Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

‘Cabalos e lobos’

    ‘Cabalos e lobos’ significou o debut na narrativa galega do xornalista desta Casa, Fran P. Lorenzo. Un ditoso debut para o autor xa que a súa peza fíxose merecedora de Premio Blanco Amor de Novela. Mais ventureiro asemade para os lectores amantes das historias ateigadas de trama, de paixóns, de segredos por desvelar, de silencios, de barbaries bélicas ou posbélicas. Nunha trama que recorre unha boa parte do pasado século. E faino a través da crónica recuperada da saga dunha familia de orixe alemá que se establece en Vigo ao remate da Primeira Guerra Mundial. Un debut que amalgama drama, thriller, crónica social, certas doses de erotismo e mesmo de novela rosa e de amor, resolta con acuidade e sen caer en sentimentalismos.
    A novela bota a andar coa recuperación dun suceso acontecido no verán de 1960, a Noite da Caída: o suicidio do pai da voz relatora que, desde o octavo piso do edificio Albo na Gran Vía viguesa, esnafra os seus miolos contra as lastras do bulevar. A meirande parte do relato que segue a este dramático acontecemento, será unha afanosa pescuda coa que a principal protagonista, filla do morto, intentará destecer un nobelo entullado nunha rede de sombras, silencios, segredos e mentiras que forman parte do claroscuro familiar, e na que teremos a oportunidade de percorrer da man do autor a historia do século XX. Estremecerémonos na segunda parte do libro cunha historia de sexo e amores furtivos, un amor verdadeiro, mais considerado nefando nun tempo subterráneo, vixiado e húmido, que será, porén o que fará estourar a Noite da Caída.
    Son moitos os engados que atesoura a ficción de Fran. P. Lorenzo: unha estrutura acaída con aliaxe de varios subxéneros (thriller histórico, drama, crónica social, relato erótico), mesturando con acerto a técnica do flashback, un axeitado perspectivismo, unha ben escollida intertextualidade. Un bo fresco da cidade olívica na súa vella faciana, ollada desde o epicentro do edificio Albo, e convertida en espazo protagónico. Unha intensa historia de amor entre dous homes, na miña estima ben resolta. En resumo, un relato honrado, narrado con firme pulso, sen adornos espurios, mais ornada por veces con vigorosas luzadas líricas.

    Crítico literario

    10 jul 2015 / 21:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito