Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo xurde co obxectivo de fomentar, promover e defender a peregrinación xacobea

Hoxe tivo lugar a súa presentación e os seus responsables queren involucrar aos veciños e á comunidade educativa no impulso do patrimonio xacobeo nas parroquias de San Xoán de Calo, Santa María de Biduido e San Xosé do Milladoiro

A Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo é unha asociación sen ánimo de lucro cuxos fins principais son o fomento, promoción e defensa da peregrinación xacobea en todas as súas dimensións, especialmente nas súas compoñentes espirituais e humanísticas, así como a axuda e protección ao peregrino xacobeo, segundo se puxo hoxe de manifesto na súa presentación, Ademáis, entre os seus obxectivos figura a defensa do patrimonio cultural xacobeo, en todos os seus ámbitos, así como a promoción social e económica do Camiño de peregrinación portugués a Santiago, ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Calo, no Concello de Teo e polas parroquias de Santa María de Biduido e San Xosé do Milladoiro, no Concello de Ames. Deste xeito se expresaron na presentación desta nova asociación, que tivo lugar nos locais de Cáritas parroquial de San Xosé do Milladoiro os seus responsables. Na presentación aos medios de comunicación participaron Xesús Fernández, presidente da devandita asociación, así como a súa secretaria, Dolores Vázquez. Tamén estivo presente Manuel Sanabria, responsable do proxecto pedagóxico da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo.
Para levar a cabo estes fins, a Asociación desenvolverá actividades e proxectos nos que queren involucran á comunidade educativa para que participe no seu proxecto pedagóxico; aos veciños, mozos e adultos, para vivir o voluntariado como medio de coñecer aos peregrinos que se achegan ata Santiago; asi como ás persoas maiores e as súas lembranzas de antigos peregrinos, lendas e historias sobre o Camiño.

A Asociación pretende, tamén, a formación dun equipo de voluntarios para a acollida, apoio e información aos peregrinos. O proxecto pedagóxico tenta elaborar material divulgativo destinado a cativos de Infantil e rapaces de 10 a 14 anos e o seu desenvolvemento en xornadas de campo. Os responsables da Asociación desexan, igualmente, profundizar no coñecemento das investigacións e publicacións sobre o Camiño Portugués de Santiago, o seu patrimonio e o fenómeno da peregrinación, tanto con carácter xeral coma particular.

Por outra banda, a Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo apostará polo mantemento, conservación e limpeza do Camiño ao seu paso polas parroquias en Ames e Teo, así como pola promoción e desenvolvemento de calquera tipo de actividade cultural relacionada co Camiño Portugués, o seu patrimonio e a peregrinación xacobea. Os responsables da Asociación expresaron, tamén, a súa intención de colaborar con todo tipo de entidades en orde a conseguir os fins da Asociación e moi particularmente con outras Asociacións e Confrarías Xacobeas.

03 mar 2014 / 18:18
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito