Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
opinión do experto

Cara a unha Galicia máis competitiva a través da loxística

    A ORGANIZACIÓN DA PROVISIÓN e o transporte de mercadorías a nivel mundial afronta na actualidade unha revolución impulsada polo proceso de internacionalización da economía e pola irrupción das tecnoloxías emerxentes. A adaptación ao comercio electrónico, a automatización e robotización, Internet das cousas e big data, as formas de xestión baseadas na colaboración, a redefinición da cadea de subministración, a externalización cara a provedores de proximidade, a redución de prazos e a sustentabilidade e a concentración, ademais da internacionalización, son as tendencias globais ás que se enfronta a loxística hoxe en día.

    Nun contexto no que os sectores primarios e industriais deben competir a nivel mundial, a loxística debe considerarse transversal a todos eles. Nesta concepción xeradora de sinerxías, de economías de escala e de oportunidades de acceso a novos mercados radica a súa importancia, como líder e protagonista da presenza galega nos mercados exteriores. É, polo tanto, un vector de competitividade de primeira orde, vital para o bo funcionamento das cadeas de subministración e para posicionar internacionalmente os produtos primarios e industriais, e ten un valor crecente na mellora da competitividade empresarial e territorial.

    A loxística é, ademais, un eido clave para a economía galega, tanto en termos de facturación, como de emprego e de valor engadido. Representa o 4% do noso PIB, achega á economía galega 2.278 millóns de euros, e emprega a preto de 50.000 persoas, un 4,4% do emprego de Galicia segundo os últimos datos dispoñibles elaborados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Operan neste sector 11.728 empresas e delas un gran número teñen a súa sede social en Galicia, o 98%.

    Por eses dous motivos, a Axenda Industria 4.0, posta en marcha polo Goberno galego, inclúe o desenvolvemento dun esquema integrado e único de infraestruturas e, para coordinar ese plan, vén de activar a Estratexia Integral de Optimización Loxística de Galicia.

    Dous son os obxectivos que persegue. En primeiro lugar, desenvolver un sistema loxístico competitivo que impulse a acción exterior do tecido produtivo galego e dea resposta aos retos derivados da internacionalización das cadeas de subministración, do cambio tecnolóxico e das novas pautas e tendencias de consumo.

    En segundo termo, optimizar a utilización dos elementos que conforman a función loxística: a disponibilidade do solo industrial, a coordinación no uso das infraestruturas existentes e as proxectadas, o impulso á interacción sectorial e o aproveitamento do talento para o beneficio do conxunto. Todo isto coa condición básica de minimizar o impacto medioambiental dos fluxos loxísticos a partir de sistemas de medición e control que garantan o compromiso de todos. Entre as medidas que inclúe está a posta en marcha de catro centros de apoio ao transporte por estrada, un en cada provincia, dos que se beneficiarán 5.000 empresas ata 2022. Impulsará tamén un proxecto para a simplificación dos trámites aduaneiros e unha plataforma dixital de co-carga a través da cal as compañías recibirán as mellores ofertas para contratar servizos loxísticos. Ademais, contempla a creación dunha aceleradora sectorial e a activación dun portal de información en liña.

    O proceso de transformación do sector precisa dunha resposta coordinada entre as esferas pública e privada. Por esa razón, unha parte fundamental da Estratexia é a colaboración co Clúster da Función Loxística, recentemente constituído e que ten previsto agrupar ao redor de 50 compañías. Para a súa formación xa contou con empresas como Kaleido, Gadisa, Finsa, Hijos de Rivera e Delta Vigo, ademais da Autoridade Portuaria de Vilagarcía.

    A mellor maneira de facer de Galicia unha plataforma loxística atractiva, cun nivel de prestación de servizos óptimo, é que a iniciativa pública e a privada traballen de xeito conxunto, unindo esforzos, ideas, iniciativas e recursos. Estas son as bases coas que a Xunta impulsa este plan. Por unha Galicia máis competitiva.

    (*) O autor é director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

    18 dic 2019 / 21:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito