Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

CSD Arzúa, medio século de deporte

    Así naceu. Un serán do mes de agosto de 1967, recordei os tempos nos que xogaba ao fútbol, cuns mozos entre os carballos do campo da feira. O día seguinte visítanme na miña clínica, e me propoñen que faga algo polo deporte, por eles, que non teñen unha leira para xogar ao fútbol.
    Quero recordar a Xosé Manuel Curros, Francisco Rey Carreira (E.P.D.), Manuel Moscoso e Perfecto Mosteiro. Entrevista co Alcalde e notario D. Antonio Pol González, que con gran acollida pon á nosa disposición parte dun monte que acababa de adquirir o concello para o grupo escolar, “monte do viso”, cunha condición: que eu me puxera ao fronte da sociedade. Non puiden negarme se queriamos facer un campo de fútbol. Visita ao terreo municipal acompañados por D. José Salgado Rodríguez, gran mecenas que nos ofreceu un tractor para rebaixar o terreo, totalmente gratuíto e que foi a primeira colaboración. Chamamento a persoas que eu coñecía e trataba, que se quixeran sumar a colaborar co proxecto. Responderon afirmativamente: Manuel Saavedra Pereira (farmacéutico), Xosé María Paz Ramos (funcionario municipal), Manuel Garea Ares (mestre Nacional), Luís Cascón Raposo (empregado de Banco), Xoán Rodríguez Cascón (funcionario do rexistro), Heliodoro Fidalgo Veloso (autónomo no taller mecánico), Xosé Mosquera Ramos (autónomo na zapatería) e Xosé Carlos Trillo Rodríguez (mestre Nacional de Burres). Con estes bimbios, nunca mellor dito, constituímos a Comisión Xestora, que logo se convertería na primeira Xunta Directiva.
    Dous obxectivos: un complexo polideportivo para unha sociedade deportiva, cultural e recreativa, de titularidade municipal; e unha sociedade deportiva de estrutura democrática, participada por toda a sociedade civil de Arzúa. Ambos obxectivos imprescindibles para que perdurase no tempo, como así sucedeu. Por unha parte, para poder practicar o deporte nas distintas modalidades e con preferencia do fútbol, como di o art.º2º do regulamento. Pola outra, que todo o pobo de Arzúa se sentise vinculado a SD, que tamén se logrou, con unha aportación dos veciños, porta por porta, de 40.000 pesetas, que foi o primeiro capital social da SD.
    E chega o dia 4 de outubro de 1967 (50 anos) na sede do concello, en presencia do Sr. Alcalde -e tamén notario de Arzúa- D. Antonio Pol González, constitúese a S.D. Arzúa, cuxa acta tamén firman: Manuel Sanmarin Quintela, José Cendón Conde (Pepiño), Luís Martínez González, o reverendo Manuel Castro Garcia, Luís Pimentel Garcia, Bernardo Cea Rodríguez, Xosé Mª Curros Fuentes e Antonio Raposo Rodríguez.
    O seguinte paso foi legalizar a sociedade ante o Goberno Civil e contratar un adestrador para ir formando o equipo con tempo suficiente para que estivera preparado para participar nunha competición federada. Aparece Jesús Cea Seoane, primeiro adestrador da SD Arzua que comenza a temporada 1969-70 na denominada Liga do Sar, co equipo federado. Cabe sinalar que os catro mozos protagonistas desta historia, ilusionante e real, formaron parte de aquel primeiro club destacando coas súas actuacións.
    Hoxe Arzúa conta coas mellores instalacións deportivas de todo o entorno comarcal, nun complexo onde se poden practicar todos os deportes tal como era o obxectivo da súa fundación. A ampliación e melloras aportadas polo concello e a boa xestión dos presidentes e directivas durante estes 50 anos, coa colaboración de todo o vecindario, maniféstanse na celebración deste 50º aniversario cunha SD puxante, militando o equipo na rexional preferente e aspirando a mais, que ben puidera ser esta temporada.
    O día grande da celebración foi o 5 de agosto pasado, coa celebración de actos esplendidamente organizados polo comité presidido por Victor Gómez e a súa Xunta Directiva, dignos de calquera entidade de maior rango. Victor, actual presidente da SD, pertence á familia Gómez Cea, que sen desmerecer a outras, foino todo, ou case todo, na vida da sociedade durante os 50 anos; de dez presidentes seis pertencen á mesma, sponsor “Toldos Gómez” e demais colaboracións. Pero tamén, non podemos esquecer ao vecindario como afección, porque penso que non hai familia en Arzúa que non teña algún membro vinculado, como directivo, xogador ou simplemente afeccionado á S.D. que consideran como algo propio.
    Teño que manifestar a título persoal, que recibín todos os honores ós que unha persoa pode aspirar: dende ser nomeado Presidente de Honra, hasta darlle a titularidade ao campo “Polideportivo Manuel Tojo”, acordado por unanimidade pola Corporación do Concello na sesión plenaria do 18 de Xulio de 1992, coa celebración do 25º aniversario, sendo alcalde D. Manuel Moscoso e presidente da SD. Don Jesús Rodríguez Carril, e ratificado pola Federación Galega de Fútbol a proposta da xunta directiva da SD. Sen esquencer o agradecemento que sempre me mostran afeccionados e veciños cando visito Arzúa.
    Pero como sempre falta algo, non quero perder esta ocasión para recordarlle o Sr. Alcalde e ao Presidente da S.D. que teñen un compromiso adquirido de colocar en algún sitio do complexo unha placa cos nomes dos homes que formaron a primeira directiva fundadora, a maioría sen ser afeccionados ao fútbol, e xa desaparecidos, pero que se entregaron con esforzo e sacrificio a levar a término o proxecto en beneficio da Vila de Arzúa.
    Así se conseguiu inaugurar en dous anos o primeiro polideportivo da comarca de Arzúa, coa presencia dunha autoridade nacional, o Exmo. Sr. D. Benito Castejón, Secretario de Estado de Educación Física e Deportes, un memorable 31 de agosto de 1969, con un partido RC Deportivo e SD Compostela. Pois ben, estes homes non poden ser esquecidos. Un pobo ten que coñecer a súa historia, e o seu labor en prol do que hoxe é orgullo de todos, gracias a que un día eles puxeron os cimentos dun proxecto hoxe realidade.


    Presidente de honra e fundador da SD Arzúa

    26 sep 2017 / 20:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito