Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Bolivia con golpe de Estado, ou exame dunha foto

    BÓTASE de menos na axenda informativa capitaneada polos máis avisados demócratas do Estado español, que son, segundo temos entendido, os que adoran a Lei (adorar non é igual que respeitar), o capítulo do golpe de Estado que tivo lugar en Bolivia, o día 10 próximo pasado. Non imos facer descrición do como se levou a cabo, por ser pura pornografía política: convén autocensurarse; só imos examinar a imaxe de quen de facto se constituíu en presidenta.

    A señora que accedeu pola vía de adiantar pola dereita, sen ser eleita, toma o cargo de presidenta por ocupación nun país democrático, contando co apoio expreso dunha parte do exército, dos USA, e dalgún amigo común. Nas súas alocucións sementa odio falando en nome dunha seita ultracatólica, á vez que avisa de que a visibilización das comunidades indíxenas ía ser cousa do pasado. O problema é que o que se adoita entender por ocultar o visíbel leva incorporado a desaparición física.

    Pois ben, aí é onde queríamos chegar. A señora que hoxe ostenta o poder presidencial en Bolivia é, como a maioría da poboación boliviana, indíxena, queremos dicer, de procedencia autóctona, non filla nen neta exclusiva de colonizadores. É o que se esperaba que fose: boliviana de raíces proprias. Bon, todos menos ela mesma, xa que de non ser así non é explicábel o ton e o contido das súas declaracións de odio á comunidade indíxena con que se deu a coñecer para o mundo extraboliviano.

    No seu país xa debía de ser coñecida, pero, presumimos, por méritos mediáticos como estrela de televisión ou telepredicadora máis que por curriculum de eficacia política. Pouco se sabe da súa biografía pero con algún elemento obxectivo si podemos adornar esa escaseza de coñecemento certo.

    A senadora de apelido de orixe castelá séntese herdeira e continuadora dos colonizadores, pretendendo unha táboa rasa dun proceso exemplar e integrador das comunidades indíxenas, mesmo no século XXI. Non obstante, o que non mente é a súa fisionomía, á parte de lograr unha melena moi fotoxénica grazas ao tinxido en loiro e mais alisado correspondente, así como aos traballos diarios de coidado, maquillaxe incluída, non pode ocultar os seus trazos faciais, cando menos, mestizos. É imposíbel mesmo con tratamentos estéticos duros ocultar o que por natureza herdada, por ambiente social, por alimentación, en fin, por ser filla da súa terra, leva escrito na súa faciana.

    Naceu en San Joaquín de Aguas Dulce, Mamoré, nunha localidade ben pequena (menos de 8.000 habitantes) do departamento de Beni, moi extenso e moi pobre: o último por renda dos departamentos de toda Bolivia. En San Joaquin hai un destacamento militar: o rexemento de Cabalaría 2 Ballivia. A biografía imaxinada da senadora dá un salto no baleiro desde unha pequena vila -a das súas orixes- á presidenta da república mesmo sen lexitimidade.

    A gravidade do golpe é máis acentuada que noutros casos: interrompe abruptamente un proceso delicado, pero absolutamente democrático, da procura da igualdade e da xustiza entre todos os bolivianos mesmo nos dereitos políticos, polo que nos sumamos á reprobación internacional deste nefasto proceder.

    Doutora en Economía

    01 dic 2019 / 21:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito