Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

As Misións Pedagóxicas e unha historia de amor

Os 'Xograres dun tempo novo', de Carballude, como fonte de preservación da memoria e de recuperación do pasado

Na sociedade actual, marcada pola rapidez e as constantes transformacións, na que parece darse unha recuperación frenética do carpe diem, a literatura non deixa de reflectir a importancia da preservación da memoria e a recuperación do pasado como importantes eixes para a vida futura a nivel persoal e social. En base a esa dialéctica entre pasado e presente, Pepe Carballude (A Estrada, 1956), nome literario de Xosé Carballude Blanco, elabora para o público xuvenil a novela Xograres dun tempo novo (Everest Galicia, col. Punto de Encontro, 2009), obra que se vén unir ás múltiples achegas que para este destinatario realizou con grande éxito como se pode constatar a partir dos galardóns recibidos.

O fío condutor da narrativa céntrase no aniversario dos 75 anos de casamento entre Francisca Porto e Agustín Llaneza. Para celebrar este evento, Francisca decide rememorar toda a súa vida matrimonial a partir do feito que os unira: as Misións Pedagóxicas.

Para a recuperación dese pasado, Francisca ten como axuda a súa prodixiosa memoria, que se reflecti no plano estrutural da narrativa a partir de dous niveis: o pasado, a partir do autorretrato do seu marido e do álbum de fotografías das Misións Pedagóxicas; e o presente, que se constrúe a partir das conversas mantidas cos seus amigos Matías e Camilo no asilo, espazo no que se atopan. Por medio deses recursos, a memoria de Francisca é motivada para revivir e repasar toda a súa historia de amor e militancia a prol da cultura ao lado do pintor Agustín.

Cun ton de nostalxia e melancolía, a personaxe pon ao descuberto as súas alegrías, representadas polo amor a seu home e á arte; e as súas tristezas, debidas á guerra civil e á ditadura franquista, culpable do asasinato de Agustín. No desenlace da trama, as reminiscencias de Francisca resultan "unha mala xogada do destino imprevisible" (páxina 29), pois os inimigos do matrimonio no pasado, no presente son os mellores amigos de Francisca e tamén a axudan a cumprir o seu desexo de homenaxear os 75 anos do seu casamento.

Ademais da recuperación desa tráxica e fermosa historia de vida, a narrativa tamén homenaxea un importante episodio da historia de Galicia: o recoñecemento a aqueles que estiveron involucrados na promoción da cultura nas localidades rurais, obxectivo capital das Misións Pedagóxicas. É esta a razón pola cal Carballude ficcionaliza este feito, así como incorpora ao seu texto nomes de importantes personalidades dese proxecto como Rafael Dieste, Carmen Muñoz, Lorenzo Varela, Urbano Lugrís, etc.

Se por un lado a lectura de Xograres dun tempo novo trae unha tráxica historia de amor e loita social, polo outro, o lector non deixará de se emocionar coa vida desa muller militante que, por medio da súa memoria, ten moito que nos dicir.

 

 

PARA COÑECELA +

80

Novela de pandas. Unha das correntes formais máis transitadas no xénero narrativo nos anos 80 é a da novela de pandas, na que o protagonismo é asumido por grupos de adolescentes ou pandas, nos que comeza a sobresaír a figura feminina.
Trátase dunha modalidade de relatos ou novelas moi debedoras dos textos clásicos de aventuras e que, en parte, tampouco obvian elementos dos contos fantásticos e marabillosos. Nelas son de destacar as temáticas abordadas xa de sempre xa incorporando asuntos e cuestións da actualidade. Así, ao redor dunha panda, que realiza algunha trasnada, vive unha experiencia singular ou mesmo investiga algún feito concreto, agroman conflitos familiares ou sociais e póñense en alza valores como a amizade e a solidariedade, ao mesmo tempo que se critican unha serie de contravalores como por exemplo a desigualdade de xénero.
Son de salientar entre estas narrativas Primeiro libro con Malola (II Premio Barco de Vapor, Galaxia/Ediciones SM, 1985), de Xoán Babarro e Ana María Fernández; A casa abandonada (I Premio Merlín, Edicións Xerais de Galicia, 1987), de Úrsula Heinze; e O misterio das badaladas (Vía Láctea, 1986), de Xabier P. Docampo. ISABEL MOCIÑO GONZÁLEZ

 

+NOVAS


Por primeira vez, durante os próximos días 18 e 19 deste mes de novembro celebrarase nas instalacións da Universidade de Vigo a Primeira Xornada Internacional de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil organizada por ANILIJ e ELOS. Dirixida a grupos e redes e tamén contará coa participación de Gloria Bazzocchi (da Universidade de Boloña), Barbara Pregelj (da Universidade de Nova Gorica. Eslovenia) e Maria Madalena Teixeira da Silva (Universidad lusa dos Açores). elos

 

PROTAGONISTAS ELIXIDOS


‘O fantasma da ópera’. Tras cen anos da publicación de a novela Le Fantôme de l’Opéra, de Gaston Leroux, convídase a reler esta obra da que se fixeron múltiples versións teatrais e cinematográficas, ademais de traducións a moitas linguas. Entre elas tamén se pode ler en galego desde o ano 1998. Insírese en coleccións que adaptan a obra á ollada xuvenil, no caso do galego na colección Xabarín de Edicións Xerais. É esta unha reescritura do conto clásico de A Bela e a Besta, ambientada na cidade de París do século XIX, contexto no que se narra a historia de Erik, un mozo que se esconde da sociedade pola súa deformidade facial nos corredores subterráneos do edificio da Ópera Garnier. Neste misterioso ambiente o coñecido como o Fantasma da Ópera actúa por conservar o control sobre o edificio e gañar o amor dunha fermosa vocalista de quen se namora. Trátase dunha novela onde o amor, a intriga e o terror se suceden en liñas de absorbente narración que envolven o lectorado adolescente. elos

 

15 nov 2010 / 22:27
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito