Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Benquerido Agustín

Desde a túa marcha cara ao olimpo dos bos e xenerosos, nesta Galicia, pola que fixeches pasar o meridiano cero da túa escrita e a partir da cal erguiches pontes cara a outras xeografías e culturas distantes, segue a magoarnos a túa ausencia. Da túa casa viguesa xa non chegan aquelas cartas tan entrañables e dos teus directorios electrónicos non hai resposta a esas cuestións que nos desacougan e que desexariamos compartir contigo.

De aí que, ao longo destes doce meses, todos que tivemos a beizón de convivir ao teu carón, de gozar das túas atencións ou de descubrirte mediante as túas narracións sentimos a vontade de reunirnos para atopar consolo na exaltación da túa persoa e obra. Pero... que deixou en nós unha pegada máis profunda? O Agustín home ou o Agustín escritor? Preguntas imposibles de responder se atendemos aos regueiros de palabras que asucaron as páxinas dos xornais e revistas publicadas tras a túa desaparición.

Seguro que xa terás ben anotados eses reencontros de amigos e fieis lectores nun dos teus cadernos amarelos, pois neles percibiámoste do mesmo xeito que lle acontecera ao Gabriel de Non hai noite tan longa ao ser sorprendido polo espectro do pai morto. Entre os feitos que nos concitaron, lembramos a exposición fotográfica dedicada á túa memoria e cun panel centrado na túa figura, "Tal como eramos. Fotos para o recordo", que ofreceu no mes de agosto de 2016 o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), do que eras socio de honra. Coa chegada do mes de novembro, no teu primeiro centro educativo como mestre, o Fogar de Santa Margarida, colocouse unha placa co teu nome na biblioteca e presentouse a túa obra póstuma de selo lovecraftiano, A casa do medo.

Xa en decembro, Edicións Xerais de Galicia remozaba O soño do merlo branco, que fora editada no ano 2000 por E­verest Galicia e que engalanou Lucía Cobo cunhas acaídas ilustracións. No remate do ano Xerais tamén lanzou unha edición especial conmemorativa dos cen mil exemplares vendidos de Cartas de inverno, cuxa presentación no Culturgal se acompañou dunha análise plural do que supuxo esta historia de amizade e terror psicolóxico na túa traxectoria literaria.

O ano 2017 arrincou coa actividade Lendo a Agustín Fernández Paz, que impulsou o IES da Pobra do Caramiñal para agradecerche o apadriñamento que fixeras da súa actividade 21 Día co Galego. O mes de febreiro foi un rebulir constante, xa que o Auditorio de Ferrol acolleu a homenaxe O rastro que deixamos, na que se proxectaron anacos das túas vivencias nesa zona nos teus inicios como docente co acompañamento musical de Guadi Galego, Mini e Mero, María Manuela e Miro Casabella, entre outros. Así mesmo, a compañía ToTem escenificou os contos infantís A nube de cores e Raquel ten medo na Biblioteca de Mugardos, mentres que no Auditorio de Mera se proxectaba Valados, baixo a interpretación de Artestudio.

O Día Internacional do Libro, o 23 de abril, abríase o prazo para concorrer ao I Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, que promoven o IESCHA e o concello de Vilalba, en colaboración con Xerais. Un dos seus propósitos fundamentais radica en promover narracións inéditas en lingua galega destinadas á nenez e mocidade cunha temática sobre aspectos polos que sempre mostraras unha gran preocupación.

Coa caloriña do mes de xuño, chegou a resolución do Premio Merlín de Literatura Infantil que aloumiñaches desde o seu nacemento en 1986 e que, nesta ocasión, recaeu na filla dunha das mestras que tamén alentou o nacer da literatura galega para as primeiras idades, María Canosa. Foi un acto moi emotivo, no que a túa presenza pairaba por todos os recunchos da Illa de San Simón e se manifestou na voz de Isabel Soto, quen daba a coñecer Un mundo de palabras.

Agradecemos que nestes novos rastros nos afagues co teu testemuño persoal sobre a lectura e con aqueloutro proveniente do teu labor como docente, posto que nos iluminan para transmitir a paixón polos libros e para continuar coa loita a prol da lingua. Uns propósitos que, coa capacidade sedutora das túas historias e a lograda carpintería da túa escrita, segues a acadar como evidencia o informe do curso 2015-2016 difundido na X Xornada dos Clubs de Lectura das Bibliotecas de Galicia, no que ocupas a primeira posición entre os autores lidos polos escolares.

Este é o loureiro co que todo escritor lle gustaría ser coroado, pois o seu máximo degoxo radica en encontrarse co lector para pechar o círculo da comunicación literaria. Sen dúbida, a xénese do teu triunfo sitúase na Vilalba natal ao pé daquel pai amante da lectura, quen che revelou que unha das túas patrias, a da lingua, tamén sostiña dous libros fundamentais na túa traxectoria como lector: Á lus do candil, de Ánxel Fole e Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro. Esas lecturas dos primeiros anos víronse arrequecidas sobre todo polas fazañas e aventuras recreadas nos tebeos e as historias en movemento proxectadas no Cine Villalbés e no Cine Parroquial.

Durante o teu paso pola Universidade Laboral de Xixón deches un paso máis ao descubrires Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, que che sinalaría o camiño, e Sempre en Galiza, de Castelao, que che revelaría a existencia dunha historia e cultura de noso. Xa como perito industrial mecánico, lembras a lectura compulsiva de títulos do máis diverso e o paraíso cinematográfico que albergaba Barcelona? Neste humus enriquecido por autores como Michael Ende, Gianni Rodari, María Gripe ou Roald Dahl e polas experiencias vitais arraigaron os textos que escribiches para o teu alumnado e máis tarde para lectores de múltiples procedencias e idades.

O premio Merlín acadado por As flores radioactivas e o premio Lazarillo por Contos por palabras déronche moita seguridade no oficio da escrita e foron a porta de entrada para máis de sesenta títulos, entre os que destacamos O único que queda é o amor, que che reportou o agardado Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Malia non o ter previsto, cada unha das túas narracións supón unha peza independente que tamén se insire nun proxecto literario moi persoal, que asenta no eclectismo formal e na confluencia de asuntos referidos ás problemáticas do mundo actual, á vez que te internaches nos temores máis ocultos de mulleres e homes provocados por forzas enigmáticas, a inestabilidade da adolescencia ou a forza do amor e do desamor. Sobresae tamén o papel que lle outorgaches á figura feminina e os xogos intertextuais que, xunto á túa escritura cristalina e cargada de emoción, intensifican aínda máis o teu carácter diferencial no panorama da literatura galega.

Por ensinarnos a ver o mundo desde as lentes da diversidade e do entendemento, por prestixiar unha lingua deostada durante séculos e por ser un exemplo de vida, seguiremos reencontrándonos nos teus libros e en todos aqueles espazos nos que sexamos congregados para seguir a homenaxear a túa obra e persoa imperecedoiras.

Ata a próxima e unha inmensa aperta das integrantes de Elos que continuamos a lidar a favor da túa mesma causa de dignificación da literatura infantil e xuvenil. Canto nos lembramos de ti ao recibir o Premio da Crítica Galicia pola nosa Historia da literatura infantil e xuvenil galega que tanto animaches!

04 sep 2017 / 10:31
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito