Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Convocadas axudas para a rehabilitación de vivendas no rural

Poderán solicitalas aquelas persoas que xa realizaran as obras e teñan cualificación definitiva das mesmas

    A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), destinará un máximo de 3,2 millóns de euros á concesión de subvencións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, segundo establece a Orde publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia pola que se abre o prazo de solicitude de ditas axudas. As solicitudes poderán presentarse durante un mes contado a partir de mañá, 4 de xuño.

    O importe total das subvencións divídese da seguinte maneira:

    1,8 millóns de euros para actuacións no medio rural

    1,4 millóns de euros para actuación en conxuntos históricos e nos Camiños de Santiago

    Ao abeiro desta Orde, tal como establece o do Decreto 44/2011 que rexe as axudas, serán subvencionables aquelas actuacións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago, cuxas obras estean xa realizadas e conten coa resolución de cualificación definitiva.

    O importe das axudas será do 50 por 100 do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que en ningún caso esta subvención poida superar a cantidade máxima de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación e a cantidade máxima de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

    A Orde publicada hoxe establece a documentación a presentar polos solicitantes par acreditar o gasto realizado, tales como facturas ou documentos acreditativos de gastos realizados con medios ou recursos propios.

    As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel. O prazo para resolver fíxase en cinco meses, contados desde a data na que a solicitude tivera entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

    03 jun 2013 / 12:44
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito