Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Cunqueiro non ‘tuiteou’ nunca

Álvaro Cunqueiro tiña un compromiso esencial, de fondo, coa perdurabilidade e a trascendencia no tempo // Son moitas as voces que nos alertan actualmente do perigo da banalidade no mundo-rede

    En máis dunha ocasión dixo que quería ser cociñeiro dun ministro. En realidade, non ía tan desencamiñado. O Álvaro Cunqueiro xornalista acabou sendo o cociñeiro maior dunha alquimia de palabras orballadas pola erudición, a fantasía, a ironía poética e un envés inapreixable de melancolía. O arquitecto de historias podía iniciar un artigo sobre a colleita de cereixas en Mondoñedo pola revelación sensitiva do froito madurecido para levarnos aos tempos de Lúculo e Heráclito, nun xogo restrospectivo de fasquía cultivada, e rematar cunha reflexión existencialista da man de Bertrand Russell.

    Nas mañás misacantanas de Elsinor tocaba as teclas dun órgano distinto: o da súa máquina de escribir, con tubas imaxinarias para construír os traballos xornalísticos cunha musicalidade fraseolóxica de lingua antiga e recendo a lirismo. Tras o perfil de abade mitrado e de gran orador, que amasaba as palabras como quen amasa fogazas de pan tenro, agochábase o gran imaxinador inverso. Isto ten unha explicación. Cunqueiro, xogando coas etiquetas, deixou dito nalgunha entrevista que non era un escritor de fantasías, senón un autor realista, porque a realidade está composta de vida obxectiva e de soños. Lanzáballes así unha estocada con feitura de paradoxo aos que araban o suco monocorde do realismo social.

    Hai que imaxinar a Cunqueiro nos anos de pedra, desamparado, despousído do carné de xornalista, refuxiado no Mondoñedo nativo, tecleando os seus artigos de ourive. Eran tempos grisallentos de horizontes pechados para o saudoso Álvaro. E nese mundo precario parecía asistir á revelación gozosa dos pequenos temas que el convertía en pezas sobranceiras de harmonía unitaria. Podía escribir, poño por caso, sobre o San Froilán, a chegada do outono, o polbo saboreado con fruición na última feira, as falas das tabernas, os peregrinos encarreirados cara a Compostela, mesmo sobre as pantasmas do rural lugués.

    (Más información en El Correo Gallego)

     

    28 dic 2011 / 21:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito