Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Chola, a youtuber rural que quere desbancar a Sara Carbonero

Blogueira do campo galego 100% ecolóxica, a súa webserie arrasa na Internet // Personaxe creada por ArtesaCía Transmedia, acaba de lanzar a súa propia marca de roupa e en outubro estrea obra de teatro

As redes sociais puxeron o mundo patas arriba, tamén no rural. As cousas nas aldeas xa non son coma antes e as mulleres, sempre relegadas a un segundo plano, conseguiron adiantar aos homes no dominio das novas tecnoloxías. Teñen os seus perfís en Facebook ou Instagram e xestionan moitos asuntos cotiás en grupos de WhatsApp. Da revolución dixital xorde Chola, unha blogueira e youtuber do campo galego 100% ecolóxica. Personaxe de ficción ideada pola compañía ArtesaCía Transmedia, protagoniza un proxecto escénico que deu os seus primeiros pasos en Internet hai un ano. Con dez capítulos, a webserie suma máis de dez mil visualizacións e o vindeiro outubro sairá da esfera virtual para pisar as táboas dun teatro. Coma moitas outras iniciativas culturais precisa máis fondos para facerse realidade e días atrás os seus promotores lanzaban unha tenda online con merchandising da obra.

“Queriamos unha estratexia de difusión diferente, que lle dera popularidade antes da estrea. É un xeito de buscar outro público potencial para achegalo ao teatro”, conta a elcorreogallego.es Laura Villaverde, actriz e directora da montaxe. Chola é unha it girl retificada. Fai un pouco de todo. É mecánica de automóbiles, participa en rallyes, traballa no campo, pesca, cociña… E sempre vai na compaña da súa galiña Lola. A súa carta de presentación na Rede é unha crítica a popular xornalista e tamén blogueira Sara Carbonero. “Hai outro tipo de muller que non se axusta aos cánones e que non ten tanto éxito. Chola demostra que o rural e o auténtico tamén poden ser tendencia”, engade a cofundadora de ArtesaCía Transmedia xunto co artista visual Roi Fernández.

A Laura non lle custou moito atopar referentes na súa contorna para construír a Chola. “Hai un pouco da miña nai, dunha veciña, dunha amiga… O seu perfil identifícase cun amplo abano de idades”, confesa. Natural dunha aldea de Tui, naceu no seo dunha familia de mulleres “fortes, valentes e con moita identidade”. Por se fora pouco, o motor acaparou máis protagonismo na súa infancia que as bonecas. O seu pai era corredor de coches e a súa nai nunca lle tivo medo nin ás ferramentas, nin aos arranxos mecánicos. “Eles levan os títulos de saber facer de todo, pero elas están sempre aí”, advirte. Sempre peiteada, con maquillaxe impecable e con roupa á última moda, o de ser fachendosa tamén lle vén a Chola dese núcleo rural do sur da provincia de Pontevedra. “Hai unha veciña de por alí que é moi coqueta… Todo está inspirado en mulleres que existen”, explica. Tamén o salto ás novas tecnoloxías vén da familia. “A miña nai e a miña avoa teñen conta en Youtube. Custoulles, pero finalmente adaptáronse. Ao mundo rural as redes sociais servíronlle para modernizarse”, celebra.

Cando chegue ás salas, Chola subirase ao escenario acompañada dun coche e, seguindo o estilo dun youtuber, fará un videotutorial para explicar en dez pasos como convertirse nunha it girl retificada. Pero a chamada dunha funeraria dará a volta aos seus plans. Despois da estrea en diferentes espazos de Galicia, a idea de ArtesaCía é percorrer España coa súa obra.

TENDA ONLINE
Aínda que conta co apoio de Agadic, aos integrantes da compañía coruñesa ArtesaCía Transmedia non lle chegan os fondos para poñer a Chola, a it girl sobre as táboas. Aproveitando que no equipo hai debuxantes e deseñadores, decidiron facer camisetas, bolsos e ilustracións inspirados na personaxe que agora se venden na súa tenda online. “Temos moi poucos recursos e, aínda que xa está escrita, a segunda tempada depende da cantidade que consigamos reunir”, comenta Laura. Leva poucos días en marcha, pero polo de agora a resposta está a ser moi boa e a súa intención é darlle continuidade no tempo.

28 jun 2017 / 14:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito