Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Carvalho Calero na voz do compositor Francisco Montero

Un libro-cd recolle as letras das cancións con fotografías e varias dedicatorias

    O cantor e compositor Paco Montero vén de sacar un novo disco cunha ducia de cancións onde lle pon música a poemas de Carvalho Calero e tamén a letras da súa propia autoría.

    Preséntase nun fermoso formato de libro-cd que leva por título Paco Montero canta a lumieira poética de Carvalho Calero, e é unha homenaxe ao seu paisano, o ferrolán ó que este ano dedican o Día das Letras Galegas.

    Nel podemos atopar as letras de tódalas cancións, xunto a fermosas fotografías, da autoría de Jesús Romero, quen tamén se ocupou do deseño da obra, que aluden ao tema da canción ou a quen vai dedicada. Así hai recoñecementos a cidades como Santiago ou Ferrol, a colectivos como as lavandeiras ou as mulleres ferrolás, e a persoeiros como Xosé Filgueira Valverde, Pucho Boedo, Javier Gómez Noya, Javier Gutiérrez ou Xaime Quintanilla.

    Cun limiar do escritor e xornalista Vicente Araguas, e coa portada do pintor Jorge Ardao, na elaboración desta obra tamén participaron os músicos Francisco Teixido e Jesús Fernández; coa guitarra eléctrica, Frank Rodríguez; co saxofón, Carlos Godel; coa guitarra directo, Ramiro Carrodeguas; o grupo A.MC Feriatricos formado por Clotis, Mon Miranda, César Vieria, Miguel Castro e Julio Ferrín; as voces femininas foron as de Belén e L. Buche, e da parte técnica ocupáronse Anxo Brea, do son; o especialista en locución Ricardo Iglesias; coa oficina técnica Germán Hermida, e a produción estivo a cargo de Marica García e José Polo.

    Paco Montero consegue achegarnos a un autor con sentimento ó que engrandece cunha excelente música que chega ao corazón e cunha voz inesquecible que xa forma parte da historia da música galega.

    03 feb 2020 / 20:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito