Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
COUSAS DO DEMO

Aplauso para un goberno municipal que semella ser como Dios: está en todas partes

    O traballo dalgúns políticos non se limita unicamente a estirar a man para cobrar cada primeiro de mes. Hai quenes desembarcan na administración pública por vocación, por xenerosidade, por solidariedade, por amor á súa terra... por unha boa causa que leva consigo unhas boas intencións.

    É certo que tamén se poden atopar casos de persoeiros políticos que empezaron a súa andaina pública dun xeito altruísta pero que polo camiño se desviaron por escuras corredoiras con dubidosas intencións ou favoritismos pouco aleatorios.

    Quixera destacar o labor do equipo de goberno de Vedra que sacrifica moito máis do que lle esixe o seu posto. Hai anos a Vuelta a España de ciclismo cruzou o municipio e un dos concelleiros non tardou en contactar con varias empresas locais para amosarlle a todos os acompañantes da carreira as bondades da súa terra montando unha degustación e exposición na carballeira de San Fins, por diante da que tiñan que pasar todos os coches e os corredores. Desde aquela foron varios os profesionais da prensa internacional que se fixeron eco de Vedra nas súas publicacións e incluso un dos fotógrafos holandeses máis destacados elixiu as terras da Ulla para pasar dez días coa súa familia, ó tempo que retrataba os sitios máis bonitos da comarca para amosarllos ós seus compatriotas.

    Estaba ese concelleiro na obriga de facer ese traballo? A carreira pasou por ducias de municipios nos que non moveron un dedo e nos que ninguén se parou a pensar no potencial que tiñan na porta. Pero non pasou nada porque ningún dos seus veciños reprochou nada ós seus representantes. Coma se actuaran ben!

    Son varios os edís vedreses que sacrifican moito tempo da súa vida, desas horas que lle deberan pertencer á súa familia, para que todo o que teña que ver co seu Concello teña visibilidade. Porque están convencidos de que na súa terra se fan moitas cousas ben e un gran feixe delas nin se coñecen. Queren que as empresas asentadas no municipio triunfen e buscan as ferramentas para facilitarlle a promoción dos seus productos alén das nosas fronteiras.

    O centro comercial As Cancelas poderá gozar estes días dunha pequena representación do que é Vedra. E para que todo luza como é debido, algúns concelleiros estiveron colocando desde maniquíes ata pequenos estands e escaparates. Pero non se fixo en cinco minutos. Nalgunha das xornadas estiveron ata as tres da mañá. Outros concellos encargan ese tipo de labor a firmas externas mediante pago, pero Vedra sabe das súas limitacións orzamentarias e tamén da xenerosidade de boa parte da súa Corporación. E o que pasou do centro comercial santiagués non é unha excepción.

    Nun concello tan festeiro o equipo de goberno procura estar representado en todas as celebracións, tanto nas parroquiais como na Festa do Viño, o certame de tapas, o pasabodeghas, galas dos xubilados, excursións, un salón nupcial, concertos, teatro... Porque o goberno de Vedra semella ser como Dios: está en todas partes.

    Haberá quen diga que lle vai no soldo. Pode ser. Pero tamén é certo que na contorna hai outros moitos que cobran traballando moitísimo menos. Ata o punto de que os seus familiares non os botan en falta porque están moito tempo na casa. Incluso demasiado.

    Os fillos ou fillas dun alcalde ou un concelleiro merecen medrar sen o acubillo dos seus pais? Eles poden traballar por vocación e aínda así haberá quen os critique porque non lle gusta o que fan ou non están dacordo co que pensan. Xa se sabe que falar é de balde. O que seguramente sería peor de todo é decir que non merecen ter tempo libre porque cobran un soldo.

    Vedra ten a sorte de contar cuns representantes municipais que dan moito máis do que se lles exixe, porque levan ó seu pobo no fondo do seu corazón e buscan o xeito de que a riqueza das empresas do municipio medre. Porque eso é bo para todos. Das súas bocas non sairá unha mala palabra sobre o seu Concello. E son conscientes de que hai que sacrificarse, aínda a sabendas de que ese traballo agochado non vai ter o aplauso de todos os veciños e que aínda haberá quen o critique.

    E iso si que ten mérito, porque outros moitos, sabendo que vai pasar iso, quedarían na casa. E non pasaría nada. Cobrarían igual e aforrarían disgustos.

    Por que un alcalde que cobrou 24 anos vota en contra dun salario para o seu sucesor (doutro partido)?

    O que traballa debe cobrar. E nesta premisa están incluídos os alcaldes. O do amor ó arte está moi ben, pero non dá de comer. Non creo que ninguén poña en dúbida esa remuneración a non ser que desde a oposición se empeñen en torpedear o labor do mandatario ou que queiran telo lonxe do consistorio. É o que sucede na Baña.

    Cada vez que se celebra un pleno vai a votación o salario do rexedor. E unha e outra vez non se aproba por culpa dunha oposición que alega que a cantidade é moi elevada para un municipio tan pequeno.

    O curioso do caso é que no bando contrario, no que vota en contra, está Andrés García Cardeso, que cobrou como mandatario 24 anos cun soldo máis alto do que agora se lle nega a quen senta no principal sillón no pleno -según datos do Ministerio de Política Territorial e Función Pública sobre percepcións dos alcaldes, en 2018 cobrou 40.399,94 euros-. Ingresáronlle os cartos todos os primeiros de mes. Sen fallo. Pero non entende que o seu sucesor teña o mesmo dereito. Pois se é coherente e considera que o alcalde non debe cobrar, o máis serio -se viste como os homes- sería que devolvese todo o diñeiro que saíu do Concello cara á súa conta bancaria.

    Ó mellor é que o que ata o pasado mes de maio empuñou o bastón de mando non considera que as condicións económicas da administración local aconsellen aprobar ese salario. Ou pode que entenda que non o merece. Ou tamén é posible que esté a facer un labor implacable de desgaste do seu rival.

    O caso é que o PP vota en contra do soldo do alcalde socialista aliándose cos nacionalistas de Compromiso por Galicia. Unha alianza que ten pouco de lóxica pola ideoloxía tan alonxada dos dous grupos políticos, pero que, de seguir así, podería rematar nun matrimonio de conveniencia.

    De ter que intercambiarse as alianzas esperemos que teñan unha boa dosis de coherencia como para gobernar sen soldo. Sen ese salario que agora non creen que sexa necesario. Terán a vergoña suficiente como para nin sequera votar sobre ese salario ou terán tanta cara como para non importarlle poñerse colorados cando se trata do poderoso cabaleiro (don diñeiro)?

    02 nov 2019 / 20:41
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito