Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“Chamáronme para sumar nun momento de cambio profundo”

Alfonso Hermida regresa aos Informativos da TVG logo de catro temporadas en Deportes

Na televisión, como na vida, convén saber a quén tes diante, si sabe do que fala ou non. Nese senso, hai dúas escolas, a dos bustos falantes e isa onde hai certo compromiso nas verbas, nas formas e no fondo, caso de Alfonso Hermida, que o vindeiro día 4 de setembro regresa os Informativos de Televisión de Galicia (TVG) logo de catro temporadas en Deportes.
Fillo de A Coruña (30 de xaneiro, 1970), Alfonso é licenciado en Xornalismo na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid e ven de cumprir os 30 cursos neste oficio onde están a chover pedras como cubos da Muralla de Lugo.
Aquí, colle bici para percorrer o verán dese pasado.
“Vexo un rapaz cheo de ilusión por cumprir o seu soño de cativo. E, sobre todo, un rapaz agradecido polas portas que se lle ían abrindo case sen pedilo. Tiven a sorte de encontrar nos meus primeiros pasos no oficio grandes profesionais que, co tempo, acabaron sendo amigos. As gafas chegaron un ano despois e a barba é recente. Cando deixei de presentar, non era necesario afeitarme cada dous días. E ata hoxe”, di Alfonso na súa conversa con EL CORREO.
Imos máis preto. Abril de 2012. Logo de ser unha das estrelas da TVG, mesmo nos telexornais como na conducción de debates de moita audiencia, Alfonso dimite como editor e presentador de Informativos e pouco tempo despois volta o mundo dos Deportes da TVG.
E ollando a praia dese presente chamado setembro, o vindeiro día 4 vai ser especial para alguén que con 15 primaveiras xa estaba diante dun micrófono en Radio Cadena Española.
“Regreso a Informativos despois de catro anos en Deportes, anos inesquecibles e de traballo moi agradecido. A Corporación da Radio e Televisión de Galicia atravesa un dos momentos máis importantes desde a súa fundación co proceso de dixitalización que se está a poñer en marcha. Debemos seguir reivindicándonos como o gran medio de comunicación de Galicia, afondar nos acertos e rectificar os pasos equivocados. Chamáronme para sumar nun momento de cambio profundo que vai ser decisivo e que oxalá o poidamos e o saibamos aproveitar. Crin que non podía dicir que non. A chave é seguir apostando polo máis próximo, facelo cada día mellor e non caer na tentación do conformismo. Cada informativo ten que ser unha reivindicación da necesidade dun medio de comunicación público á altura que merecen os galegos”.
Nun 2017 onde TVG ven de ter dos mellores datos de audiencia mensual da Forta, Hermida ten claro as razóns do vento a favor.
“Honestidade, rigor, utilidade pública e compromiso inesgotable coa sociedade. E non podemos desviarnos un chisco. Se ocorre, sería unha deslealdade coa audiencia e coa profesión”, remata Alfonso.

COMPAÑEIROS E ÍDOLOS

•••Alfonso Hermida non esquece que os camiños de hoxe tiveron onte o latexo doutros pés, doutras máns, doutros nomes. “Volvo a vista atrás para reivindicar tres grandes profesionais: se o rigor e a credibilidade tivesen nome e apelido, se chamarían Antón Luaces. Moncho Viña, se cadra o último referente do xornalismo deportivo de investigación, e Manuel Pampín, o presentador de televisión que todos os xornalistas da miña xeración que amamos a información deportiva quixemos ser algunha vez”.
Hermida non é mitómano pero ten referentes deportivos: “Gómez Noya e Nadal son a resposta recurrente, así que vou apostar por nomes non tan mediáticos e que personifican o pulo do deporte feminino en España: Teresa Portela e Ruth Beitia”.

28 ago 2017 / 16:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito