Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Concello de Santiago e Turismo rubrican un convenio para a adecuación do Camiño Francés

S.A. de Xestión do Plan Xacobeo achegará 50.000 euros para financiar os traballos do Camiño no termo municipal

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, achegará 50.000 euros para financiar os traballos de adecuación do Camiño Francés no termo municipal.

Ángel Currás agradeceu a Turismo de Galicia a súa achega e valorou a "coordinación absoluta" existente entre o organismo autonómico e o Concello na "programación e actuacións para a promoción de Compostela". Neste sentido, referiuse especialmente aos actos de conmemoración en 2014 do 800º aniversario da peregrinación de San Francisco a Santiago.

As actuacións a realizar no marco deste convenio son:

- Reparación do treito de pista asfaltada entre a autovía A-54 de acceso a Santiago e o Camiño Francés ao seu paso pola cabeceira norte do aeroporto.
- Sinalización na praza da Concordia, xunto á Porta Itinere, co nome da cidade de acceso ao núcleo.
- Obras de bacheado dende Lavacolla a San Marcos, tanto na zona de asfalto como na senda paralela.
- Reparación da pasarela de madeira por onde transitan os peregrinos que acompaña a estrada N-547 á súa entrada en Santiago.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o obxectivo fundamental destas obras, ademais de velar polo bo estado dos Camiños a Santiago e polo seu mantemento e conservación, é evitar riscos aos peregrinos. Nava Castro incidiu en que "o Camiño de Santiago é hoxe un espazo de memoria colectiva e como tal temos que mantelo e conservalo".

Máis de 210.000 peregrinos

No que vai de ano, máis de 210.000 peregrinos percorreron as Rutas Xacobeas e recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino da rúa do Vilar. Isto implica que xa se superou a cifra de peregrinos recibida en todo o ano pasado e, de media, rexístrase un 12% máis de peregrinos que no mesmo período de 2012. O Camiño Francés concentra a máis do 70% dos peregrinos e, en comparación co mesmo período do ano pasado, xa percorreron o Camiño Francés 16.000 peregrinos máis.

Outras rutas que experimentaron un notable crecemento foron, por exemplo, o Camiño Portugués, que medrou un 16% en cifra de peregrinos; ou o Camiño Inglés, que medrou un 23,7% en cifra de camiñantes que recolleron o certificado da peregrinación no que vai de 2013.

04 nov 2013 / 17:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito