Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Da Habana traio un mandado... Por Felipe Cid Domínguez

    Aos poucos días de se cumprir un aniversario máis da descuberta de América, 135 anos da constitución en Cuba de "Naturales de Galicia", primeira asociación cívica non gobernamental de galegos de ultramar, e próximo a celebrar o 99 aniversario da entoación por primeira vez do Himno galaico, feito acaecido na Margarida dos Mares (como bautizara Cuba o mariño galego Sebastián de Ocampo ao realizar a primeira perimetraxe do arquipélago cubano), quero compartir con vostedes, lectores da Galiza territorial, a importancia histórica para o fogar de Breogán destes e outros acontecementos, así como tamén dar a coñecer a situación real de galegos e descendentes, quen, malia o tempo, manteñen viva con penurias e desacougos a raíz galaica á outra beira do Atlántico.

    Moi por riba do xuízo, case sempre influído por motivos subxectivos, España e, dentro dela, Galiza levaron a cabo en Cuba obra de civilización, cultura e progreso, como testemuñan as valiosas realizacións logradas en todos os sectores da actividade humana creadora. A iso contribuíu, malia os numerosos atrancos postos no seu camiño, dende dentro e dende fóra, a vontade sempre activa da maioría dos naturais e descendentes afiliados ás máis de cen asociacións ibéricas en territorio cubano, galegas a maior parte delas, integradas por homes e mulleres que, sen esquecer o seu "anaco de terra galega", abrazaron durante anos a carón dos chamados crioulos calquera nobre causa sumándose aos que aman e constrúen.

    O territorio galego de hoxe non é o de onte, por iso estamos comprometidos a espallar nas novas xeracións que aquí non só houbo fillos de Galiza nos altos cumios, fosen hábiles mariños ou bispos benefactores. Tamén, e en número esmagadoramente maior, foron persoas sinxelas que, ao se achar en estreitísimo contacto co pobo, exerceron un intenso influxo até na fala do cubano ao achegaren palabras e apelidos galegos.

    Si, foron os de abaixo os que decidiron no asunto. Respecto disto, non debe esquecerse que en Cuba houbo escravos con ollos azuis e cabelo loiro, como descendentes que eran dos mesmísimos celtas: "colonos" galegos, traídos en condicións de semiescravitude, que contribuíron notablemente á inconfudible raza, cultura e estirpe dos insulares. Nada amigos, como dixera o grande antropólogo cubano e fillo de español, Don Fernando Ortiz, un ‘ajiaco’1 que deu lugar á identidade e nacionalidade cubanas.

    Os emigrantes galegos realizaron actividades exemplares, pois foron os primeiros en organizarse en sociedades ou agrupacións, contribuíndo ao desenvolvemento e afianzamento de todas as institucións benéficas, culturais e de progreso xeral en Cuba. Feitos que outrora foron expresados ou tacitamente recoñecidos como paradigma a seguir por alcadías, gobernos provinciais e, en máis dunha ocasión, polos propios gobernos de Galiza e Cuba.

    Aos benéficos froitos citados é preciso engadir os que levaron a cabo as grandes institucións chamadas "rexionais" como Mi Centro Gallego de La Habana, Hijas de Galicia e o acreditadísimo equipo de ensino Concepción Arenal, onde os meus avós se alfabetizaron e alcanzaron un nivel elemental de estudos. Os tres instalados en senllos palacios Gala e Ornato da Habana que, malia os 45 anos de seren intervidos e seren postos outros nomes, os orixinais aínda seguen resoando nos ouvidos de calquera cubano ou estranxeiro que os visite.

    Non podemos escribir parte da historia galega en Cuba sen mencionar a austeridade a toda proba dos nacidos aquí e a súa descendencia, que contribuíron coa daquela pobre Galiza creando escolas, politécnicos e outras institucións. Os gobernantes e cidadáns da hoxe próspera terra galega deben coñecer e recoñecer que, unido a todo este esforzo, os de acá non deixaron de darlles aos seus paisanos a axuda mutua nos casos de doenza, así como tamén poder participar talvez nun banquete ou nunha festa de irmandade anual e garantir, no derradeiro momento, un descanso póstumo nalgún dos nosos famosos panteóns no monumental cemiterio de San Cristovo da Habana.

     

    Falemos de Mi Centro Gallego de La Habana

    Cunha afiliación de arredor do 60% de naturais e descendentes e con sesenta mil membros en 1959, e sendo Don Camilo Vila Rodríguez o seu derradeiro presidente, desaparece esta antiga sociedade galega da Habana. A incautación do edificio en 1961 trouxo como consecuencia un momentáneo afastamento dos seus membros, mais recobraron folgos e, con intelixencia, lograron manterse até hoxe nel, onde, con altruísmo, corenta e tres asociacións galegas ofrecen beneficios a naturais e descendentes de galegos.

    Sen gabanzas e, moito menos, fanatismo partidista, recoñezo que a primeira visita do presidente de Galiza en 1991, a poucos anos do derrubamento soviético e a agudización da economía cubana, serviu para amolecer e desbloquear a intervención estatal do outrora Mi Centro Gallego de La Habana. Resultado final: un xenial acordo entre os gobernos galego e cubano. Este último cedeu mil metros cadrados no primeiro andar para uso exclusivo das sociedades galegas da Illa e trescentos metros máis no entrechán para a biblioteca. O resto do edificio seguiría baixo a tutela de Alicia Alonso e o Ballet de Cuba.

    Ao coñecer a cantidade de cartos (corenta millóns de pesetas daquela) investidos polo Instituto da Vivenda, xestionado por Manuel Fraga Iribarne, para a reparación das devanditas áreas, fixo renacer a esperanza e a fe perdidas nos emigrantes galegos da Illa. A ledicia asociativa expresada polos máis de mil cincocentos galegos e descendentes na romaría organizada nos Xardíns da Tropical en presenza do presidente galego e mais Fidel Castro Ruz, fillo de galego e presidente de Cuba, foi inesperada. Despois veu a inauguración das áreas e, con elas, a presenza na Illa de cada día máis funcionarios galegos.

    En realidade contamos con mil trescentos metros cadrados que precisan hoxe por hoxe do apoio administrativo e sentimental dos que dirixen as nosas colectividades a escala territorial e mais extraterritorial. Non debemos permitir que a cegueira política, administrativa e social imposibilite atopar métodos novos e modernos que faciliten a continuidade histórica galega na Illa. Para isto é preciso destinar esta área como Museo da Emigración Galega en Cuba. Tamén é de vital importancia inxectar nas nosas xuntas directivas sangue fresco, persoas audaces e intrépidas e coa capacidade de acción suficiente para modificar o que debe ser modificado, sen esquecer xamais as nosas raíces.

    Os representantes das asociacións que exercen a galeguidade en Cuba no VIII Consello da Galeguidade foron, como decote, discretos nos momentos de debate e formación das comisións de traballo. Por isto, os participantes e observadores deste evento puideron pensar que os galegos da Illa non teñen dificultades. A realidade é outra: as dificultades son moitas e variadas entre os naturais e descendentes que, afiliados ou non ás institucións, desgraciadamente agardan polo recoñecemento da Lei de galeguidade e os seus beneficios.

    Non ter solicitado neste Consello o recoñecemento da Lei de galeguidade para estas asociacións foi outro erro histórico. Os dirixentes galegos da Illa debemos esquecer un pouco o caciquismo e a perpetuidade no tempo e no espazo nas xuntas directivas. Pola súa banda, os gobernantes galegos deben colaborar coas institucións e visitar máis aos poucos naturais de Galiza residentes en Cuba, a maioría con máis de setenta anos de idade, merecedores de telos en conta, incluíndo os seus fillos e netos que tanto axudaron a Galiza, en ocasións sacrificando o seu benestar propio. Eses que sacrificaron incluso aos máis pequenos da familia negándolles cantidades ínfimas de cartos para ir ao cinema ou a outros lugares dicíndolles: "Rapaz, lembra que estamos aforrando para os de alá, que teñen menos...".

    É moi certo que a evolución sociocultural e mais económica de Galiza e a situación dos naturais e dos descendentes galegos no exterior mudaron. En Cuba diría que empeoraron, polo que cómpre introducir cambios que contribúan ao pluralismo comunitario. Os centros aos que se lles recoñece a galeguidade posúen, na súa maioría, máis recursos que os que aínda non se lles recoñecen. Debemos ter en conta as asociacións que aínda non reciben os beneficios desta Lei de galeguidade, fundadas tamén por fillos desa Galiza que defendemos todos sen excepción.

    Pregúntome: Por que non aplicar a Lei de galeguidade ás abnegadas asociacións que polos seus méritos hai tempo que deberían ser incluídas? Respecto da extensión da galeguidade ás persoas, moi ben. Certamente, borraría mitos e atentaría contra o hexemónico. Motivos máis que suficientes para non ter sido aprobada… Tamén aconteceu coa nacionalidade para os netos, a quen se lles mantén unha multa histórico-política que os obriga a ficaren un ano en territorio español para adquirir algo que teñen dende o seu nacemento. Seguiremos en combate…

    Cantas persoas traballan por Galiza de xeito individual, utilizando fondos do seu peculio persoal para loitar polo benéfico e mais os socorros mutuos, a arte, a cultura, os deportes, a recreación e outras actividades da Galiza emigrante sen a axuda de ninguén? Poño como o exemplo o boletín ‘Cova Céltiga’, fundado por min en 1997 e que se lles entrega de balde a todas as nosas institucións bimestralmente. Está xustificado entón o rexeitamento a lles outorgar a galeguidade ás persoas de forma individual? Ás veces confundimos a catalogación ou clasificación dos centros con outro concepto. Os naturais e descendentes traballan individualmente e teñen dereito a recibir os beneficios sen excluír os colectivos, é dicir, os centros. Por que non axudar a maioría dos non beneficiarios da Lei de galeguidade? En Cuba só nove entidades a exercen, algunhas delas posuidoras de confortables e típicos establecementos de gala e ornato público-social con bos dividendos… Erradas interpretacións de conceptos traen como consecuencia a abolición de algo que puido ter sido democratizador.

    Proseguirei co bastón de camiñante na man e o ánimo confortado, solicitando peregrinarmos xuntos: naturais de Galiza, seus fillos, netos e demais familiares pola ruta da esperanza, converténdonos en bordón xacobeo, confiados até chegar á nosa meta final. A miña axuda sen acougo a gañar esta necesaria batalla: a nacionalidade para os netos e descendentes sen restrición.

     

     

    1. En América, a palabra ‘ajiaco’ designa un guiso de caldo con carne, froitos e tubérculos picados en anacos e mais especias que varían de país a país. En Cuba quere dicir, coloquialmente, mestura, confusión, lea.

    26 nov 2006 / 18:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito