Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
literatura

Carlos Penela Martín, gañador do VI Premio de Poesía Caixanova

O xurado do galardón, dotado con 12.000 euros e a publicación do orixinal na colección 'Arte de trobar', destacou a "solidez poética" do libro 'Sombras, rosas, sombras' ·· Setenta e oito traballos presentáronse a este certame

O xurado do VI Premio de Poesía Caixanova decidiu onte outorgarlle o galardón a Carlos Penela Martín pola obra Sombras, rosas, sombras. O certame, dotado con 12.000 euros, é un dos de maior dotación do panorama literario galego.

O xurado, que estivo composto por Luís González Tosar, escritor e presidente do PEN Clube de Galicia; Marilar Aleixandre, gañadora do V Premio de Poesía Caixanova; Dolores Sánchez Palomino, profesora da Universidade da Coruña; Bieito Arias Freixedo, profesor da Universidade de Vigo, e Xosé Manuel Salgado Rodríguez, profesor na Universidade de Santiago, decidiu por unanimidade entregarlle o galardón ao texto presentado por Carlos Penela, de 32 anos e residente en Viena, pola súa "solidez poética" tanto no aspecto formal coma no desenvolvemento dunha linguaxe innovadora e o mantemento dunha permanente tensión estética.

Luís González Tosar, como voceiro do xurado, explicou que a obra resulta sorprendente xa que nos atopamos ante un autor novo que presenta un "libro de madurez, de remate dun ciclo, e non de comezar unha andadura".

O presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, destacou o"éxito" desta sexta edición do certame, tanto pola elevadaparticipación, con 78 traballos presentados, como pola calidade destes, o que o consolida como un dos certames de referencia do panorama literario español. Os traballos, escritos en galego, debían presentar unha extensión mínima de 600 versos.

Sobre a identidade

Sombras, rosas, sombras é un volume estruturado en varias partes moi ben enlazadas, que fala da procura da identidade colectiva e individual, situando o ser humano diante do espello para cuestionar a súa identidade. Bieito Arias Freixedo, membro do xurado, salientou a tensión permanente entre o lume e a sombra. Ademais, indicou que a filosofía do libro pode resumirse na frase: "na cinza sempre hai a esperanza doutro lume".

A obra gañadora será publicada na colección de poesía que edita Caixanova en colaboración co PEN Clube de Galicia, baixo o título xenérico de Arte de Trobar. Desta mesma colección presentouse tamén onte o último volume, Astro interior, unha antoloxía poética de Miguel Anxo Fernán Vello, que inclúe unha escolma de poemas escritos de 1984 a 2007.

A CLAVE

O Espiral Maior e o Lorenzo Baleirón

Carlos Penela xa ten acadado outros premios poéticos importantes como o Espiral Maior -que gañou en 1997 con As linhagens do frio-; a décimo terceira edición do Eusebio Lorenzo Baleirón, co poemario Acaso o inverno; e o accésit do Esquío con O que ardeu nos espellos, en 2004 .

11 dic 2007 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito