Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
balance do 2013

O BNG eríxese en "alternativa" fronte ao intento de "mordaza" de Feijóo

Presentou 3.382 iniciativas impulsadas na Cámara // Os nacionalistas sosteñen que a Feijóo "lle estorba" o Parlamento e que intenta evitar "o control" a un Goberno "instalado na propaganda"

    O voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, e a vicevoceira, Ana Pontón, erixiron este luns a súa formación en "alternativa política" na Cámara autonómica fronte á "mordaza" do PP, co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, á fronte. A xeito de argumento, cifraron en 3.382 as iniciativas impulsadas no que vai de lexislatura, cifra que "duplica" a de calquera outro grupo.

    Nunha rolda de prensa que Pontón iniciou co recordo á muller asasinada en Marín (Pontevedra) e a esixencia ás administracións de que abandonen as "condenas rituais" e eviten os recortes ás vítimas de violencia machista, ambos os dous dirixentes fixeron balance do traballo "serio e rigoroso" realizado en 2013 polo BNG, "cun pé na rúa e outro no Parlamento".

    Así, Jorquera reivindicou que o BNG fixo un traballo "ao servizo da cidadanía, centrado nos problemas da xente, sen facerlle o xogo ao PP na súa estratexia de desprestixio do Parlamento e de alimentar a falsa idea de que non hai alternativa política".

    "O BNG fixo unha oposición contundente e rigorosa, poñendo enriba da mesa propostas fronte ás políticas do PP, responsable da situación de emerxencia nacional na que está Galicia. Crítica contundente, pero sempre dando alternativas", garantiu, para garantir que os ncacionalistas manterán esta liña de traballo en 2014.

    No polo oposto, tanto Pontón como Jorquera denunciaron "o secuestro do Parlamento a mans do PP" e alertou de que os populares pretenden "amordazar" a Cámara autonómica para limitar "o labor de control" do Executivo nun claro "recorte da democracia".

    ESTORBALLE" A CAMARA

    E é que, ao seu entender, a Feijóo estórballe a Cámara" porque "prefire parapetarse detrás da súa propaganda" e permanecer "alleo aos problemas do país". "Como cando presume de ter o gasto social blindado e despois é desmentido por un informe do Ministerio de facenda que sinala que a Xunta está á cola", sinalou o voceiro.

    Como exemplo do "rolo e a incapacidade de diálogo do PP", os nacionalistas tamén aludiron ao "veto sistemático" ás iniciativas da oposición, á "negativa" de Feijóo a responder ás preguntas do BNG en pleno e ao "bloqueo" das comisións de investigación das caixas ou de prevención da corrupción, mentres que "impide a creación" dunha comisión sobre a traxedia ferroviaria de Angrois.

    "Galicia remata o ano máis empobrecida, con máis desigualdades sociais, con menos dereitos, con menos servizos públicos, con menos lingua e cultura galegas, e mesmo con menos galegos debido á emigración", lamentou Pontón.

    30 dic 2013 / 17:06
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito