Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 21 septiembre 2020
02:59
h
{ tribuna libre }

Cando vai dar a cara Amor?

    XA SON MOITOS os casos de incompetencia que leva cometidos o goberno do PP de Ames: cobro retroactivo do lixo, escolas deportivas, licitación do servizo da auga, servizo de transporte adaptado, ..., e agora o servizo de monitoraxe dos comedores escolares; e, o peor é que o alcalde, Santiago Amor, e os seus compañeiros e compañeiras de goberno nunca asumen responsabilidades; teñen unha tremenda facilidade para botarlle a culpa e responsabilizar da súa mala xestión aos demais. Que hai que cobrar o lixo de maneira retroactiva, a culpa é do anterior goberno. Que son incapaces de licitar o servizo de auga, a culpa é das empresas. Que as escolas deportivas funcionan mal coa nova empresa, a culpa é dos usuarios e da oposición que son moi esixentes. Que as empresas renuncian ao servizo de monitores para os comedores escolares, a culpa é da anterior empresa e dunha hipotética sentenza a favor dos traballadores que eles mesmos negan en comunicado.
    Pero o alcalde segue sen dar a cara, sempre se agocha detrás dunha nota de prensa fría e subxectiva na que achega a ascua a si mesmo para librarse de toda culpa, e así xa evita dar a cara e reunirse cos afectados e afectadas para darlle as explicacións oportunas e necesarias. Agora, nun novo caso de desleixo das súas funcións e de mala xestión, licitan o servizo de monitores para os comedores escolares e as empresas que se presentan renuncian ao servizo porque o prego de condicións non está o suficientemente claro; pero, resulta que e o curso escolar empeza para a vindeira semana e os comedores escolares teñen en torno aos mil usuarios e usuarias. As nais e pais amosan a súa preocupación porque a día de hoxe aínda non saben que van a facer cos seus fillos cando comece o colexio, pero o alcalde segue agochado, sen dar a cara e amosando unha censurable falta de delicadeza cara os afectados.
    De verdade, merece Ames un alcalde que non asume as súas meteduras de pata? Un alcalde que non escoita nin fala cos seus veciños e veciñas? Ames camiña de fracaso en fracaso e o único responsable é o seu alcalde, porque ostentar o bastón de mando non só leva consigo cobrar un salario e saír nas fotos; tamén ten como obriga atender aos amienses, solucionar os problemas (e non crealos), traballar e asumir responsabilidades, ... e por desgraza para Ames, Santiago Amor non o está a facer.

    Voceiro do PSOE de Ames

    05 sep 2014 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito