Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Camiñando cara a xestión integral da parte orgánica

Carballo e A Laracha serán os primeiros en facer uso da planta de biorresiduos de Sogama // Comezará a funcionar no 2020

A Laracha e Carballo serán os primeiros concellos en depositar a fracción orgánica dos seus residuos na planta de compostaxe de biorresiduos domésticos de Sogama, que empezará a funcionar a comezos do próximo ano. Así o anunciou onte a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que participou xunto cos dous alcaldes, José Manuel López e Evencio Ferrero, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, na presentación do plan de recollida selectiva da parte orgánica.

Un servizo que, segundo Vázquez, reforzará e complementará o Programa de Compostaxe Doméstica de Sogama. Lembrou que A Laracha e Carballo dipoñen xa de 105 e 300 composteiros, felicitou aos rexedores polo traballo feito e incidiu en que "están dando pasos decisivos para chegar a acadar a xestión integral" dos biorresidudos.

Dende a Consellería de Medio Ambiente aseguran que máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, de aí a importancia tanto de reducir a produción destes residuos, como de incrementar a súa separación e tratamento axeitados.

A fabricación de compost comporta un triplo beneficio xa que contribúe á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2; garante un fertilizante de calidade coa recuperación dunha práctica tradicional do rural galego; e reducen os custos dos servizos de recollida do lixo.

De feito, Ángeles Vázquez apuntou que aos concellos tamén lles sairá máis rendible apostar por unha correcta xestión dos biorresiduos, xa que o canon de Sogama por tratar esta fracción na planta de compostaxe é máis barato que o da bolsa negra.

OBXECTIVOS

Reciclar o 50 % A nova planta de compostaxe de biorresiduos domésticos de Sogama ten capacidade para tratar 15.000 toneladas ao ano deste tipo de material. A conselleira asegura que grazas a ela contribuirase a que os concellos poidan acadar o obxectivo fixado por Europa de reciclar o 50 % dos residuos urbanos no 2020. A Xunta investiu máis de tres millóns de euros.

04 nov 2019 / 21:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito