, xenera algún problema tanto en docencia como en investigación. Falamos de xente consolidada, nos tramos máis altos da súa carreira. Remudar iso é un dos retos por diante.

Os científicos da USC conseguen moitos proxectos europeos de moitos cartos. De feito, é a que máis bolsas obtén, ou non?

Evidentemente unha parte importante dos nosos ingresos veñen vía proxectos, contratos con empresas, bolsas a nivel internacional, starting grant, advanced grant... Si. Na nosa comunidade somos líderes claros, pero precisamente esto conecta co que dicía antes, esa importancia que ten a investigación esixe tamén que, ademais de ter centros singulares relevantes, teñamos un financiamento estrutural que, máis alá de que teñamos un proxecto ou non, sigamos podendo facer investigación con carácter natural. É outro dos empeños que temos por diante.

Tratemos por separado, como di, o Plan de Infraestruturas. Eses 20 millóns que ía dar a Xunta para construír a nova Medicina, daos ou non, agora que se desbotou facer una nova facultade?

Nós falamos no seu día e adiantamos as liñas mestras do plan. Temos agora que conseguir os recursos. Non chegamos a ese nivel de concreción, pero dou por suposto que o compromiso que había para un proxecto ligado a Medicina debamos reorientalo agora para financiar este plan, que inclúe actuacións en Medicina, pero tamén en Farmacia, Ciencias da Educación, Enfermería... na rehabilitación de Químicas, Xeografía e Historia... Por suposto que temos que conseguir reorientalo. E ao mellor temos incluso que buscar máis recursos, sabendo que non será nun ano nin en dous. Levará anos a súa aplicación definitiva pero dou por suposto que si. Era un compromiso, unha actuación.

Os primeiros cartos, a onde irán? A Medicina ou a Farmacia?

Nós temos dito claramente que a actuación prioritaria é Farmacia. Debemos elaborar un proxecto e conseguir canto antes poñelo en marcha para dotarnos de infraestruturas docentes, que os alumnos teñan as súas aulas, os seus laboratorios e os espacios administrativos, docentes, de investigación... Seguramente haberá que actuar modularmente, pero o obxectivo número un é Farmacia. Tampouco se poden aparcar todos os demais porque moitos son de rehabilitación e haberá que ir pouco a pouco coas obras.

Poñamos data. Dicimos que nun ano se tira a vella Farmacia?

O seguro é que neste 2020 temos que ter proxecto básico para ese complexo que ten que ver coa Facultade de Farmacia e outras ligadas a Ciencias da Saúde. Agora temos que definir canto necesitamos, cantos metros facemos, onde. A idea témola e agora temos que trasladala para saber canto hai que construír e canto custa, en que fases o facemos, como o facemos. Facíanos falta empezar a actuar, efectivamente no ano que vén, 2021.

Empezan as obras en 2021...

Necesariamente. Témolo que poñer como obxectivo e ser capaces de facelo.

Insiste sempre nunha teima -xa o fixera no discurso da súa toma de posesión- e é que a Universidade de Santiago ten que ser autónoma, "como garantiza a Constitución", pero que esa autonomía sexa tamén económica e non condicionada como ata o de agora.

“Non nos preocupa a competencia cunha universidade privada, senón que esta sexa en igualdade de condicións”

Están os tres reitores galegos de acordo en que non queren a universidade privada que vén da man de Abanca...

A posición das nosas universidades é moi clara. Entendemos que o sistema público cubre as demandas que hai agora mesmo no ensino superior na nosa comunidade. Sempre dou ao dato de que as prazas que ofertamos entre as tres son arredor de 11.000 cada ano e o número de alumnos que superan a selectividade, 10.000. É verdade que habería que ampliar o número de prazas nalgunha titulación onde hai máis demanda, e niso estamos, pero non nos parece que a proposta privada engada ou mellore nada o sistema público. Nós somos quen de atender a demanda sen problema e pedimos un compromiso co ensino público.

Pero faríalles competencia, restaríalle alumnos á universidade pública?

Non nos preocupa o problema de competir. O que nos preocupa é que esa competencia, se a hai, sexa en igualdade de condicións. Que o servizo que se presta na privada, se se aproba, sexa similar. Que se faga tamén investigación, non só docencia. Que haxa tamén doutoramento. Ver con que recursos humanos se dispón... Porcentaxes de doutores, de persoas con dedicación á investigación... É dicir, que o que se imparta alí, que dá lugar a un título, sexa similar ou equiparable. Pero non nos asusta o tema de competir en absoluto, para nada. Nin me parece que vaia ser ningunha ameaza seria para nós. É simplemente un razoamento desde a racionalidade do sistema universitario, desde as condicións nas que se vai ofertar a formación e dunha defensa polo papel que cumpre o sistema público como instrumento de igualdade de oportunidades e de promoción social, esto que lle chamamos o ascensor que supón o ensino universitario.

"Non nos preocupa a competencia cunha universidade privada, senón que esta sexa en igualdade de condicións"

08 feb 2020 / 22:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito