Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Corrubedo recolle nun mapa cedido aos pensionistas a súa historia en 300 nomes

Exponse na casa do mar ribeirense e identifica denominacións das pedras ou as marcas de pesca // Distínguense polas cores

A Casa do Mar de Corrubedo albergou a entrega dun mapa en gran formato no que se referencian preto de trescentos nomes de lugares, pedras, puntos de interese arqueolóxico e paisaxístico, baixos, touzas e marcas de pesca da vila, o máis detallado feito nunca sobre este cabo barbanzán. A cesión partiu da Asociación Corrubedo XI Séculos, e o beneficiario foi o Club de Pensionistas e Xubilados desta parroquia.

Fernando Vilariño, membro da directiva e principal artífice deste monumental traballo, explicou aos asistentes que a idea de trazar este plano xurdiu de maneira circunstancial no ano 2000 como consecuencia de ter que buscar unha leira. Grazas á axuda prestada polos veciños, especialmente os máis maiores, foi realizando un traballo que consta finalmente de 296 topónimos, distribuídos por cores para sinalar cada fito xeográfico: negro (o pobo e aldeas), vermello (lugares e zonas en terra firme), amarelo (baixos que velan e pedras da costa), branco (touzas e marcas de pesca) e azul (puntos de interese arqueolóxico, paisaxístico e tamén as pedras antropo-zoomórficas).

Igualmente, a asociación agradeceu ao arquitecto David Chipperfield, presente no acto, que facilitara por medio da Fundación RIA a fotografía aérea a alta resolución (ortofoto) necesaria para poder culminar o proxecto. Unha das marcas recollidas no plano é a que delimita o antigo coto de Corrubedo ao que fai alusión o documento do ano 919 que motiva que os seus veciños estean a celebrar once séculos de historia (escrito que recolle a doazón do citado coto por parte do rei Ordoño II ao mosteiro de Antealtares).

Segundo explicou Francisco Sánchez Fraga, daquela división (que non se corresponde cos límites parroquiais actuais) consérvanse tres pedras, cada unha das cales contén unha cruz gravada como símbolo da Igrexa. O día 28 está programada unha andaina pola faceta máis ancestral visitando estas pedras.

15 abr 2019 / 21:39
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito