Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chega a rede de apoio aos maiores do rural RedMay ata Tordoia

Consiste na posta en marcha de unidades móbiles para que os de máis de 55 anos accedan a distintos servizos sanitarios // Estarán toda esta semana no municipio

RedMay é o nome da nova rede de axuda aos maiores do rural coa que a Xunta levará ata a porta das casas destas persoas atencións para as que antes tiñan que desprazarse fóra das súas parroquias. Trátase dunha iniciativa apoiada pola Unión Europea da que se benefician unha vintena de municipios de Galicia, entre eles Tordoia, e que consiste na posta en circulación de unidades móbiles nas que os maiores de 55 anos acceden gratuitamente a servizos de oftalmoloxía, podoloxía, prevención do alzhéimer e de apoio persoal.

Onte a conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou en Tordoia esta iniciativa e explicou que se trata dun "paso máis no compromiso do Goberno galego de facer realidade a preferencia que manifestan os nosos maiores de permanecer cerca das súas casas ben atendidos, con todos os servizos ao seu alcance e nas mellores condicións". A conselleira engadiu que a través deste programa "a Xunta achega ao carón das vivendas dos maiores que residen no rural servizos de calidade que lles fan a vida máis doada e aos que poden acceder sen necesidade de moverse das súas localidades ou contornas máis inmediatas".

O investimento global nesta proposta, que se está a desenvolver en Galicia e na rexión norte de Portugal e no que Xunta ten como socios á Universidade de Vigo e á Cámara Municipal de Braga, ascende a 1,1 millóns de euros, dos cales o 75% proveñen de fondos europeos. Deste orzamento total, 590.000 euros correspóndense coa participación da administración autonómica.

Fabiola García enmarcou o RedMay no impulso dado nos últimos anos a diferentes prestacións que garanten o dereito a facerse maior na súa casa a quen así o elixa libremente. A este obxectivo responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, co que o executivo autonómico achega atención profesional a 24.000 domicilios da nosa comunidade; a extensión de Xantar na casa, co que se leva a comida feita os sete días da semana aos veciños de 170 municipios e co que se serven 40.000 menús ao mes; ou a creación da rede de Casas do maior, unha trintena de pequenos centros de día gratuítos no rural.

{ A OLLADA }

Apoiar a terceira idade

un concello como tordoia no que, en palabras do rexedor, a media de idade está entre os 55 e 60 anos; son necesarias propostas como RedMay que levan ata a porta da casa das persoas maiores servizos básicos aos que en moitos casos non poden acceder con facilidade por falta de vehículo ou por problemas de saúde. E tamén é de aplaudir o novo programa que o goberno local vai pór en marcha no municipio baixo o nome 'O Concello na tua casa'. Axudar á veciñanza maior con trámites como a renovación do DNI nos seus propios fogares suporá sen dúbida un alivio para eles ou para os familiares que están ao seu coidado.

0 PROTAGONISTA

Antonio Pereiro

Alcalde de Tordoia

"TIVO TAL ÉXITO QUE HAI LISTA DE AGARDA"

"Temos unha poboación rural de idade elevada e por iso estamos interesados nun programa como este", explicou o alcalde de Tordoia. As unidades móbiles "van estar toda esta semana e o mesmo sucederá noutros 19 concellos galegos porque se trata dun proxecto piloto". Con todo, o rexedor explicou que aproveitaron para demandarlle á conselleira que se converta nun servizo fixo porque tivo unha gran acollida. "Xa se cubriron todas as prazas e hai lista de agarda", apuntou. Agora o Concello vai pór en marcha un servizo para achegar a administración aos fogares dos maiores.

01 jul 2019 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito