Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 06 agosto 2020
15:00
h

O BELÉN ARTESANAL BATE REXISTROS E RECIBE TRINTA E SEIS EXCURSIÓNS NUNHA SOA FIN DE SEMANA

Vinte autobuses chegaron a Campaña na mesma xornada, a do domingo // O nacemento pode visitarse de xeito gratuíto ata o vindeiro 12 de xaneiro

O Belén Artesanal en Movemento segue a batir os seus propios récords e a acadar cifras de visitantes ata o de agora nunca rexistradas, o que o confirma como unha das composicións de Nadal máis afamadas de Galicia e de España e como un dos principais atractivos turísticos de Valga.

Se durante a primeira semana de apertura, a da Ponte da Constitución, se rexistraron máis de 11.000 visitas, non foi menos a expectación durante a pasada fin de semana.

O sábado o nacemento permaneceu aberto durante toda a mañá para recibir a un total de nove excursións chegadas dende A Coruña, Coristanco, Santiago, Baiona, Tomiño, Ourense ou A Guarda, en entre outras procedencias. Pola tarde, xa no horario habitual de apertura, chegaron a Campaña outros sete autobuses facendo un total de 16 en toda a xornada, unha cifra récord. Ata entón, o número máis elevado de excursións que recibira o Belén Artesanal nun só día fora de 14, durante a pasada edición.

Pero ese novo rexistro foi superado tan só un día despois, onte domingo, cando acudiron ao nacemento vinte autobuses cargados de excursionistas de toda Galicia e doutras comunidades españolas. Vigo, Ferrol, Verín, Ponferrada, Xixón ou Alacante eran algúns dos lugares dos que procedían estes grupos de visitantes.

Ademais, esta mesma mañá acudiron ao Belén outras dúas excursións: unha integrada por quince membros da asociación A Creba, de Riveira, e outra con 54 feligreses das parroquias de Arzúa e Arca. Para os vindeiros días están concertadas outra decena de visitas de colexios, centros día e varios colectivos.

Estas cifras non fan máis que confirmar a crecente sona do Belén Artesanal en Movemento de Valga, declarado de Interese Turístico de Galicia, e o bo traballo realizado pola asociación Amigos do Belén, que cada ano se encarga de montar o nacemento e crear novos contidos que sorprendan e atraian ao público.

O nacemento estará aberto ao público de xeito gratuíto ata o 12 de xaneiro: entre semana de 17:30 a 20:30 horas, os sábados de 17 a 20:30 e os domingos e festivos de 12 a 14 horas pola mañá e de 17 a 20:30 pola tarde. Os colexios, asociacións e outros grupos poden concertar as visitas a través do teléfono 630 95 25 15.

16 dic 2019 / 23:28
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito