Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Comezan as obras de renovación do peche perimetral no colexio de Baño

Dentro da mesma actuación tamén se mellorará o piso do patio cuberto para evitar esvaróns // A Xunta inviste nestes traballos, que foron solicitados polo goberno municipal, case 22.000 euros

Deron comezo no CEIP Plurilingüe Baño-Xanza as obras de renovación do peche perimetral, contratadas pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional á empresa Covisam Norte S.L.

Os traballos, que suporán unha mellora da seguridade no recinto educativo, consisten na retirada do antigo valado, que se atopa moi deteriorado debido á súa antigüidade, e a instalación dun novo peche formado por paneis ríxidos.

A actuación inclúe, ademais, a execución de melloras no patio cuberto do colexio, en concreto o fresado do piso para evitar que se produzan esvaróns.

Estas obras foron solicitadas polo goberno municipal á Xunta de Galicia, en beneficio da comunidade educativa do CEIP Baño-Xanza, principalmente do alumnado. Son financiadas íntegramente pola Xunta de Galicia, cun investimento de 21.755’79 euros.

No mesmo colexio de Baño tamén se realizaron recentemente traballos de mellora do sistema de calefacción no edificio de Educación Infantil. Retiráronse os radiadores eléctricos para conectar esta zona do colexio á calefacción de gasoil que xa funcionaba no resto do centro. O orzamento foi de 23.276’71 euros.

14 nov 2019 / 23:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito