Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cernadas de Castro exalta as minas con fotografías

O CPI Plurilingüe Cernadas de Castro acolle unha exposición de fotografías realizadas por alumnado de 3º e 4º da ESO ao abeiro do Roteiro fotográfico e exaltación do poboado das Minas de San Finx, unha actividade de aplicación pedagóxica do uso do móbil incluída no proxecto Mocidade en movemento da Oficina Municipal de Información Xuvenil e Voluntariado de Lousame.

A concelleira de Igualdade lousamiá, Silvia Agrafojo, que visitou a mostra que pode verse nos corredores do colexio, amosouse sorprendida "pola gran calidade das fotografías", xa que "na maioría das imaxes vese que hai moita técnica detrás e tamén unha intención artística do alumnado, que non se limita a recoller a paisaxe que podes ver durante o roteiro", senón que descobren elementos como unha tea de araña ou un tronco de árbore "que compoñen imaxes verdadeiramente fermosas", apuntou.

Segundo explicou a directora do colexio, Pilar Cobas, a actividade consistiu nunha ruta polos sendeiros que unen as instalacións do centro e as minas de San Finx, onde os participantes tiveron actividades didácticas sobre o pasado histórico, patrimonial e industrial deste poboado ao tempo que puideron retratar aqueles aspectos paisaxísticos ou monumentais que consideraron do seu interese, empregando a creatividade como principio primordial das súas fotos. Posteriormente, "visualizáronse as diferentes fotografías, realizouse unha selección das mesmas e unha exposición", sinalou.

Esta actividade incorporouse ao proxecto Espazos Maker, dando así continuidade ao mesmo. Dende o departamento de Plástica traballouse a linguaxe da fotografía e os estudantes puxeron en práctica os coñecementos adquiridos. Mentres, a área de Educación Física encargouse de impulsar a andaina, colaborando cos monitores do Concello de Lousame.

15 dic 2019 / 21:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito