Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
A SON DE MAR

As doridas leccións do mestre

    NON tiven a sorte -permítaseme por unha vez a primeira persoa de singular- de coñecer a Miguel Suárez Abel, cecais por un acomodaticio deixarse ir malia as distintas oportunidades que se me cruzaron para saudar e tratar a alguén con quen, por mor da coincidencia de cada sábado nesta páxina tres do xornal, tantas vivencias temos compartido diante dos lectores e que dende hoxe quedará xa para sempre orfa do seu estimulante alento.

    Sei, pois, do admirado profesor por a fecunda pegada dos premios literarios acadados nesa para el tan grata afección de escritor e as súas sempre atinadas colaboracións neste xornal, pola sensibilidade e precisión amosada detrás de cada artigo, fose cal fora o tema traído á inquietude intelectual, mesmo en ocasións non necesariamente compartidas. Mais, aínda neses casos a discrepancia non impediu a admiración pola escrita precisa e o analítico pensamento do escritor arzuán.

    Pero mais alá de iso e a traveso desas súas colaboracións a admiración foi medrando día a día, pois que nelas foi deixando mostras da súa hombría de ben no desgarrado relato da dor e nas profundas e sopesadas reflexións sobre desta aventura de vivir, unha vez que soubo que a súa viña con data de caducidade.

    Obstinado como se mostrou de conquerir, como deixou dito, unha "boa preparación para morrer", poucas veces é doado presenciar, como ocorreu, a valentía moral e intelectual dun home capaz de enfrontarse a enfermidade que o vai devorando pouco a pouco, de vagar, e ter os arrestos suficientes para pode-lo contar sen caer na fácil compaixón mais, pola contra, face-lo coa enteireza de quen está afeito a mirar a vida de fronte, cara a cara, como os homes da mar por el tan gabados.

    A súa comparecencia semanal nas últimas datas non foi senón un ir debullando aos poucos, gran a gran, a presenza do bicho no seu corpo. Con enteireza, con gallardía, coa humildade e valentía de quen trata de zugar na zume da vida os momentos felices que restan.

    Nesa dura loita contra do irrevogable contou, e contóuno-lo con impagables verbas de fermosura, cuns aliados especiais, singularmente L­ola, "muller de tanta palabra, tenrura, fortaleza, xenerosidade, dozura"; a devoción pola lectura e a súa incorrixible melomanía, capaz de atopar no su admirado Bach a mais eficaz medicina para amolecer a dor.

    As crónicas desta semana trouxéronnos, xa que logo, a triste e prevista nova dese definitivo adeus de Miguel Suárez Abel. E esta páxina tres, que foi tan súa, quedará orfa cada sábado do seu máis preclaro colaborador, sombra na que egoísta e agarimosamente se acobillaron as líñas de quen esto escribe dende hai xa perto de dous anos.

    Por iso hoxe, que para sempre faltará a súa firma a carón da súa foto que nos traía cada semana a mais íntima e dorida lección do mestre, este a son de mar, ese pretendido intento de asentar o suceder de cada intre na lóxica do decorrer dos días, non pode senón apuntar no seu caderno de bitácora a tristura po-lo adeus e a admiración po-lo exemplo que nos deixa o compañeiro ido e de quen tanto deprendemos.

    Que a lentura desta nosa terra que tanto amou e tanto nos axudou a amar sexa para el regalía nese benzoado alén de músicas e lecturas.

    jsalgado@telefonica.net

    21 abr 2017 / 21:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito